Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
Manolo González Cineasta e investigador

“José Gil foi o primeiro profesional do cine en Galicia”

Manolo González, co seu libro e, detrás, un retrato de José Gil. FdV

Manolo González vén ser o autor de Nos días encantados de agosto (Galaxia), a biografía máis completa que se ten escrito sobre José Gil (Barxa, As Neves, 1870-1937): un pioneiro do cine en Galicia e figura moi vinculada a FARO DE VIGO como íntimo amigo da familia Lema.

–Hora era xa de que se fixese unha ampla biografía dun dos nosos pioneiros do cinema. Que o moveu a realizar este traballo sobre José Gil e como conseguiu reunir tantos datos sobre él?

–A motivación foi azarosa e ten que ver coa miña descuberta deste personaxe e, nomeadamente, das películas que facía xa nos anos 20 do século pasado. A partir dese momento, ao longo da miña vida fun acumulando testemuños, facendo entrevistas a historiadores, consultado arquivos e hemerotecas como a de FARO DE VIGO na procura de documentación, tanto en Galicia como en América, sobre José Gil, de maneira que todo ese conxunto de información me permitiu levar a cabo a elaboración deste traballo sobre un dos que, segundo considero, foi un dos más importantes persoeiros de Vigo no primeiro terzo do século pasado.

–Este é o labor máis completo que se ten feito até o de agora sobre Gil...

–Seguramente, pero aínda así, quédame moito por pescudar. De todos os xeitos, e como me dicía Francisco Castro, este é un libro que xa se facía necesario.

–Dende logo, Gil foi un home moi emprendedor. É certo que durante un tempo foi o representante da automobilística Ford en Vigo?

–Así foi, entre 1914 e 1920, e nese etapa demostrou a súa grande habilidade no marketing. Até inventou un automotor-cine e desenvolveu unha manchea de iniciativas publicitarias.

  • Nos días encantados de agosto

    Manolo González
    Galaxia, Vigo, 2022. PVP. 26 €

–José Gil iniciou a súa carreira profesional como fotógrafo. Que motivou que se decidise a dar o paso de facer cine?

–En realidade, el era un rapaz de aldea que non tivo estudos superiores; toda a súa formación foi autodidacta, pero era moi intelixente e habilidoso. Na altura de 1909, en Vigo, cando considerou que acadara o seu cumio como fotógrafo, decidiu mercar unha cámara de cine e comezou a rodar películas sobre Vigo, unha tarefa, a de filmar a súa cidade, á que continuou dedicándose ata cáseque o remate da súa vida. Grazas a esas imaxes, hoxe podemos ollar a evolución que tivo Vigo dende 1910 deica 1934 e confirmar que se trataba dunha cidade marabillosa. Porque el era unha auténtico viguista, estaba namorado desta urbe desde a que, por certo, puxo en marcha as primeiras produtoras de cinema de Galicia. E tamén filmou moitos partidos do Celta daquela época porque el, obviamente, tamén era moi celtista, e tamén moi amigo da familia Lema, daquela propietaria do FARO DE VIGO, xornal ao que lle tiña devocion: líao todos os días.

–Aínda que se centrou nos documentais, Gil tamén fixo unha película de ficción, Miss Ledya.

–Si, pero iso hai que matizalo. José Gil non foi o director desta película senón que soamente exerceu de cámara, e con este filme o único que fixo foi filmar e montar as imaxes, por iso nunca incluíu no seu catálogo Miss Ledya. A min paréceme que, ademais do dito, coido que no quedou satisfeito con esa película que, en realidade, estivo dirixida e escrita por Rafael López de Haro.

–Un xénero que cultivou Gil foi o do chamado “cine de correspondencia”. Coida Vde. que se trata dun xénero audiovisual único mo mundo ou hai otros documentos similares noutros países?

–Hai algunhas cousas fóra, pero son pequeniñas. Aquí tivemos a sorte de que en Galicia existía unha produtora, a de Gil, que podía facer ese tipo de filmes e, en Arxentina, había outra persoa, Eligio González, que tamén producía películas para enviar a España. Ese concepto de “cine de correspondencia” foi o que lle puxen eu, e dígoo con toda modestia, para o conxunto de materiais aos cales cheguei pescudando e buscando onde podían estar as películas de José Gil, que era o que máis me importaba. No libro reseño 150 títulos desas películas e, xa que non estaban aquí, decidín ir a América a buscalas.

–E atopounas?

–Na actualidade consérvanse só sete películas de Gil, e todas están depositadas no CGAI. Pero estou certo de que en Vigo hai xente que, seguramente non o sabe, pero no seu faiado igual conserva unas latas vellas que…vaia, poderían conter cintas de películas de José Gil.

Retrato de José Gil, en "Vida Gallega" (1909).

Retrato de José Gil, en "Vida Gallega" (1909).

–En que medida (e falamos en termos técnicos, non ideolóxicos, obviamente) os seus noticieiros da Revista de Galicia se poden considerar un precedente dos No-Do do franquismo?

–Sono, pero hai que situarnos nun contexto. A idea de facer noticiarios xurdiulle porque asinara un contrato co Teatro Avenida de Buenos Aires para enviarlle alí un noticieriro mensual de todo o que ocorría en Galicia e que se chamaba Noticiero Gallego en América. A cousa ía ben, gañou bastantes cartos, pero coa chegada do cine sonoro rompeuse o contrato. Daquela, reciclou a idea e buscou e atopou a financiación dos industriais de Vigo a cambio de que estes inxertasen a súa publicidade nos documentais.

"Trátase, sen dúbida, dun dos persoeiros máis importantes do Vigo de principios do século XX"

decoration

–Chegou a facerse rico co cine? Por que morreu arruinado?

–Gañou cartos, como xa dixen, e converteuse no primeiro profesional do cine en Galicia, pero a chegada do sonoro foi un duro golpe porque, naquela altura, poñerlle son a unha película era carísimo, un luxo que só podían permitirse os norteamericanos, nin siquera os europeos. De súpeto, a súa produción quedou sen saída e, malia que o intentou, non puido seguir adiante e foise arruinando. Chegou un momento en que nin siquera lle deixaban proxectar as súas películas en Vigo. No ano 1935 vendeu todo o que tiña, caeu doente, e finalmente morreu dos anos despois.

–Por que non intentou marchar e exiliarse, como fixeron moitos dos seus compañeiros?

–Supoño que sería pola idade, pero é que tampocuo tiña por que marchar. Cando se proclamou a Segunda República tiña 62 anos e, en 1936, 67, co que significaba t esa idade naqueles tempos. De feito, morreu en xaneiro de 1937. De todos os xeitos, el non tivo nunca militancia política ningunha, a única afiliación que tivo durante a meirande parte da súa vida foi o cine; iso era o único que lle corría polo sangue.

–E ideoloxicamente?

–Poderíase definir todo o máis como rexionalista, pero non como galeguista, nacionalista nin tampouco republicano. Tampouco foi especialmente monárquico,aínda que rodou documentais sobre a estancia da familia real en Galicia. A el o que lle gustaba era que Galicia fose coñecida en todo o mundo.

Compartir el artículo

stats