Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A emoción feita palabra

Por lugares insospeitados

Detalle da ilustración de portada de "Unha nova dimensión".

A emoción faise palabra en Unha nova dimensión, poemario merecente da XXXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, convocado por Xerais e cuxo autor, Anxo Iglesias, se inicia con esta obra na publicación de creación literaria ao mesmo tempo que lle amosa ao lector mozo as posibilidades que ofrecen os versos, consciente de que a poesía constitúe unha nova dimensión que conviría explorar se desexamos construír un universo mellor.

Toma como base as dimensións, así que o punto e a liña, o plano, o espazo e o tempo convértense no eixo vertebrador dos poemas, composicións arriscadas, amables, doces, sentidas, salgadas, divertidas, fantásticas, reais e moi, moi emocionantes que apuntan directamente á imaxinación, que apelan á intelixencia do lectorado e que traspasan as fronteiras da potencialidade para buscar acubillo no mundo da ensoñación que ancora as súas raíces na vida cotiá, nos xestos aparentemente máis sinxelos ou na sensibilidade que transcende, que traspasa as fronteras da indiferenza.

As ferramentas das que se serve o autor están ao alcance de todos; son a palabra e a imaxinación que, unidas, son quen de transportarnos a lugares insospeitados; que, enriquecidas, axudan a entender o que sucede ao noso redor; que, mimadas, producen fermosas composicións que reconfortan o espírito e propician a reflexión.

Tamén a proposta plástica que realiza María Montes é digna de mención; son ilustracións que acompañan a un texto de por si atractivo e cuxa disposición no papel impactará no maxín do lector, polo que ten de novidade e polas ideas ás que alude, e que se ve enriquecido co trazo amable, divertido e suxerente que realiza a pontevedresa.

Definitivamente trátase unha boa idea de “sacar a bailar as palabras”!

  • Unha nova dimensión

    Anxo Iglesias (María Montes, ils.)
    Xerais, Vigo, 2022. PVP. 12,30 €

Compartir el artículo

stats