Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ciencias sociais

Da abolición á emancipación

Unha historia de terror: a escravitude (e III)

Cadro 'Barco de escravos' (1840), de J.M.W. Turner. Arquivo

Na década de 1780, só en barcos negreiros ingleses, foron transportadas arredor de 300.000 persoas secuestradas en África para seren vendidas como escravas nos portos do Caribe e de América do Norte e Inglaterra. Só vinte e sete anos despois, en 1807, o parlamento inglés prohibía a trata, o comercio transatlántico de persoas escravas. Que foi o que sucedeu, daquela, para pasar da súa aceptación á súa abolición en apenas unha xeración?

A abolición da trata: No ano 1781 prodúcese un feito, que, sen ser ningunha novidade na historia da trata, foi o desencadeante dunha reacción a prol da abolición entre o público inglés. Ese suceso, como relata Walvin na súa Breve historia da escravitude (2020), foi a masacre do Zong, un barco negreiro que o día 29 de novembro de 1781 botou pola borda 142 escravos vivos para poder alcanzar a costa con auga suficiente para que os superviventes puidesen chegar a Xamaica. Os propietarios do barco pretenderon cobrar do seguro unha indemnización pola perda, algo que non lograron debido á negativa da empresa aseguradora, o que motivou que os propietarios a fosen denunciar ante a xustiza. Esa masacre, que inmortalizou Turner no seu cadro Barco de escravos (1840), e o xuízo deron pé a un intenso debate intelectual, tanto na prensa inglesa como no seu Parlamento, protagonizado por Clarkson e Wilberforce que -logo dun pequeno retroceso polo medo ao contaxio revolucionario xacobino-, culminou no ano 1807 coa lei que puña fin á trata de persoas escravas en navíos da Gran Bretaña. Obviamente, os ingleses non ían renunciar a un lucrativo negocio en beneficio dos franceses, españois ou calquera outra nación con intereses nese mercado, polo que logo de que os norteamericanos tamén abolisen a trata en 1808, promoveron que o Congreso de Viena (1815) condenase a trata, aínda que os españois e os portugueses continuaron transportando persoas escravas a Brasil e Cuba, fundamentalmente, até o ano 1860; se ben que non foi até 1890 que a maioría das nacións de ambos os lados do Atlántico implicadas historicamente no comercio asinaron a Convención de Bruxelas, pola que se comprometían a loitar contra a trata ilegal.

Olympe de Gouges.

Olympe de Gouges.

A abolición da escravitude: Ora ben, o feito de abolir a trata non supuxo automaticamente a abolición da escravitude. Neste sentido, á marxe da abolición pioneira da escravitude promovida polos xacobinos franceses e inspirada por abolicionistas como Condorcet, Olympe de Gouges ou Sonthonax no ano 1794 -aínda que axiña se suspendeu e Napoleón restituíuna no ano 1802-, e polos xacobinos negros, entre os que salientaba Toussaint Louverture e Pétion, que lograron a independencia de Haití, o primeiro estado de escravos emancipados, a abolición da escravitude en América e Europa non se logrou até ben entrado o século XIX.De feito, un persoeiro tan salientable do pensamento liberal como Jefferson, autor principal da Declaración de Independencia do 4 de xullo, na que sostén “como evidente esta verdade: os homes son creados iguais” e afirma que entre os dereitos inalienables deses homes está a liberdade, era, o mesmo que Washington ou Madison, propietario de escravos, e nos EE UU a escravitude tan só se aboliu no ano 1865, logo da “proclamación de emancipación” que afectou só aos escravos que escapasen do control confederado durante a guerra de Secesión en 1863.

Mary Wollstonecraft.

Mary Wollstonecraft. Arquivo

Así mesmo, a maioría das nacentes nacións latinoamericanas optaron por diferentes formas legais, que oscilaron entre a abolición total (Chile, 1823; Bolivia, 1826; México, 1810 e, definitivamente, en 1829; Brasil, 1888), e diferentes estratexias do que se deu en chamar leis de “ventres libres”, que garantían que dalgún xeitos as persoas nacidas dunha escrava acabarían obtendo a liberdade. Ademais, habería que engadir as colonias españolas de Porto Rico (1873) e Cuba (1880 e, definitivamente, 1886).

Finalmente, alén do Reino Unido, que aboliu a escravitude en 1838, outros países “pioneiros” foron España (1837, só na península e nas illas Baleares e Canarias), Francia (1848, trala restitución de 1802) e Portugal (1854, parcialmente, e 1869, en todos os casos).

Abolicionismo e feminismo

Ao abeiro do debate abolicionista, Olympe de Gouges, autora dunha Reflexión sobre os homes negros (1788), na súa obra de teatro Zamore e Mirza (1789), establece por primeira vez unha estreita relación entre o feminismo e o abolicionismo; unha vinculación que reafirma no ano 1791, cando escribe a Declaración dos dereitos da muller e cidadá, sobre todo na arenga do postfacio.

Nesa mesma época, Mary Wollstonecraft sostivo, tanto en Vindicación dos dereitos do home (1790) como en Vindicación dos dereitos das mulleres (1792), que nin as mulleres son inferiores aos homes, nin os negros son inferiores aos brancos, xa que a desigualdade non ten unha orixe biolóxica, senón social.

Este compromiso entre feminismo e abolicionismo foi transitado ao longo de século XIX por feministas abolicionistas, tanto negras (Sojourner Truth, a muller que coa súa intervención “Acaso non son unha muller?” pronunciada na convención de Akron (1851) renovou esa alianza, ou Harriet Jacobs) como brancas (as irmás Grimké, Lydia Child, Harriet Beecher Stowe, a autora d’A cabana do tío Tom (1852) -un fermoso sermón contra a escravitude-, ou Concepción Arenal, quen en 1866 compuxo un longo poema denunciando a escravitude nas colonias e a quen se beneficiaba dela en España), e por homes, como Frederick Douglas.

Compartir el artículo

stats