Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A voltas coa irrelixiosidade

O Occidente sen deuses

Aspecto de la portada de "A irrelixiosidade en Occidente: a súa historia e vicisitudes".

Dende que Paulo de Tarso deu en sintetizar o pensamento platónico, coas ensinanzas do seu mestre, Xesús o Nazareno, o mundo occidental converteuse nunha creación divina. E non é que os deuses e as deusas non existisen antes; estaban aí, como unha creación humana máis, pero o mundo aprendera a convivir con eles con escasas interferencias: velaí está a famosa sentenza epicúrea, que nos invitaba a vivir como se non existisen.

Porén, dende os tempos de Constantino, a presenza de Deus impregnouno todo: dende o pensamento filosófico de tradición idealista -dende Santo Agostiño até Hegel, pasando por Descartes, Hume ou Kant-, até calquera outra manifestación cultural de Occidente, como o Requiem de Mozart, a Divina Comedia de Dante, os frescos da Capela Sixtina de Miguelanxo ou a épica Os dez mandamentos, dirixida por DeMille en 1956. Mesmo a cidade de Santiago xurdiu arredor da tumba dun dos apóstolos do Nazareno e na actualidade segue a ser destino final da ruta de peregrinación máis importante da cristiandade. Neste sentido, cómpre lembrar que ao longo da historia, para a maioría das xentes que naceron no Occidente cristiá, a Igrexa determinou as súas vidas, tanto no cotián como no espiritual... e aínda hoxe segue aí, interferindo nas nosas vidas en tanto que é quen de impor as súas conviccións ao conxunto da sociedade por medio dos púlpitos, dos partidos de inspiración cristiá, das escolas, hospitais e outras institucións, así como polos medios de comunicación desde os que se alenta a levar unha forma de vida cristiá.

Ora ben, fronte a esa presenza que o impregnaba todo, sempre houbo un pensamento materialista ou ateo, oculto por razóns de supervivencia ás máis das veces, ou sinxelamente irrelixioso, isto é, que non precisa da existencia dun deus para “arrostrar os avatares da vida humana”. Mostrar a historia do fenómeno da irrelixiosidade en Occidente é o obxectivo que se propuxo Flavio López López n’A irrelixiosidade en Occidente, volume que vén de publicar Laiovento.

  • A irrelixiosidade en Occidente

    F. López López
    Laiovento, Santiago, 2022. PVP. 17,95€

Compartir el artículo

stats