Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
Isabel Blanco Escritora

“Hai moitos casos de obras de mulleres asinadas por homes”

A escritora Isabel Blanco. Ricardo Grobas

En Galegas nas artes (Belagua Edicións e Comunicación), Isabel Otero realiza un percorrido polas rutas biográficas de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais: fotógrafas, pintoras e escultoras –nacidas entre o final do século XIX e a metade do século XX–, que se internaron no eido das artes coa forza do talento e mais o espírito de liberdade.

–A visibilización de nomes de mulleres na historia da Arte constitúe unha materia pendente. Supoño que esa sería unha das razóns polas que escribiu este libro. Que outras motivacións tivo para emprender a tarefa de elaborar Galegas nas Artes? Haberá unha segunda parte?

–Sen dúbida, o “borrado” das mulleres da historia da Arte- coma doutros eidos-científicos, intelectuais, deportivos e culturais- e a necesidade de rescatalas do esquecemento intencionado, foi o motor para escribir Galegas nas Artes, secuela de Galegas na Ciencia, publicada o pasado ano, ambas en Belagua. Respecto a se haberá unha segunda parte, nunca podes sabelo. O certo é que este volume de Galegas nas Artes só abrangue as artes plásticas e visuais ( fotografía, escultura e pintura ) quedando fóra outros labores como o cinema, a arquitectura, etc. Tampouco están todas as que son.

–Que criterio de selección aplicou para seleccionar estas 21 mulleres artistas?

–O criterio, como o de Galegas na Ciencia, foi triple: a galeguidade, a cronoloxía e que foran, nalgún sentido, pioneiras.

–O acto de presentación do libro converteuse en toda unha homenaxe a Mary Quinteiro. Atopou outras mulleres pioneiras da fotografía artística en Galicia?

–Si. Atopei tres mulleres fotógrafas pioneiras, nadas todas elas no século XIX. Josefa Santos ( Mondoñedo, 1831 ), María Cecilia Cardarelly (Zaragoza, 1845, foi a primeira retratista de Rosalía de Castro) e Cándida Otero Fontán ( Pontevedra, 1846, a primeira fotógrafa de Pontevedra).

"Maruja Mallo debería ser recoñecida como figura imprescindible na historia da arte"

decoration

–Unha artista que, dende logo por forza, tiña que estar neste libro é Maruja Mallo. Vde. coida que en vida se lle recoñeceu o seu talento ou tiveron que pasar anos, incluso morrer, para que se avaliase a calidade das súas obras?

–Maruja Mallo é unha das artistas máis importantes do século XX, se non a máis importante, como afirma o galerista Guillermo de Osma. Penso que, a día de hoxe, recoñecida xa pola crítica, non o é aínda en España por parte do público como si debería selo unha figura imprescindible e única na historia da Arte.

–Teño que confesar que algunhas destas artistas me resultan case descoñecidas; tal é o caso das que citaba antes. Por iso quixera aproveitar esta entrevista para que me falase un pouco delas. Por exemplo, María Cecilia Cardarelly Bousquet. Como xurdiron eses seus retratos de Rosalía de Castro? Onde se poden atopar?

–Das catro fotografías que se conserrvan de Cardarelly, dúas son de Rosalía de Castro. A primeria delas foi tomada, presumiblemente, no ano 1865 e hoxe pode atoparse no fondo da Real Academia Galega. A segunda apareceu no ano 2013,pegada a un folio incorporado a un volume de Cantares gallegos, cun texto manuscrito de Rosalía no seu revés.

–Antonia Santos García?

–Antonia Xosefa Santos García foi unha fotógrafa profesional- das primeiras de Galicia- nada en Mondoñedo en xuño de 1831. É coñecida coma a fotógrafa do “Carlismo Mindoniense” , por fotografar un grupo de carlistas que tomou as armas en Galicia no ano 1872. Descoñécese como chegou á fotografía. Exerceu a profesión durante máis de trinta anos, mais a súa obra está practicamente desaparecida. Consérvanse só pouco máis dunha ducia de fotografías no formato de “ Tarxeta de Visita.”

–Ademais de Mary Quinteiro, encontrou no período investigado algunha outra muller pioneira no fotoxornalismo en Galicia?

–Como fotoxornalista, non. Tendo en conta que as orixes do fotoxornalismo están na fotografía de guerra, non é doado atopar mulleres. Daily Gaphic foi, en 1880, o primeiro en utilizar a fotografía nun xornal para ilustrar unha noticia.

  • Galegas nas artes

    Isabel Blanco
    Belagua, Vigo, 2022. PVP. 18€

–Atopou casos nos que aínda que certas obras estén asinadas por homes, o mais seguro é que sexan de autoría feminina...

–Hai moitos casos na historia da Arte de obras asinadas por homes de autoría femininia. Son coñecidos os casos de Sofonisba Anguissola ( algunhas das súas pinturas foron atribuidas a El Greco), o de Lavinia Fontana e o da artista Fumiko Negisi e Margaret Keane. A sinatura de Judith Leyster foi borrada das súas obras polos comerciantes por considerar que as obras firmadas por mulleres tiñan menos valor que as asinadas por homes.

–Hoxendía na actual Academia Galega das Artes as mulleres están o suficiente, e meritoriamente, representadas?

–Segundo os datos, estamos moi lonxe da paridade. Desde a súa creación, en 1849, só dúas mulleres ostentaron a presidencia: a pintora María del Villar Mateo ( en funcións ) e a música e pianista María de las Mercedes Goicoa.

–Teño entendido que ten xa un novo proxecto editorial a piques de saír. Pode falarnos algo del?

–Si. Está no prelo e nuns días chegará ás librarías. É un libro de narrativa co que quixen crear un “ artefacto”, na súa dobre acepción académica de obxecto formado por un conxunto de pezas e fabricado para un fin determinado ou carga explosiva, como unha mina, un petardo, etc. A edición- cuidadísima e orixinal- é bilingüe ( castelán -galego ) e leva incorporado un plano despregable a modo de ilustración, realizado pola arquitecta Pepa González. Da corrección do galego, Silvia Penas, prólogo de Emma Pedreira e portada orixinal de Irene Silva. E, por suposto, tamén sairá editada por Belagua.

Compartir el artículo

stats