Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alén do petróleo

Libia: mapas e historia

Reconstrución do mapa da 'Ecúmene' de Heródoto (ca.450 a.C.).

As intervencións armadas en países estranxeiros semellan con frecuencia, polas súas consecuencias, a lámpada aquela que Aladino frotaba: facer saír o xenio é doado pero case que imposible facelo regresar ao seu interior. Unhas intervencións de marcado talante imperialista, cómpre precisalo, que normalmente argumentan unha coartada ética (ir contra un sátrapa) cando en realidade procuran dominar as riquezas do país. E no caso libio -como en Iraq en 2003 era Sadam Hussein-, o sátrapa era Muamar el Gadafi e o obxectivo, apoderarse do petróleo.

E contra el actuaron diversas potencias occidentais (Francia, principalmente, e os países da OTAN) en 2011, alentando a resistencia armada da disidencia (Consello Nacional de Transición). A intervención encadrábase no fenómeno das “primaveras árabes”, especialmente nos veciños Tunisia e Exipto. A brutalidade das forzas de Gadafi na resposta contra os opositores xustificou aparentemente o apoio armado occidental. Estes mesmos países que agora o combatían, vendéranlle anos antes material militar e policial, recibírano nos seus palacios e aceptaran doazóns (caso de Nicolas Sarkozy).

Pero a caída e morte, a mans de milicianos do CNT, do líder da Gran Iamahiría tivo unha consecuencia inmediata, de importante transcendencia e que desestabilizou ata hoxe a rexión do Sahel, como quen ataca un avespeiro. O ditador libio desconfiaba do exército regular por temor a un golpe de estado e para iso tiña unha garda mercenaria (non trabucar coa súa garda persoal feminina) formada por homes do Chad, Níxer e Mali, que ao quedaren sen emprego, pasaron a formar bandas armadas co paraugas de Al Qaida do Magreb Islámico.

E que teñen que ver neste asunto os mapas e mais a historia antiga? Os primeiros soen ser consultados polos servizos de intelixencia (aínda que non sempre os saiban entender) pero adoitan ignorar a segunda. Porque Libia -a Libia na que uns militares novos derrocaron o impopular rei Idris en 1969- estivo sempre ben lonxe de constituír un estado unitario. Dividido en tres grandes rexións (a Cirenaica e a Tripolitania na costa, e mais o Fezzan no interior), a súa estrutura demográfica estaba aínda vinculada a diversos grupos tribais de orixes nómades (amazighs no oeste, arabizados no centro e no leste) e unha historia que contemplaba o paso de gregos, fenicios, cartaxineses, romanos, vándalos, árabes, bizantinos, otománs e italianos.

O historiador grego Heródoto xa sinalaba hai dous mil cincocentos anos a importancia da Libia do seu tempo coma rótula entre o oriente e o occidente do Mediterráneo e porta de entrada ao interior do continente africano. Por iso, non se pode limitar a súa importancia estratéxica á costa e esquecer o seu papel verbo do Sahel, unha das vías de comercio máis importantes da historia, e da África que se abría ao seu sur, ignota para gregos e romanos. E tamén recollía o mosaico de pobos que vivían na rexión: amazigh e máis colonos fenicios, gregos e púnicos.

Volvendo á actualidade, o Consello Nacional de Transición deu paso en 2017 a un Consello Constitucional Provisional, que na súa proposta lexislativa non variaba o unitarismo establecido por Gadafi, que proclamou a única oficialidade da lingua árabe e do islam, coa sharia coma fonte xurídica. Tal vía fracasou -e non só por este motivo- xa que desde 2014 se estableceran dous núcleos de poder en Trípoli e en Tobruk, con dominio das respectivas rexións occidental e oriental e alianzas distintas a escala internacional. Ademais, diversas milicias armadas -algunhas vinculadas a grupos tribais- repártense o control das zonas restantes, xa que logo do interior. Ante esta situación de caos, a poboación amazigh empoderouse a partir dos cargos electos municipais, incluíndo o uso da lingua tamazight, non sen certas reticencias por parte das autoridades de Trípoli. Sen esquecer o absoluto ostracismo que estas exercen -como xa fixera Gadafi- verbo dos tuaregs Kel Tamasheq e mais os tubu do Tibesti, privados de todo dereito, incluso a nacionalidade, por non seren árabes.

Compartir el artículo

stats