Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
María Solar Escritora e xornalista

“Non todas as culpas son merecidas. O ben e o mal teñen matices”

María Solar. Jaime Pérez

María Solar é unha desas autoras das que xa se empeza a agardar un novo libro cáseque dende o mesmo momento en que se remata de ler o anterior. Por se fose pouco, neste caso trátase da novela coa que gañou o Premio Xerais de Narrativa, A culpa, que se presentará no Club FARO o 21 de novembro.

–Esta novela, A culpa, é tamén unha reflexión sobre iso mesmo que aparece no título. Como xurdiu en Vde. semellante temática que, por outra banda, ten sido tratada en numerosas obras literarias, como vén ser o caso de Crime e castigo de Dostoiesvski?

–A culpa é frecuente e dolorosa na vida, por iso é normal que forme parte da literatura de todos os tempos. Na novela ten unha presenza transversal, aparecen diferentes tipos dela e mesmo está por presenza ou ausencia. Hai actos gravísimos que implican culpa, pero hai tamén culpas impostas de fóra ás protagonistas, sen merecelas. Todas son culpables porque foron, en maior ou menor grao, transgresoras das normas sociais pero non todas as culpas son merecidas. O ben e o mal están cheos de matices e por aí se move a novela, entre as responsabilidades e as culpas.

–A culpa é so un sentimento propio da cultura e civilización cristiá occidental ou atingue a todas as culturas do mundo?

–En xeral, as relixións usan a culpa como unha maneira de control. A culpa pode comportar unha dor tortuosa a quen a sinte e, do mesmo xeito, ter o don de poñer ou quitar culpas é algo magnánimo e poderoso. Cando hai unhas normas, hai responsabilidade se as infrinxes pero o concepto de culpa na relixión vai máis alá. A persoa non sempre ten o control. O pecado orixinal dos cristiáns supón unha culpa que se transmite a persoas non culpables, unha culpa herdable. Desde nena a posibilidade de que un bebé morrese antes de bautizarse, e por tanto co pecado orixinal herdado de Eva, parecíame algo terrible, cruel e incomprensible. Eu creo máis na responsabilidade esixible a todos nós, sen mediar promesas de ceos ou infernos.

–En A culpa narra a historia dunha pescuda, a que a personaxe e voz narradora, Amanda, fai da misteriosa muller que a deixou como herdeira da súa fortuna. Así e todo, a súa novela non é propiamente unha novela negra. Pódese dicir que se resistiu Vde. á tentación de ir dar no thriller?

–Non sei se encaixa ou non no xénero negro, sen dúbida ten parte del. Cando escribo non penso en xéneros senón en historias. En A Culpa hai dúas novelas engarzadas, dúas tramas enguedelladas e que unha leva á outra. A historia de Amanda, que herda a fortuna dunha muller descoñecida e investiga quen era, é claramente un thriller cun rexistro cara ao xénero negro, pero no medio da novela aparece o diario de Mirtha Val que é moito máis literario e íntimo. Naceu así desde o comezo, foi a maneira na que quixen contalo.

–Como dixo antes, A culpa narra dúas historias, a de Amanda, e a das dúas mulleres que foxen a Buenos Aires. En cal desas dúas tramas hai máis ficción e cal delas está, digamos, máis inspirada en feitos reais?

–Todo é ficción na novela. Evidentemente podes recrearte en personaxes, situacións vividas, viaxes... pero a todo iso imprímeslle uha forza de torsión e convértese noutra cousa. Ningunha das protagonistas é real pero poden semellarse á realidade, a oficina bancaria que describes, o xestor dunha gran fortuna, o empresario que contrata artistas, o proxeneta que vende virxindades, a muller que é cómplice... Os elementos reais están ao servizo da ficción como cando creas un soño.

–Non adoita presentarse aos concursos literarios, pero resulta que desta vez si e gaña o Premio Xerais. Por que decidiu concorrer nun certame tal e que supón para a Vde. resultar vencedora?

–A miña gran razón para non presentarme a certames son os tempos e a impaciencia. Dispoño de pouco tempo para escribir, por iso cando remato un libro prefiro entregarllo á miña axente e buscarlle unha editorial, que agardar a unha convocatoria e resolución dun premio que pode tardar un ano. Son impaciente e funcioname o páxaro en man antes que o cento voando. Tamén acontece coas bases dos premios, que acostuman quedar cos dereitos noutras linguas e iso é algo que hai que valorar. Neste caso, cando a miña axente e eu falamos do Xerais, estaba a piques de pechar a convocatoria, pareceunos boa idea presentarnos e saíu ben. Foi unha alegría inmensa porque o Premio Xerais é un clásico, querido e recoñecido polos lectores. Desde adolescente é un dos libros que leo todos os anos.

"Creo que ser xornalista, e concretamente do audiovisual, marca todo o que fago"

decoration

–Esta novela quizais sexa a súa obra máis dura, máis dramática. Vai marcar un antes e un despois na súa traxectoria literaria?

–É unha obra de madurez literaria e persoal e si que medrei escribíndoa. Foi un proceso longo de varios anos. Pero tamén teño que dicir que en todos os libros, sexan infantís, xuvenís ou de adultos, sinto que atraveso ese proceso de aprendizaxe. Todo fai evolucionar como creadora pero con algúns libros o impulso é maior. É un libro importante para min, sen dúbida ningunha.

–A súa traxectoria literaria comezou como escritora de novelas e relatos enmarcados na literatura infantil e xuvenil. Ten pensado regresar a este xénero?

–Nunca o deixei. Son escritora de literatura para todos os públicos e gozo de saltar dun noutro. Póñolles a todos a mesma intensidade, traballo e cariño. O público para o que escribo depende da historia que queira contar. Así que haberá moi axiña novelas para público infantil e xuvenil.

–En que medida ser xornalista inflúe nos temas que elixe para as súas obras literarias?

–Creo que ser xornalista, e concretamente do audiovisual, marca todo o que fago. Para min hai unha conexión natural entre as imaxes e as palabras, sendo distintas maneiras de narrar, que o son, pero non podo negar que está presente. Nótase no tipo de narradora que son, na brevidade e precisión, nos diálogos, nas imaxes literarias, e por suposto no coñecemento de historias e mundos ao que teño acceso por ser xornalista.

–Se lle desen a escoller, e puidese, que elixiría: deixar a súa traxectoria xornalísitica ou a literaria?

–Non podo elixir, son complementarias. Non estaría ben sen ningunha delas, forman parte de min.

Compartir el artículo

stats