Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

Clasicismo formal e conceptual

Un poeta con táboas

Aspecto da portada do poemario "Baixo terra. No ar".

O poemario que vén de publicar Manuel López Rodríguez é o último ganador do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, cuestión que non chamaría demasiado a atención se non fose que este autor leva como unha ducia de premios gañados nos dous últimos anos. Se cadra o noso sistema literario ten algo que achegar á literatura universal: un dato coma este para o Premio Guinnes dos Récords. Habería que estudalo aínda que só fose material para o anecdotario.

Estamos diante dun poemario de amor. Despois do dito, coido que o máis interesante da lectura a priori é comprobar as táboas do creador para sempre estar en tan excelsa posición dentro do stablisment literario galego, se dun ente tal se puidese falar por moi cutre que este nos puidera parecer.

A medida que un vai avanzando na lectura decátase que estamos perante un poeta que tira de lectura e clasicismo formal e conceptual. Cando falo de clasicismo amplío o termo a todos aqueles aspectos xa canonizados na nosa literatura, mesmo a contemporánea. E a verdade é que cumpre todos. Non iamos pedirlle que innovara. Nunha parte estruturalmente importante do poemario López tira da imaxe-tropo-tópico manriqueño cunha adecuación ao seu discurso moi interesante. O concepto de desandar o río dende unha perspectiva amorosa dálle moito xogo e vén acaído para unha poesía amorosamente atormentada por momentos.

Outra das cuestión que coido debemos subliñar é o xogo de espellos que desenvolve cun eu lírico en femenino que desenvolve o groso das sensacións cara un el lírico ausente mais implícito en cada unha das verbas e das experiencias expostas. Hai que ter en conta que este xogo entra dentro da intertextualidade que o autor pretende enganduxar con textos anteriores a este Baixo terra… Puntos de vista para unha experiencia compartida. Un xogo para poñerse no lugar da outra que resulta interesante na diferenciación entre eu lírico e autor.

Formalmente tampouco achega novidade. O versolibrismo impera,mais cunha característica que o sobrancea: hai ritmo. Sabe o que fai. Non só por eses encabalgamentos radicais que chegan en ocasión ao lexema mesmo de certas palabras, senón que pola cadencia, ton e plasticidade que amosa dende o principio ata o final do texto. Nada novo nin no conceptual nin no formal, mais si oficio de poeta para levar este proxecto con solvencia. Este libro, como dixemos máis arriba, rezuma autor con táboas, con técnica e con cousas que dicir. Sen ser brillante, si é un poemario que non desentona.

  • Baixo terra. No ar

    Manuel López Rodríguez, Xerais, Vigo (2022). PVP. 12,30€

Compartir el artículo

stats