Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Banda deseñada

No bosque dos raposos aforcados

Arto Paasilinna en BD

Portada de 'Ainhoa. Black is Beltza', de Arto Paasilinna (1942-2018).

A mediados deste ano, Rinoceronte Editora publicou a versión BD da novela homónima, tamén publicada por ela, O bosque dos raposos aforcados, escrita por Arto Paasilinna (Finlandia, 1942-2018). Rinoceronte é unha editorial nada no, xa lonxano, 2005 e creada polos tradutores e editores Moisés Barcia Rodríguez e Penélope Pedreira. Está situada en Cangas. É unha editorial pequena, especializada en tradución, que tenta cubrir un sector minoritario e escasamente atendido dentro da literatura en galego. Céntrase en obras actuais de interese universal, moitas veces publicadas inicialmente en linguas minoritarias. En 2006, e con tradución de Tomás González Ahola (Vilaboa, 1981), a novela (1983) de Paasilinna converteuse no primeiro volume cunha tradución directa do finés ao galego.

Entre as coleccións de Rinoceronte, atopamos unha dedicada á novela gráfica a partir de 2011, constituida por grandes long-sellers, títulos “básicos” dunha ou dun amante do cómic, que podemos gozar en galego grazas a eles, e velaí, entón, títulos como Maus (Art Spiegelman), Persépolis (Marjane Satrapi), Contrato con Deus (Will Eisner), Palestina e Gorazade, zona segura (Joe Sacco), Entender o cómic (Scott McLoud), Pyongyang (Guy Delisle) ou Fun Home (Alison Bechdel). Pois ben; a esta colección vén sumarse agora O bosque dos raposos aforcados, adaptación ao cómic realizada por Nicolas Dummontheuil (Francia, 1967), en 2016 para Futuropolis, selo BD da gran Gallimard. A tradución do francés ao galego corre a cargo de Sergio Gómez Blanco.

  • O bosque dos raposos aforcados

    Arto Paasilinna
    Rinoceronte, Cangas (2018), 260 páxs.

Oiva Juntunen é un peculiar ladrón de medio pelo que acaba metido nun gran golpe ao goberno de Noruega. Mentres que os seus cómplices acaban no cárcere, el logrou evadirse e leva unha boa vida de novo rico. Isto cambia cando as penas dos seus ex compañeiros chegan á fin e van buscalo para confrontalo e reclamar a súa parte do botín. Consumido pola ambición e o medo, decide fuxir cos seus lingotes de ouro e ocultarse na Laponia finlandesa. Alí atoparase con Remes, un militar con problemas de adicción ao alcol, con Naskia Moskinoff, unha nonaxenaria fuxitiva chea de retranca e, non menos importante, co raposo Cincocentos.A través de 144 páxinas en branco e negro desenvólvese unha trepidante fuxida a ningunha parte que permite gozar pero tamén reflexionar. Dummontheuil reinterpreta e adapta a historia da novela á perfección, tanto a nivel visual como na construción da secuenciación narrativa.

Arto Paasilinna (1942-2018). Arquivo

O autor atopa un equilibrio non sempre fácil entre a violencia e a tenrura, mentres avanzan as aventuras cada vez máis delirantes dos protagonistas, convertendo a historia nunha novela negra con certos toques de realismo máxico, chea de situacións extravagantes contadas sempre con humor. Ao longo destas aventuras non se descoida o arco argumental do desenvolvemento dos personaxes, que se produce de forma orgánica e fluída; sempre pasan cousas pero sen que a narración pareza acelerada.

Nesta viaxe física e emocional que non parece ter unha meta concreta (fuxir, si, pero sempre?) está presente arreo un subtexto reflexivo. Cuéstionanse as estruturas sociais, as “viaxes interiores”, a capacidade de corrupción do poder (ou o diñeiro, que en moitos casos é o mesmo) e tamén se enxalzan valores como a lealdade ou a amizade, que ás veces ocorre nos contextos máis inesperados.

Viñeta da versión en BD de 'O bosque dos raposos aforcados' (2022).

A narración está acompañada, sen verse eclipsada, por un estilo de debuxo detallado, que en ocasións roza o caricaturesco, e que dota de grande expresividade aos personaxes e mantén sempre nun primeiro plano ese ton de humor, moitas veces negro, tan característico da obra. As paisaxes teñen un gran peso ao longo da novela; sen chegaren a converterse nun personaxe máis, contextualizan a nivel emocional ao resto deles, todos perdidos nunha inmensa nada.

Agora que parece que por fin o frío xa veu para quedar, polo menos unha tempada, é un bo momento para perderse na Laponia cunha bebida quente, desde o refuxio do fogar, e aplaudir iniciativas como a de Rinoceronte que nos permiten ler BD estranxeiras interesantes, pero “menores” na nosa lingua, algo non tan habitual como sería desexable no sector editorial.

Ainhoa. Black is Beltza

Foi en maio deste ano cando Demo Editorial anunciou a coedición en galego coas editoras Eikar e Reservoir Books da segunda parte de Black is Beltza, acompañada polo nome da protagonista da secuela: Ainhoa.

En 2014 aparecía a primeira parte (da man dunha longametraxe de animación) na que se nos falaba das andanzas de Manex Unanue tomando como punto de partida un evento de 1965, no que se convida á comparsa de xigantes de Pamplona a un desfile na Quinta Avenida de Nova York. Nese desfile, por racismo, prohíbese a participación dos xigantes negros: un deles está “conducido” por Manex.

En 2022, Ainhoa. Black is Beltza, está debuxada por Susanna Martín (Barcelona, 1976). Ao equipo de guionistas orixinal, o polifacético Fermín Muguruza (Irún, 1963) e Harkaitz Cano (Lasarte-Oria, 1975), súmaselle Isa Campo (Girona, 1975). Este novo volume céntrase en Ainhoa, filla de Manex, quen protagonizará un novo periplo salpicado pola acción e o compromiso social.

Trátase novamente dun proxecto transmedia coa aparición simultánea no pasado outubro da película animada e as edicións do cómic en catro linguas (euskera, galego, catalán e castelán).

Compartir el artículo

stats