Libros

A aceptación do outro

Con valor extra

Detalle da ilustración de portada de "Oso Banda".

Detalle da ilustración de portada de "Oso Banda".

María Navarro

A colección de álbums ilustrados “Os Hematiños” increméntase cun título máis para disfrute do prelectorado e lectorado inicial, esta vez con Oso Banda, un conto que fala de igualdade e de ser diferente, do desexo de compartir cos iguais e da aceptación do outro e a forma en como o presenta O Hematocrítico non pode ser máis atractiva: o humor, a asociación de ideas, as mesturas de imaxes e mesmo a sinxeleza na expresión atrapa a atención dende o comezo que cun “Ola! Son unha osa banda” enceta o percorrido que a leva a presentación do grupo, a comentar gustos e afeccións, a aceptar outros animais similares e mesmo a repensar algunha decisión adoitada porque interesan, ademais das cores brancas e negras, outras que acheguen diversidade, sobre todo, se van acompañadas de suculentos manxares porque a ninguén lle amarga un doce.

Alberto Vázquez, pola súa parte, parece que o ten doado e emprega a cor negra, seguida da branca alternando páxina con texto e imaxe de trazo amable e dotando os animais de xesto divertido, solemne ou alegre segundo vai avanzando o relato ata iluminar de cores a escena final.

Para iniciar a cativada na tolerancia, no respecto ao que é diferente nada mellor ca o exemplo, nada máis efectivo ca elixir o mundo animal, sempre atractivo para eles, nada tan convincente coma permitir a rectificación, nada tan práctico coma compartir momentos entrañables para acadar unha sorte de harmonía que xa quixeran determinados coelctivos para si. Se a isto lle sumamos que a paciencia e a transixencia son aliados perfectos para fomentar a autoestima, para evitar condutas ou comportamentos agresivos ou para desenvolver a sensibilidade, o éxito de textos coma o que nos ocupa adquiren un valor extra que conviría aproveitar.

  • Oso Banda

    O Hematocrítico (Alberto Vázquez, ils.)
    Xerais, Vigo (2022). PVP. 10,45€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents