Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

A nova vida dos libros

Percorrido polas librarías de segunda man

Feira do Libro de Ocasión (Vigo). Arquivo

Respíranse vidas pasadas, un aire vello que se desprende dos andeis. Pode ser que, se abres as súas portadas, atopes outros anos e outras mans; outra voz narrando as mesmas palabras. As librarías de segunda man teñen esa cousa de facernos imaxinar, de sorprendernos; de amosar tempo sobre tempo, desempoando lembranzas. “Eu vivo do pasado”, comenta cun sorriso Alberto Domingo, propietario da xa icónica tenda Coleccionistas de Vigo.

Económicos e con personalidade, estes establecementos tórnanse unha vía de escape para a cultura, un dos sectores máis castigados pola crise económica e sanitaria dos últimos anos. Así, as súas vendas mantéñense na alza e, en palabras de Domingo, “isto sucede mediante mellores prezos”. Coleccionistas, cunha andaina de máis de vinte anos, é fogar duns 60.000 libros, que van desde o ano 1700 ata a actualidade; e onde cabe destacar os libros de historia ou de Galicia antigos. “Tivemos un exemplar asinado por Castelao”, comenta o propietario; e engade: “As mellores pezas, como esa, sempre se venden. É cuestión de poñelas a un prezo adecuado para o valor que teñen”. Percorrendo a rúa Romil, atopamos este enclave onde ademais podemos descubrir vinilos, cómics, selos e outros obxectos que cobran, tras o seu limiar, unha nova vida. “É un mercado alternativo e ecolóxico”, sinala, “todo o que está aquí xa foi fabricado, usado e, de novo, volve ao mercado. Mentres o utilizamos, non necesitamos fabricar máis”.

 Libraría Moreira da Costa-Carneiro (Lisboa).

Libraría Moreira da Costa-Carneiro (Lisboa). Arquivo

En maio de 2016, abriu as súas portas a libraría Trotalibros Low Cost. Atópase no número 21 da rúa Xerona, cun escaparate que preside unha pequeniña imprenta de madeira. “Creo que (a venda de libros de segunda man) foi a máis nos últimos anos”, comentan os seus propietarios, Gloria e Manuel. “A nosa maior sorpresa foi ver que hai persoas de todas as idades interesadas, universitarios e xente maior, que nos comentan que a estes prezos poden ler e, sobre todo, probar cousas novas”, referíndose a xéneros aos que ao mellor non estaban afeitos. Xa non enfocada no coleccionismo, senón na literatura contemporánea a un bo prezo, afirman que “sempre hai cousas diferentes porque depende dos libros que a xente lles leve”. Nesta rotación continua, adoitan descubrir dedicatorias, cartas, fotografías ou pequenos obxectos esquecidos, pertencentes aos anteriores donos.

“Nestes anos crecemos como negocio porque, xa antes da pandemia, abríramos a páxina web e comezaramos a vender por Internet”, comentan Manuel e Gloria, “o que máis lle interesa ao público é ter acceso dunha maneira cada vez máis fácil”. Pola súa banda, Alberto Domingo sinala que un 50% das súas vendas son agora a través de Internet, mais que “o negocio ía mellor en analóxico porque, aínda que chego a novos tipos de público, ter a metade das vendas online xera comisións, gastos e tempos de elaboración”. Non obstante, comenta Gloria que é máis habitual atopar este tipo de negocios como algo de venda física e non tanto online.

"Económicos e con personalidade, estes establecementos tórnanse unha vía de escape para a cultura"

decoration

Os libros, ademais de pasaren a outras mans, poden servir para fines benéficos, como é o caso da cadea Aida Books&More, distribuída por varios países e con librarías solidarias en diferentes puntos de España, unha delas na rúa Ecuador, en Vigo. “A xente doa os seus libros, facendo que teñan así unha segunda vida e coa recadación atendemos proxectos en diferentes países”, afirma María José. Unha rede de voluntarios encárgase de xestionar este traballo que, nas súas palabras, “é un labor social en canto a que acercamos a cultura a persoas que, por diferentes motivos, non poden costearse un libro novo”.

O libro en papel, coa súa tactilidade e o tempo descansando sobre as súas follas, continúa a ser unha peza imprescindible. “Noutras situacións, non houbo pugna. Co CD, acabouse o vinilo e co streaming, o CD; pero o libro en papel leva moitos anos convivindo co dixital e provocan sensacións moi diferentes”, afirma Manuel, da libraría Trotalibros. Así, existen outras librarías de segunda man, como a cadea Re-Read, que fan do seu labor unha alternativa dentro do panorama cultural, e retornan aos seus andeis as vidas pasadas de tantos volumes.

Compartir el artículo

stats