Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte: exposicións

Buenos Aires, Vigo, París

Polas cidades de Colmeiro

Visitantes na exposición de Manuel Colmeiro, na Galería Montenegro (Vigo). Eli Regueira

A Galería Montenegro presenta unha mostra dedicada en exclusiva á faceta de debuxante do pintor Manuel Colmeiro (1901-1999), que ilumina aspectos menos coñecidos do artista.

En conxunto, o labor de Colmeiro representa unha reformulación da temática popular galega, de base agraría, a partir de chaves formais debedoras da figuración europea de entreguerras. A estes aspectos, o noso pintor acrecenta unha intensa sensibilidade social, xa presente nos seus primeiros traballos.Mais esta orixe labrega e esta ligazón ás súas paisaxes nativas é formulada en grande medida nas cidades onde o artista viviu e que, como non podia deixar de ser, marcaron a súa obra, nomeadamente Buenos Aires, Vigo e Paris. No entanto, as características dos traballos realizados por Colmeiro con temas orixinados nas cidades son ben diferentes, modulados pola situación de vida do pintor e pola relación que estabelece co medio urbano.

"Pescadores" (Vigo, 1932)

"Pescadores" (Vigo, 1932) Manuel Colmeiro

Buenos Aires é a cidade que formou o artista, onde pasou a súa adolescencia e primeira mocidade como fillo de emigrantes e onde inicia o seu traballo artístico, marcado pola súa rebeldía contra o academicismo e as intensas preocupacións sociais. Preocupacións que comparte con outros artistas, como Demetrio Urruchúa ou Pompeyo Audibert, con quen participa dun mundo de referencias formais e dunha sensibilidade común.O grupo de artistas con que se forma Colmeiro, entre os que destaca o seu amigo Demetrio Urruchúa, é o de pintores figurativos que adaptan, con peculiaridades locais, a arte internacional, o que dá lugar á creación dunha pintura de observación e crítica social.

"Catedral de Notre Dame" (París, 1950).

"Catedral de Notre Dame" (París, 1950). Manuel Colmeiro

O pintor galego traballa, xa que logo, nun ambiente de forte inquedanza cultural e de preocupacións políticas, estéticas e filosóficas. Estamos a comezos dos vinte, nos anos inmediatamente posteriores á Revolución Rusa, e a influencia marxista tórnase evidente. Colmeiro e os seus amigos, Urruchúa, José Planas Casas e Pompeyo Audivert, inclínanse cara o movemento soviético, sen excluíren a admiración polo sindicalismo anarquista. Ao noso pintor esta preocupación social mesmo o leva a entrar a traballar nunha fábrica de zapatos porque, como el mesmo afirmou, estaba movido por intensas preocupacións sociais e quería ver o funcionamento dos sindicatos obreiros. A concreción destes estímulos pode ser vista nos debuxos que o artista fixo desde finais da década dos dez até mediados dos vinte, principalmente no porto da Boca. Son obras de carácter sintético e con certos trazos expresionistas onde o protagonismo está no proletariado portuario e nas paisaxes urbanas, entre guindastres e barcos, temas que na arte realizada en Buenos Aires estaban sendo popularizados por pintores como Benito Quinquela Martín e serían levados a unha poética próxima á Nova Obxectividade por Horacio Coppola nas súas fotografías da década dos trinta, captando, nas escenas do porto, o valor plástico dos fragmentos da vida e dos obxectos da actividade laboral.

TÍTULO

As cidades de Colmeiro: Vigo, Buenos Aires, París.

ARTISTA

Manuel Colmeiro

LUGAR

Galería Montenegro (Marqués de Valladares, 37). Vigo.

DATAS

Até o 8 de decembro.

En 1926 Colmeiro regresa a Galicia e o primeiro punto de chegada é o porto de Vigo, cidade que terá un papel importante na súa biografía anterior á Guerra Civil, de feito realiza en Vigo a súa primeira exposición (Sala do Faro de Vigo, 1928) e fai visitas habituais. Máis tarde, na súa madureza será a súa referencia en Galicia xuntamente coa casa familiar de Costela (San Fiz de Margaride, Silleda).

Os primeiros debuxos de Vigo, da segunda metade dos anos vinte, manteñen a fidelidade aos temas laborais de Buenos Aires, mais tamén sinalan a consolidación do seu estilo, xa inserido no contexto de preocupacións do movemento renovador da arte galega (Maside, Torres, Souto...): temática popular, sensibilidade social e figuración sintética postcezanniana que se inspira na arte máis esgrevia da tradición galega románica e popular.

Despois da guerra

A partir de 1936, exiliado por mor do terror da Guerra Civil, Colmeiro torna a Buenos Aires, mais este non vai ser o destino definitivo do artista xa que en xaneiro de 1949 Colmeiro regresa a Europa, instalándose en París, onde vai morar até 1986, aínda que con frecuentes estadías en Galicia, en concreto en Vigo e San Fiz de Margaride.

Exposición da Galería Montenegro.

Exposición da Galería Montenegro. Eli Regueira

O pintor desexaba instalarse antes en París mais a Segunda Guerra Mundial adiou este proxecto, que toma pulo unha vez rematado o conflito e na Arxentina a situación política, co peronismo, fai que moitos exiliados procuren outros destinos. As obras que dedica á capital francesa están, a diferenza das de Vigo e Buenos Aires, case totalmente centradas na paisaxe, sen unha presenza importante do elemento humano, como se este estivese sempre en Galicia, obxecto das súas preocupacións profundas. As chaves estéticas destas paisaxes están nese postimpresionismo que ten orixe en Cézanne e que foi obxecto permanente de revisión polo artista. Só ocasionalmente -maio do 68- podemos percibir o fondo humano e social que caracterizou boa parte do seu labor.

As cidades de Colmeiro son, por tanto, moito máis do que simples lugares biográficos, iluminan o proceso de formación e plenitude do pintor e informan sobre a súa situación nos diferentes espazos culturais e, ademais, documentan as súas máis profundas preocupacións en canto cidadán e en canto artista.

Compartir el artículo

stats