Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os reinos inventados

Polos países de Nunca Xamais

Camelot, capital do máxico reino de Arturo. Arquivo

Unha das facetas, divertida sen dúbida, do recentemente desaparecido Javier Marías era a súa condición de rei de Redonda, unha illa deshabitada e situada no mar Caribe, concretamente nas Antillas Menores. A desputa polas potencias coloniais por este rosario de territorios que van desde Porto Rico ata Venezuela, favoreceu a diversidade de identidades, o que facilitou a posterior opacidade fiscal ou, como no caso que nos ocupa, a existencia dun reino ficticio.

Redonda é unha illa de 1,6  km² e pertence como dependencia a Antigua e Barbuda. Foi obxecto do interese británico no século XIX polas extraccións de guano pero foi reclamada por Matthew Shiell, un banqueiro irlandés residente na veciña illa de Montserrat, quen en 1880 proclamou o seu fillo coma rei daquela rocha. A raíña Vitoria aceptouno a condición de que non entrase en conflito cos intereses coloniais. O título de rei de Redonda foi reclamado en 1997 polo autor madrileño e exercido ata a súa morte, tempo no cal concedeu diversos títulos a amigos seus.

Por unha desas ironías da vida, a morte de Javier Marías, o ficticio rei de Redonda, coincidiu coa da raíña Isabel II de Inglaterra, unha monarca de verdade pero cuxos boatos funerarios resultan más propios dun país de fantasía e non os dun estado moderno xa ben entrados no século XXI. Porque, ao cabo, a fantasía forma parte da existencia humana para escapar, nin que sexa de cando en vez, das nosas miserias cotiás sobre o chan. Pero para formalizar unha historia de fantasía precisamos dunha ferramenta, a narración, sexa literaria ou audiovisual.

Na cultura europea, a primeira presenza dunha corte inventada foi a do Rei Pescador (ou Rei Tolleito), que Chrétien de Troyes situou na súa novela Perceval ou o conto do Grial, que Von Eschenbach, no seu Parsifal, chamou Anfortas. Uns séculos despois, sir Thomas Malory aproveitou as historias da Materia de Bretaña recollidas na Vulgata para a súa Morte de Arturo, onde fixou literariamente a corte de Camelot e do rei Arturo. Pasados uns poucos anos, e con base nun imperio existente pero daquela xa desaparecido, Joanot Martorell con Tirant lo Blanc fixo que as aventuras deste cabaleiro o levasen á corte de Constantinopla do (inventado) emperador Ricardo, lugar de mil marabillas, para grande sorpresa dos lectores desta novela.

A reflexión sobre a condición humana que comezou co Renacemento e seguiu co Barroco e a Ilustración, levou a imaxinar lugares ben distintos, desde o que Tomás Moro situaba na súa Utopía ata a terra de Liliput retratada por Jonathan Swift en As viaxes de Gulliver. A partir da tradición folclórica, o Romanticismo (irmáns Grimm, Perrault) fixou a imaxe de reis e raíñas, príncipes e princesas, con contos como os de Brancaneves ou da Cincenta, que un século despois quedarían na retina de moitas xeracións grazas ás películas de Walt Disney.

A consolidación do colonialismo europeo e o establecemento artificial de novos dominios facilitou a aparición de reinos imaxinarios, como o que Anthony H. Hawkins creou en O prisioneiro de Zenda. Pero unha vez esgotado este filón, a imaxinación literaria xirou os ollos a unha Idade Media inventada, como fixo J. R. R. Tolkien fixo con O señor dos aneis. Unha operación repetida, xa na televisión de pago, coa serie Xogo de tronos, que sitúa con crueza o que no fondo é a cerna da historia das liñaxes reais: salvar o colo do machado (ou da guillotina).

Tintín en terras de Sildavia. Arquivo

E aquela pluralidade de identidades que vimos nas Antillas Menores, témola en Europa nos Balcáns, o que permitiu a Hergé inventar o reino de Sildavia, onde viaxaba o reporteiro Tintín en O cetro de Ottokar.

Pero así como houbo reinos de ficción, tamén houbo reis de mentira auténticos. Un deles foi o caso do estafador e aventureiro ruso Boris Skossyreff, quen en 1934 se proclamou rei de Andorra co nomes de Boris I. Denunciado polo presidente francés Lebrun -copríncipe andorrano-, foi detido pola garda civil española. Un perfil semellante ao dun conto de Rudyard Kipling -volvemos ao mundo colonial- que foi levado ao cine por John Huston en O home que puido reinar, con Sean Connery e Michael Caine.

 

Compartir el artículo

stats