Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espírito de época

Future Stories no MARCO

Peza exposta na mostra "Future Stories" no MARCO (Vigo). Ricardo Grobas

Gustaríame, antes de nada, esclarecer o título deste artigo que, se callar, podería confundir o potencial lector, xa que o tema de que trata é a exposición Future Stories, que actualmente se encontra no MARCO de Vigo. Veunos á mente este concepto de “espírito da época”, que traduce a palabra composta alemá Zeitgeist, ao asistir á presentación da exposición. Este espírito da época debe ser entendido non á maneira en que foi elaborado por autores románticos, como “espírito dun determinado pobo” nun momento fundamental da súa historia, senón nun sentido máis xeral como espello dunha época, ou como puña Goethe en boca do Fausto (versión galega de Lois Tobío): “O que chamades espírito dos tempos é, no fondo, o propio espírito dos señores en que os tempos se reflicten”.

Ese “espírito dos señores en que os tempos se reflicten” -na nosa altura claramente “señoras”, en feminino- tiven a sensación de que pairaba polas salas do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na inauguración da mostra; coas artistas e cos artistas explicando a obra e reflectindo a realidade epocal en que lles toca vivir. As obras -todas de intenso alento e creatividade e ben variadas linguaxes- e a excelente montaxe -debida aos comisarios Xosé Manuel Buxán Bran e Miguel Fernández-Cid- aparecían, daquela, como un testemuño plenamente coherente do momento (non só artístico) e do lugar onde vivimos e en certo sentido dun relevo xeracional.

Unha das obras expostas en "Future stories". Ricardo Grobas

A exposición, que nos ofrece a obra de creadoras e creadores galegos estudantes do último curso da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, permite enxergar algunhas das chaves da ollada máis actual, entre as que desde o noso punto de vista salienta a resposta á perda de interese polos trazos máis sutís da linguaxe plástica, polo carácter máis acabado da obra, que caracterizaba a arte de apenas hai dez ou quince anos; pola contra, domina agora a preocupación pola configuración ou consistencia dos motivos captados e por un novo interese pola linguaxe plástica, en especial pictórica, trasladada a todos os medios visuais.

Obras expostas en "Future stories". Ricardo Grobas

Non se entenda esta reflexión puramente como xeneralización igualadora dos artistas, senón máis ben como constatación dun proceso que se pode percibir nas artes máis recentes, o contexto en que as novas xeracións de artistas se ven inseridos. Outramente, nos contidos esta tendencia pola linguaxe plástica fai que a reflexión torne a un primeiro plano –entendido este concepto nun sentido forte-, sendo a solidez formal e o carácter meditado dos traballos o que xustifica as obras. E é neste territorio onde os novos artistas conseguen os mellores logros, na súa reinterpretación, lectura e diálogo cos elementos heteroxéneos da tradición da modernidade, que é xa inseparábel, e mesmo indistinguíbel, da creación artística no momento actual. É tamén aí é onde agroman moitas peculiaridades do contexto concreto que, sen dúbida marcado pola cultura global e a súa evolución –á que se fai mención no título da mostra Future Stories-, non deixa de manifestar a súa singularidade, procurada ou non polos artistas, mais sempre presente.

Visitantes na exposición do MARCO. Ricardo Grobas

Á vista das obras escolmadas, estas responden a variadas preocupacións, desde a presenza da nosa relación coa natureza até reflexións sobre a violencia, o xénero e a condición feminina ou as miraxes da era dixital en que vivimos, situándose nunha maneira de entender o medio artístico, levado a cabo cunha liberdade de enfoque absoluta, aspecto do cal moitas das obras agora expostas veñen constituír un excelente exemplo.

Obras e artistas de "Future stories". José Lores

Unha nova xeración

A mostra Future Stories, que se poderá contemplar no MARCO até o 8 de xaneiro recolle a obra de dez artistas novos: Antía Encisa González, Carmen Suárez Marcos, César Souto Rodríguez, Elsa Bouzas, Juncal A. Castro, Laura Cid Rascado, Lucía Perdiz, Raquel Álvarez Méndez, Sandra Gutiérrez Aldao e Xoel Gómez López.

A orixe da exposición remonta ao final de 2021, cando a Universidade de Vigo e a Fundación MOP asinaron un acordo de colaboración co obxectivo de promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, proxecto que permitiu ofrecer aos estudantes da Facultade de Belas Artes dez bolsas de 4.000 euros para o desenvolvemento de proxectos artísticos baseados nos seus Traballos de Fin de Grao.

Como resultado final de todo o proceso, a exposición Future Stories é agora presentada no MARCO, reunindo, nas salas do primeiro andar, as obras dos dez artistas seleccionados, en liña co obxectivo principal que estivo na cerna desta iniciativa: dinamizar as carreiras profesionais dos artistas recentemente licenciados en Belas Artes e recoñecer o seu potencial.

Compartir el artículo

stats