Hasta 64% DTO Suscríbete Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio

Reloxos con apelido

J. A. Fernández Lombardero, precursor dunha saga

Reloxos no Museo Provincial de Lugo. Alberto Paraje

Non se detén por nada nin por ninguén. Sábeno á perfección os reloxeiros, os medidores do tempo. No concello lucense de Ribeira de Piquín houbo un precursor que deu son a numerosas torres de igrexas e seos, á sazón inventor e ferreiro do século XVIII, cuxa casa familiar en Vilarpescozo aínda conserva o escudo de armas. A catedral de Mondoñedo ou traballos para o marqués de Sargadelos son algunhas das moitas obras que levaron o sinal dos Lombardero, saga na que cabalgan a historia e mais a lenda.

Detalle dun reloxo.

Detalle dun reloxo. Alberto Paraje

Se non perdurase algunha documentación orixinal e non houbese libros sobre a súa traxectoria, a vida e descendencia de Juan Antonio Fernández Lombardero poderían protagonizar páxinas de novela escritas pola imaxinación dun bo autor. O destino quixo que no remoto Vilarpescozo exercese un dos mestres reloxeiros máis prestixiosos do país, cuxas obras coroaron catedrais e edificios municipais, actividade á que seguirían elegantes reloxos de sala, obxecto de desexo de aristócratas de outrora e de coleccionistas de hoxe. Nace Juan Antonio Fernández Lombardero (Ribeira de Piquín, 1705), na parroquia de Santalla, descendente dunha familia vinculada á industria artesanal do ferro nas concas fluviais do Eo e Navia. Suponse que recibiu instrución en Humanidades no Real Colexio de Meira e, máis tarde, unha vez casado con Jacinta Teixeiro en Santalla de Piquín o 26 de xullo de 1730, establécese na casa de Vilarpescozo, á que chega por matrimonio, pois era Jacinta filla dun gran terrateniente da aldea. Alí pon en práctica os seus coñecementos de gnómonica coa construción de varios reloxos de sol, dos que se conserva o da igrexa parroquial de San Xoán dos Vaos, no mesmo concello de Ribeira de Piquín. Xa a mediados do século XVIII, posiblemente facendo uso da súa sabedoría en mecánica, adquirida dos seus devanceiros na fragua e na construción de enxeños hidráulicos, comezan a datarse os inicios da fabricación de reloxos de torre, proceso no que se encarga de todo, desde a adquisición e transporte das barras e pranchas de ferro en mazos e ferrarías, á elaboración na súa fragua doméstica das rodas dentadas, resortes e engrenaxes necesarios, ademais da montaxe e posta en funcionamento dos aparellos. En 1756 encárgalle un o concello de Ribadeo; un ano despois, o concello de Betanzos e en 1759 fabrica o da torre da catedral de Lugo, o cal xa indica a fama que ía alcanzando.

Reloxo de sol.

Reloxo de sol. Alberto Paraje

O seu fillo Francisco Antonio axúdalle a abrir unha nova modalidade industrial, a dos reloxos de sala, que non interrompe a construción dos de torre. O casamento da súa filla Isabel con Antonio Manuel Fernández Lombardero, morgado dunha casa rica de Santa Eulalia de Oscos (Asturias) achega á familia un novo membro que se suma á actividade reloxeira e, a pesar da coincidencia de apelidos, uns historiadores non ven parentesco; outros si, sen que haxa consenso respecto diso. En calquera caso o certo é que a actividade se intensifica e Lombardero convértese nun selo de distinción para calquera familia ou institución que teña un aparello medidor do tempo con este apelido. Non hai igrexa, mosteiro, ou casa soarenga da comarca ou da rexión na que non falte un reloxo Lombardero.

Mecanismo do reloxo de torre.

Mecanismo do reloxo de torre. Alberto Paraje

Viviu unha longa existencia o patriarca, pois alcanzou a provecta idade de 91 anos. O seu neto Francisco Antonio, nacido en 1768, será o perpetuador da saga, continuador dun oficio que aprendeu do seu avó, asentado no seu taller de Ferreiruela, en Santalla de Oscos. O seu ascendente tamén insuflou a nota de lenda á familia, pois foi construtor de dispositivos cos que tratou de voar e que chegou a poñer en práctica, cal Leonardo da Vinci da época.

Marca nos reloxos de Fernández Lombardero.

Marca nos reloxos de Fernández Lombardero. Alberto Paraje

O ronsel continúa

Varias desgrazas axexaron a familia de Juan Antonio Lombardero, que viu morrer dous dos seus fillos homes. A descendencia directa perpetuouna a súa filla Isabel ao casar con Antonio Manuel Fernández Lombardero que, segundo estudos do investigador Alberto Paraje, se implicou máis na tarefa administrativa da casa. Tivo este matrimonio por fillo ao referido Francisco Antonio, continuador do oficio en Santalla de Oscos.

Din del que herdou a vea inventora do seu avó, o que lle granxeou fama de estrafalario, aínda que foi gran reloxeiro fabricante dos últimos aparellos Lombardero. Conta Alberto Paraje no seu artigo “Juan Antonio Fernández Lombardero: entre la realidad y el mito” (Rev. Nalgures nº 19) que nos anos oitenta –sendo neno– visitou co seu pai o caseirón de Vilarpescozo. Alí “sobre mesas e bancos de traballo, acumulábanse estrañas ferramentas, trastos vellos e varios monllos de libros e papeis. O meu pai sorría emocionado como un neno e a súa mirada iluminábase mentres abría con sumo coidado un daqueles vellísimos libros cubertos de po. Estabamos no taller de Lombardero, entre as súas ferramentas e libros de contabilidade, executorias de fidalguía... encapsulados no tempo desde había case douscentos cincuenta anos….”. Aquel arquivo persoal de Lombardero en Vilarpescozo “foi levado un día por un 'investigador'” que non volveu aparecer.


Compartir el artículo

stats