Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Comentarios e apostilas á tradición da pintura

Ángel Cerviño no Espazo de arte Sirvent

5

Obras de Ángel Cerviño expostas en SVT. Espazo de Arte. Eli Regueira

Enxergando a nova mostra de Ángel Cerviño (Lezoce, Sarria, 1956), veunos á mente un pensamento do poeta norteamericano Ezra Pound, quen afirmaba que a tarefa do heroe é o reto que debe afrontar calquera creador. Esa é, coidamos, a actitude coa que un pintor como Cerviño, que é tamén poeta, se dispón diante do traballo creativo, un labor que o artista entende como un construír desde a reelaboración das chaves da tradición occidental, chaves que abranguen desde o literario –do poético en especial- e o mitolóxico até a propia historia da pintura. Este esforzo faino o artista desde unha actitude que ten moito de prometeica e, xa que logo, de romántica, que cremos que o título da mostra, ese Naufragios y comentarios del aventurero conquistador Álvar Núñez Cabeza de Vaca, semella suxerir.

A pintura de Ángel Cerviño é froito, pois, de combinar un estruturado rigor conceptual cun elan poético, un pulo vital que traspasa o que en principio podería ser unha evanescente suxestión icónica ou paisaxística, mais que coa intensidade da súa pulsión acaba por conformar unha realidade pictórica moito máis complexa e suxestiva. A súa obra é pintura-pintura ao tempo que é linguaxe, historia, evocación, o que a converte nunha reivindicación da intelixencia emotiva ao servizo do feito pictórico, expresado por medio dunha aposta total do pintor que, por así dicilo, defende a súa obra con toda a enerxía, apostando de vez por cada obra concreta, perceptíbel mesmo nos pequenos papeis, unha actitude que é todo un programa que ten como norte a defensa da pintura e da súa capacidade de comunicación e de emoción.

Obras da mostra de Ángel Cerviño en SVT. Espazo de Arte. Eli Regueira

A concepción da pintura de Ángel Cerviño semella partir dun camiño que vai do sígnico ao alusivo, dun espazo en que o peso do signo, da palabra, está completamente inserido de xeito argumental na pintura –por exemplo no cadro La siesta de la razón (2002), un dos máis espectaculares expostos agora no Espazo SVT Sirvent–. Estamos perante unha pintura en que os títulos, como Ecce Homo, Berrea de Acteón, Insomnio, remiten desde fóra a unha realidade outra, establecendo unha relación especular e paradoxal. Os títulos funcionan como vectores que nos transportan mentalmente, de xeito que semella que o artista quere dirixir a nosa mente nunha dirección que a pintura non reafirma totalmente, mais que favorece e estimula unha serie de posibilidades de lectura, abertas pero enmarcadas pola contundencia que a palabra, o título, presenta.

Ángel Cerviño adopta unha posición que combina a contemplación, mesmo o voyeurismo entendido como un factor decisivo na concepción plastica da arte occidental, e a reflexión. Solidamente instalado nestes principios, non quere na súa obra dirixir a pintura cara a respostas definitivas no ideolóxico nin no político, mais si fai explícita unha vontade de evidenciar a problemática ética do ser humano, en definitiva sente a necesidade de participar no decurso –e no discurso- colectivos desde unha posición ética e crítica.

A obra de Ángel Cerviño hai que situala, polo tanto, moi vinculada aos conceptos e debates da modernidade, porque se posiciona entre a representación e mais a materia, nun momento de crise dos modelos herdados de imitación e de construción –tamén os da tradición da vangarda-, pénsese na “realidade virtual” ou na “simulación dixital”. Mais o que caracteriza a súa obra é a capacidade de distinguir novos aspectos das cousas, mesmo cando estas representacións sexan para nós ben familiares, porque o que consegue na súa pintura é relacionarse co obxecto de acordo coa súa organización interna evintando sempre calquera sombra de convencionalismo.

Unha das obras expostas na mostra de Ángel Cerviño. Eli Regueira

Reflexión e revisión do pasado

Para o noso artista o cadro é froito, daquela, de comprender a esencia do proceso pictórico, sen que este sexa froito dunha destilación elaborada en operacións automáticas, sen a dubidosa éxtase inmediata, máis ben é froito dun traballo metódico, que parte da configuración de elementos de distante significatividade que acaban por conformaren un todo, unha sintética e nova realidade no ámbito do cadro.

Por outra banda, en Ángel Cerviño é moi evidente a aposta pola pintura, sen querer en ningún intre renunciar á tradición que na arte occidental se foi elaborando ao longo dos séculos, aspecto este que se sente enxergando as súas obras. En todas as súa pinturas hai unha vontade de ligazón co pasado artístico en xeral, manifesto nos recursos formais, mais tamén na utilización do mundo mítico. Este último é permanente fonte para a reflexión e para o diálogo elucidativo sobre a condición humana, un factor que segue en definitiva a dotar de sentido calquera actividade creativa ou reflexiva e que, no caso da obra de Ángel Cerviño, toma forma no que poderiamos considerar uns auténticos “comentarios” e apostilas á historia da pintura.


Título: Naufragios y comentarios.

Autor: Ángel Cerviño.

Local: SVT. Espazo de arte, Sirvent, Gran Vía, 129, Vigo.

Até o 19 de novembro.


Compartir el artículo

stats