Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Música

Atemporalidades Caamagno

Cando "O mundo está derrotado"

Os cinco integrantes do grupo Familia Caamagno.

É doado atopalos de esmorga nalgunha noite de taberna, rock e contos ata o infinito nalgúns alxubes: deses de camareiro trasnoitado e volumes dos que xuntan tímpanos, na vella Compostela. E vale que eles son de Sigüeiro, de aló por Oroso, e iso entendemos que marca a personalidade, e moito, pois non hai máis que velos perder unha esquiva e barullenta partida de futbolín ou escoitalos falar das mil caras da vida que o anecdotario local deixa ao descoberto. Fano case sempre dende a parte de fóra dunha barra de cheiro a cervexa e xenebra derramada, para así podermos catalogalos coma especie única e diferente no ecosistema da nosa música, aínda que, iso si, cargada até as canizas de encanto e fermosa personalidade, non vaian pensar mal vostedes. E a estas alturas un xa os veu moitas veces bourando o seu rock de verniz gastado e ondas sonoras de cómplice atemporalidade. Xa puxeron a bailar a moita xente en moitos festivais e en moitas salas e ademais co extraordinario engado de facelo mediante o vetusto método da vella cuádriga rockeira de baixo, batería e un par de guitarras ao xugo, mentres o vocalista bate en nós con magnética vehemencia e escuras lentres de sol para protexerse das faíscas de volta. E así van aló case unha ducia de anos, varios discos, e algún EP cos que pouco a pouco foron conquistando os nosos corazonciños de ié-iés enxebres con moita retranca e moito ritmo.

  • O mundo está derrotado

    Familia Caamagno
    Tremendo Audiovisual / Folc Records

Agora chega o seu novo traballo, que veu a luz o pasado martes, e sae despois de publicar varios sinxelos de adianto que xa nos deixaban ver que este disco ía ser un deses que poñen un grupo no sitio que se merece polo indubidable bo traballo musical e pola calidade que desborda. O mundo está derrotado móstranos unha Familia Caamagno máis engraxada que nunca, máis atinada que nunca en cada arranxo e en cada composición e sabendo exactamente a mestura de ron e cola que debe levar un bo combinado, cousa máis complicada do que parece, créanme. Retranqueiros coma sempre pero con máis crema e máis certeiros que nunca nesa concepción da melodía pop de tacto pegañento e retrouso asubiable. Abren lume cunha versión de “Xuntos” de Juan Pardo, que se ben a quen lles escribe non lle fai demasiado “tilín” -vaia vostede saber a razón-, si que aplaude a atrevida revisión que, dende logo, leva á peza a unha nova dimensión. “Lévame a unha festa, pode que só quede esta” cantan en “Romper espagna”, poñendo cordura, e da boa, no problema separatista a golpe de riff, alguén tiña que facelo. E continúan coa crónica política dende o costumismo máis bailable con “O mundo está derrotado” ou o canto á amizade e ao paso do tempo en pezas como “A máquina virtual” ou a máxicamente entrañable “1996”, a miña preferida do disco e unha desas cancións que un ten que poñer en bucle e non baixa do coche ate que remata.

E falan aínda de “O día que Fraga morreu” e de querer ser un “Samurai” ou de curar penas do corazón a golpe de Rickenbackers e caralludas melodías de pop vintage con cheiro a anos noventa. Son ao final oito cancións que chegan para quedar no imaxinario Caamagno como un deses discos que abofé collerán verdío como un dos traballos máis salientables na andaina do grupo e tamén na fonoteca sacra do rock galego.

Producido, gravado e masterizado por Carlos Hernández Nombela nos seus estudios El castillo Alemán, en Madrid ,e editado por Tremendo Audiovisual e Folc Records, o traballo xa está en todas as plataformas de internet para a súa escoita e tamén no seu formato físico en vinilo nas vosas tendas de discos preferidas. Pode que o mundo estea derrotado mais quédanos a ilusión dunha noite máis. Quen sabe se ao fondo da barra atoparás uns de Sigüeiro.

Músicos nas rúas de Dublín.

Músicos nas rúas de Dublín. Arquivo

Música e turismo

Din certas estadísticas que, xusto neste momento, hai no aire máis de 15.000 avións cargados de pasaxeiros movéndose polo orbe. O turismo, o interese por coñecer outros lugares e outras culturas, medra cada día e ben o vemos tamén nas nosas vilas ateigadas de visitantes. E un non pode deixar de pensar no pouco que o aproveitamos para poñer a nosa música no mundo como fan nas vilas irlandesas ou escocesas, por poñer exemplos ben coñecidos.

Un visita eses países e queda abraiado polo respecto e posta en valor da música que teñen, con infinidade de actuacións en directo nos seus pubs, nas súas salas e nos seus escenarios. A música como reclamo, como produto exportable e tamén como motor comercial e económico; todo iso mentres aquí as leis perseguen os concertos en directo, incluso nos formatos máis acústicos e menos ruidosos. Aló, día a día, vemos músicos locais tocando en infinidade de escenarios hostaleiros nunha aposta cultural fermosa e altamente rendible mentres aquí atopamos denuncias, trabas e todo tipo de problemas legais que converten a vida dun músico, ou a do responsable dun bar que quere programar, na dunha especie de delincuente.

Custa entendelo; máis aínda cando falamos de formatos nada comprometedores para a traquilidade da veciñanza. A música en directo ten que estar obviamente regulada e, por suposto que regularizada nuns estandares de viabilidade decibélica e de horarios, e iso, a pouco que se queira, é tan posible como doado de facer. Só falta o interese político e mais o respecto social por unha realidade cultural que, mentres tanto, si goza dunha saúde e dunha calidade que xa quixeran ter noutros territorios do mundo onde abofé que ben o aproveitarían.

Compartir el artículo

stats