Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
Vicente Araguas Escritor e cantautor

“A literatura consiste en saber, querer e ter algo que contar”

O escritor ferrolán Vicente Araguas. FdV

Vicente Araguas regresa á narrativa con O lugar onde vou (Galaxia), volume no que reúne un monllo de relatos nos que fala “de medo, e de bares onde, ao non pasar nada, pasa de todo, de casas grandes que ven, sen poder facer nada, de como as mulleres se descolgan dos cadros...” 

–Aparentemente, os relatos de O lugar onde vou son do máis diverso pero, existe en realidade algún nexo de unión entre eles?

–Este libro trata de xente; de xente que vén ou vai a algunha parte, de aí o título. Para min, a vida é circular, daquela en O lugar onde vou os personaxes sempre andan procurando algo, malia que non saiban exactamente o que. Trátase de lugares, obxectivos ou espazos imprecisos, indefinidos. Por iso hai contos de todo tipo; hainos humorísticos, grotescos, de amor, da traxedia dun suicidio, da épica dun pobriño que quería chegar a ser estatua ecuestre….Son relatos realistas con algún toque fantástico, pero é que a vida tamén é así.

–Pilar Ponte, neste mesmo suplemento, titulou a recensión do seu libro “Sobre o ordinario e o extraordinario”. Que é o que separa na literatura o ordinario do extraordinario?

–No extraordinario é onde fica a imaxinación do autor, obviamente. Porque senón seríamos meros cronistas. Ocorre que,en moitas ocasións, saes a rúa e ollas algunha situación que, ao facela literatura, se transforma de ordinaria en extraodinaria. Para iso, claro, o escritor ten que ser imaxinativo, creativo. Eu adoito partir da poesía pero, cando escribo prosa, procuro que os relatos no sexan somente lírica. Para contar, son precisos tres elementos: ter algo que contar, saber contalo e, nomeadamente, querer contalo. Para min esa é a esencia da literatura e, a partir de aí, xorde o ordinario e o extraordinario, e todo iso peneirado pola imaxinación e por pensar que a propia vida é fantástica, porque cada día devén unha sorpresa.

–Cando a realidade supera á ficción, a que ferramentas debe recorrer o escritor?

–Cando a realidade supera á ficción tamén ten que estar a imaxinación do autor para peneirala, para non converter algo en sumamente extraordinario;é dicir, que esa fantasía teña unas raíces no chan, no asfalto, ou onde queira cada quen.

–Algúns dos relatos destacan pola visión do mundo feminino. É dicir, que hai un grande protagonismo das mulleres no seu libro. Saíulle así inconscientemente ou ese protagonismo da muller foi, digamos que, premeditado?

–Supoño que se debe a que eu adoro as mulleres, estou moi a gusto con elas e, malia que soe a feminista, son dos que penso que o mundo será das mulleres ou non será de ninguén. Eu téñolle contado a alumnos meus que sospeito que, nun futuro, o home, o macho, acabará desaparecendo.

  • O lugar onde vou

    Vicente Araguas
    Galaxia, PVP. 16,70 €

–Como muller sempre me interesaron os retratos “psicolóxicos” que os escritores homes fan de nós. De onde parte ese coñecemento que Vde. ten da muller, sen que se note que quen escribe é un home?

–(risos) A verdade é que ata teño utilizado, en certas ocasións, un pseudónimo feminino, mais daquela descubríronme. Pero o caso é que na miña vida eu sempre estiven rodeado de mulleres e teño disfrutado tanto dese mundo que non me estraña que iso se reflicta no que escribo. De todos os xeitos, non todos os meus personaxes femininos son boas persoas, abofé que as hai tamén malvadas.

–Antes deste libro, Vde. ten escrito tres novelas e varios poemarios en galego e en castelán. En función de que criterio, cando lle xorde unha historia ou unha idea, escribe un relato, unha novela, un poema...e ao tempo elixe o idioma no que o vai facer?

–Todo está unido: a poesía, a novela, o relato e até diría que os artigos que escribo na prensa. Eu escribo todos os días pero, iso si, para min a poesía é o básico, e a partir de aí considero que, chegado o momento, non só elixo o xénero, senón tamén o idioma, porque eu escribo en galego e en castelán. Confeso que nestas eleccións ten moito que ver a temática e tamén, teño que dicilo, o que me pida o corpo, a alma, o espírito ou como queiras chamalo. Esta variedade, por outra banda, serve para que non me aburra nin me canse, é unha maneira de motivarme para escribir, e tamén para ler, cousa que teño pensado facer ata que me dean as forzas e as neuronas.

–Hai pegadas autobiográficas nalgúns destes relatos? Pregúntollo porque, dende logo, no relato “O conto de culo tonto” ten como marco as protestas universitarias en Santiago a finais dos 60 nas que Vde. participou.

–Nese relato concretamente hai moitas pegadas autobiográficas. Pero tamén noutros. Porque eu sempre escribo do que sei, do que coñezo e de quen coñezo.

“Son relatos realistas con algún toque fantástico, pero é que a vida tamén é así”

decoration

–Precisamente durante aquelas protestas naceu o colectivo de cantutores Voces Ceibes, do que Vde. formou parte. Nalgún momento durante estes últimos anos pasoulle pola cabeza retomar aquela iniciática carreira de cantautor?

–Publiquei en 1991 un libro sobre Voces Ceibes. Pero, respostando á pregunta, direiche que si. A partireda pandemia tiña preparado, en colaboración co meu amigo Miro Casabella, un monllo de cancións, algunhas antigas e outras novas, para gravalas nun disco, porque en directo non creo que sexa, xa non estou para eses trotes. Pero conste que aínda teño voz e, sobre todo, moitas ganas! E nesas estou. “Ameazo “con volver (risos), mais as miñas non son cancións de protesta, de feito a protest song propiamente dita, agás puntuais excepcións, en realidade nunca foi o meu. Eu máis ben tiro pola poesía nas miñas cancións, e moitas delas son de amor.

– En que medida residir en Madrid influíu na súa ollada literaria sobre Galicia?

–A ollada desde fóra adoita ser dura, porque a distancia tamén o é. Pero, ao mesmo tempo, é moi importante estar fóra para estar dentro, sobre todo se tes as raíces e os sinais de identidade ben claros. E eu abofé que os teño. Á hora de definirme, eu, máis que nacionalista, son tribalista, teño un amor carnal por Neda, onde nacín, de maneira que por máis que viva fóra, estou sempre en Neda. Co cal, consecuentemente, estou en Galicia.E xamais perdín o contacto, nunca, e parellamente aprendín tamén que o distanciamento, ás veces, é bóo axúdache a mirar as cousas doutra maneira, dunha maneira máis aberta. Iso si, hai que ter cuidado con desenfocar, de ver as cousas cos prismáticos ao revés.

Compartir el artículo

stats