Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vizoso, xardín musical

O indie emerxente dos Moito!

Desde a Pobra do Caramiñal, os membros de Moito!: indie, pop e rock de tensión contida. Cortesía do grupo Moito!

Mañá, venres 7, publícase en todas as plataformas o novo traballo dos Moito! Trátase do seu primeiro longa duración e chega baixo o título xenérico de Estados Naturales. Nel, o grupo da Pobra do Caramiñal vénnos presentar unha decena de cancións baixo a produción, mestura e manexo dos faders de Carlos Hernández Nombela, produtor de recoñecido e incuestionable prestixio, tamén implicado, ben como produtor ou coma enxeñeiro de son, en traballos de xente como Triángulo de Amor Bizarro, Los Planetas, Carolina Durante, Deluxe, Pereza ou o propio Joaquín Sabina, entre outros moitos e tan só por citarmos algúns. Así, nesta nova entrega e despois dos anteriores Eps Ingravidez, Ingeniería inversa e Anexo, os Moito!, continúan transitando por eses carreiros polos que xa viñan experimentando dende a súa creación como banda no 2018, e que puxeron os seus evidentes signos de identidade arredor do indie, do pop guitarreiro e do rock de tensión contida e enorme intensidade rítmica e melódica, nun exercicio que deixa pouco lugar a contemplacións ou a dúbidas de que estamos ante unha banda perfectamente engraxada e que coñece e domina fantásticamente ben todos os misterios e ministerios do xénero.

Estados Naturales aparece, pois, conformado por un conxunto de dez cancións de belísima factura que nos meten nun vizoso xardín no que todo ule a acordes abertos, a certa fluorescencia e a mil faíscas desprendéndose dende estados de ferro fundido e activos volcáns de lava emocional desa que quenta e moito, facendo gala do seu propio nome e demostrando que unha canción claro que pode funcionar coma o mellor dos reloxos en canto a pulso, estímulo e golpeo tímbrico.

Felipe Castro (guitarra, sintetizador e voz principal), Diego Gonzalez (guitarra), Juan Ciego (baixo e coros) e Diego Guillín (batería) achégannos así unha colección de temas que falan do día a día nun costumismo agre e doce a partes iguais, tal cal é a mesma vida nestes tempos que tanto corren e nos que tan a correr vivimos. Voráxines, vertixes diarias nas que o valor que lle damos ao tempo cotiza á baixa mentres nos perdemos tras pantallas, presbicias prematuras e barrotes en forma de redes sociais, grandes irmáns e “histories” que nos espiden e incluso nos vulneran dende a maior das irrelevancias persoais. Mais non busquedes no disco unha baixada de brazos ou calquera sorte de entrega de armas e/ou de rendición senón máis ben todo o contrario: unha festa de estrelado ceo luminoso no que os textos son conscientes do que estamos a perdernos pero nun claro chamamento á vida celebrada e consumida co corazón na man.

“Todas las noches sueño que puedo echarme a volar” cantan en “stereo” unha das miñas pezas preferidas do disco, dando fe disto que vos contamos e dende logo que propoñendo unha clara declaración de intencións. Agora, despois da saída oficial mañá deste Estados Naturales, comezará unha xira de salas para presentalo por todo o estado, comezando pola Coruña o 8 de outubro na Sala la Disfrutona e continuando o 29 deste mesmo mes na sala Vesta en Madrid. Entendemos que moi acxiña iremos coñecendo o resto de citas de presentación e tamén entendemos que con toda a intención de levar este seu novo repertorio polos mellores festivais do país onde estamos certos de que serán unha das propostas emerxentes máis interesantes do panorama indie, tanto galego como estatal.

25 anos de Honky Tonk

Era o ano 1997 cando no número 18 da Rúa da Falperra en Vigo abría as súas portas unha tenda de venda de discos. Naqueles tempos o vinilo parecía morrer, o CD collía músculo semellando chegar para quedar mentres ás vellas casettes xa lles custaba atopar espazos para a súa reprodución, incluso en moitos dos novos coches da época. Samuel abría naqueles tempos a Honky Tonk coa idea clara de coller o nicho de mercado dun vinilo deixado xa de lado por moitos e apostando por mantelo case baseando a súa supervivencia na compra venta de segunda man, ademais de puro amor melómano polo formato. O caso é que agora celebran os seus 25 anos de paixón e resistencia nun proxecto no que a viabilidade económica, os coñecementos musicais e o propio valor cultural e contracultural da tenda os manteñen como unha das nosas tenda alfaia máis querida, respectada e admirada do país.

Punto de encontro, de coñecemento e de fidelidade pola escoita pausada, o goce e mais a posta en valor da música rexistrada en formato físico, para moitos de nós Honky constitúe un paraíso ou, se queredes, unha especie de servizo público no que alimentamos a alma con músicas que eles nos descobren ou que nós atopamos pasando unha desas tardes fermosas remexendo entre vinilos de fascinantes portadas.

Tan só resta, pois, darlle os parabéns a Samuel e a Quino por atendernos tan ben, por seren tan bos facendo o seu traballo e por apostaren polo mantemento vivo dun formato que agora volve coller pouso aumentando o seu número de vendas en todo o mundo e rexurdindo como o formato físico rei, dándolle á volta ao mercado e contando incluso cos grandes mantras comerciais publicando de novos nel as súas grandes novidades. Aónda que, en realidade, non é que o vinilo volva senón que nunca s marchou e en grande parte foi grazas a xente e a tendas como a Honky Tonk. Tiñan razón. Feliz aniversario e mil primaveras máis.

Compartir el artículo

stats