Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sobre o ordinario e o extraordinario

Onde nada e todo pasa

Detalle da portada.

A nova entrega do doutor en filoloxía inglesa Vicente Araguas ofrece contos literarios que veñen sumarse a unha obra en galego composta por tres novelas, un poemario e un libro de relatos que completan polo momento unha variada produción do tamén crítico literario e músico cantautor, fundador de Voces Ceibes.Con esta bagaxe literaria, ademais da súa produción en castelán, non é difícil adiviñar que estamos ante unha nova obra onde a principal personaxe vai ser a pluma do propio escritor, que nos amosará, mais unha vez, o seu afán de describir a vida cotiá de calquera ser, onde semella que nada pasa e ao mesmo tempo acontece todo. O propio relato que abre o volume e tamén lle dá título, O lugar onde vou, é un magnífico exercicio de estilo, a demostración de que a descrición literaria xa lle ganara a batalla á fotografía antes desta existir.

Percorremos os 22 relatos e atopámonos cun universo de seres heteroxéneos, mulleres de toda condición, homes diversos e mesmo animais que nos ofrecen unha visión da vida desde a súa condición non humana. E entre todos eles, especialmente rico no estudo dos mundos femininos singularizados, asistimos á morte da tía Corina ou visitamos un prostíbulo e coñecemos a Briyí, cabo delas Felisa, Adelita, Claudia, Maruxa a Porrona, Mari Paz ou unha señora viúva que pretende descubrir por que os cans se revolven con ledicia na neve. Mulleres que nos amosan a súa realidade detrás da barra dun bar ou nunha cociña elaborando arroz con leite e que, por veces, transforman esa realidade falsamente anódina na que habitan dándolle unha outra dimensión.

Neste xogo, como se fose unha realidade aumentada dixital, o de Neda inclúe animais que falan, mulleres que se descolgan dos cadros e aproveita para “coar” entre as historias multitude de feitos ou anécdotas que forman parte da nosa memoria colectiva como acontece en “O conto de culo tonto” coa época das protestas universitarias compostelás nas que o propio autor fora protagonista.

Á fin, Araguas, estanos a agasallar cunha realidade descolocada onde a maior riqueza da creación é precisamente ese mundo alternativo, ás veces paralelo e outras bifurcado do mundo cotián.

Portada do libro.

O LUGAR ONDE VOU (2022): Vicente Araguas, Vigo, Galaxia, PVP. 15,86€

Compartir el artículo

stats