Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Odiseas na pantalla

Breve crónica do cinema grego

Fotograma de "A eternidade e un día".

Do mesmo xeito que sucede co caso español, a cinematografía grega, en parte motivada polos acontecementos socio-políticos que marcaron o seu século XX —conflitos bélicos, ditaduras e crises económicas—, foi atopar con demasiados problemas para desenvolver unha industria propia potente que puidese competir coa maquinaria hollywoodiense ou con outras cinematografías europeas de maior peso. Con todo, podemos afirmar que a idade dourada do cine helénico se sitúa maiormente na década dos cincuenta e sesenta, grazas a aparición de Michael Cacoyannis, cineasta que, imprimindo na súa cinematografía a estética e mais a ética herdadas do Neorrealismo italiano, sorprendeu o mundo enteiro con "Stella" (1955), película que logrou participar no Festival de Cannes e que abriría a porta a outras coproducións exitosas como "Nunca en domingo", protagonizado por Melina Mercouri e coa que lograría cinco nominacións aos Oscars, e "Zorba o grego" (1963), probablemente, un dos filmes máis recoñecido internacionalmente, en parte grazas á banda sonora composta por Mikis Theodorakis, artista que compaxinaba o seu traballo como compositor co activismo político de carácter esquerdista.

Fotograma de "Missing" (1982)

Outro cineasta grego recoñecido alén das fronteiras helénicas é Costantin Costa-Gavras, autor de títulos nos que imprimiu tamén a súa pegada activista e comprometida coa esquerda. Con "Z" (1969), —escrita en colaboración con Jorge Semprún sobre o asasinato dun líder comunista por parte das autoridades policiais— obtivo un éxito mundial, xa que foi galardoada cun Oscar á mellor película estranxeira. Un feito que catapultou á fama ao director, quen insistiu co xénero político en varias coproducións como "A confesión" (1970), ambientada na Checoslovaquia ocupada polas forzas soviéticas, e en "Estado de sitio" (1973), historia situada no Montevideo onde operan os tupamaros. A polémica chegaría con "Missing" (1982), baseada nunha historia real acaecida no Chile pinochetista: un cidadán estadounidense viaxa a Chile na procura do seu fillo xornalista, desaparecido tras do golpe de estado de 1973. O filme pon de manifesto a participación da CIA e da administración Nixon na execución do golpe, o cal deparou furibundas críticas por parte da dereita norteamericana. Porén, a película foi todo un éxito de público e crítica, acadando a Palma de Ouro en Cannes e mais o galardón á mellor interpretación masculina (Jack Lemmon) no mesmo certame.

A crise económica do ano 2008 impulsou, da súa parte, a Costa-Gravas cara á realización de fitas onde critica o sistema económico capitalista: "O capital" (2012) e, sobre todo, "Adults in the room" (Comportarse como adultos, 2019), onde relata as negociacións do ministro Yanis Varoufakis cos dirixentes da Unión Europea durante a crise do 2015.

Fotograma de "Zorba, o grego". Héctor Paz Otero

Con todo, a maior personalidade do cinema grego vén ser, sen lugar a dúbidas, Theo Angelopoulos, creador de excelsos planos-secuencias en tempos nos que, por razóns técnicas, a súa posta en pé resultaba moito máis complicada e infrecuente que hoxe en día. Igualmente inconformista, Angelopoulos logrou elaborar unha espléndida triloxía con "Días de 36" (1972), "O Thiassos" (A viaxe dos comediantes, 1975) e "Os cazadores" (1977). Con "Viaxe a Cytera" (1984) o seu estilo derivou cara unha esfera moito máis intimista, pero foi con "A eternidade e un día" (1998) coa cando foi acadar o recoñecemento definitivo grazas á Palma de Ouro en Cannes. O historiador Mark Cousins afirmaba que boa parte das súas películas son viaxes alegóricas inspiradas, como non podía ser doutra forma, pola Odisea de Homero. Suxestionado por Mizoguchi, Angelopoulos constrúe unha serie de planos que, por mor da súa duración, convertía o tratamento do tempo na súa prioridade.

A actriz Irene Papas

Irene Papas

Falecida o pasado 14 de setembro aos 96 anos de idade, con Irene Papas o mundo do celuloide despediuse dun dos rostros máis coñecidos da cinematografía grega. Formada nos escenarios teatrais a través dos dramas clásicos, a fama da actriz nada en Corintia traspasou as fronteiras do seu país con varios papeis exitosos interpretados en Italia e en Hollywood alén de participar nalgúns dos títulos máis representativos do cinema helénico. Con Michael Cacoyannis traballou, entre outros títulos, en "Electra" (1962) e "Zorba o grego" (1964), e con Costa-Gavras en "Z". A súa oposición á ditadura dos coroneis obrigouna a desenvolver a súa faceta como actriz fóra do seu país. Así, chegou a traballar en películas como "Tribute to a Bad Men" (en España, "La ley de la horca", Robert Wise, 1956), ou "Os canóns de Navarone" (J. Lee Thompson, 1961).

A auréola de actriz clásica que acompañaba sempre á súa figura suscitou numerosas interpretacións de grandes personaxes da literatura clásica como a Penélope da "Odisea", a Electra de Eurípides ou a Helena da "Iliada", así como tamén a encarnación de ilustres figuras da literatura do século XX, como a noiva e a vella pagá lorquianas de "Vodas de sangue" e "Erma", respectivamente, ou a nai de Angela Vicario, a moza que desencadea o conflito de honra en "Crónica dunha morte anunciada" (1987), adaptación que Francesco Rossi realizara do relato escrito por Gabriel García Márquez.

Compartir el artículo

stats