Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O peso da luz

Din Matamoro na Galería Trinta

7

"O peso da luz", exposición de Din Matamoros na Galería Trinta (Santiago de Compostela). Xoán Álvarez.

O espazo reservado á pintura, a súa xerarquía no ámbito xeral da arte, oscila desde a orixe da modernidade a inicios do século pasado nas coordenadas dunha polaridade dúplice: as da súa resistencia e as da súa posíbel desaparición, e nese contexto, tensións e debates debemos encadrar os discursos recorrentes a respecto da súa decadencia e da súa total disolución. Pois ben; a reflexión sobre o presente da pintura e sobre a súa relación e viabilidade como linguaxe vénnos suxerida pola brillante e meditada exposición que presenta o pintor Din Matamoro (Vigo, 1958) na Galería Trinta de Santiago de Compostela, onde por medio dunha vistosa e delicada montaxe deixa que as obras falen por si soas para desenvolver unha reflexión fonda sobre o sentido da captación do cromatismo e mais da luz, aspectos que o artista traballa para facer perceptíbel as variadas intensidades que se poden percibir nas diferentes camadas de cor.

Na mostra da galería compostelá, intitulada El peso de la luz, o espectador pode percibir como o artista permite que percibamos os elementos de continuidade da longa tradición da pintura e que detectemos a maneira en que sobreviven e se prolongan trazos provenientes da pintura do pasado, nun continuo diálogo do cal se pode tirar a conclusión da permanencia pictórica. Unha permanencia que se ben ten que compartir peso na arte actual con diferentes vehículos expresivos, e mesmo estar atenta á constante posta en cuestión, mostra a súa vitalidade e transmite a súa estrutura profunda incluso cando se sitúa na abstracción. O resultado é unha pintura que transmite unha sensación de intensidade emocional que produce a impresión de estarmos perante obras en certo sentido intimistas e cunha notábel capacidade de esencialización e adecuación da luz e a cor a unha estrutura que rexe e xerarquiza a composición -orde e estrutura están sempre no fondo do traballo do pintor-, aínda que nunca se esqueza nin perda o referente da percepción natural. Estamos, xa que logo, perante unha pintura expansiva, ao mesmo tempo delicada e vigorosa, que se move en sutís equilibrios espaciais e cromáticos.

Todo o traballo de Din Matamoro é moi autorreflexivo e entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto cultural, con ese fluxo entre o interior e exterior, en que se subliña o que está exposto ao público e o que fica no máis fondo, no disco duro da construción creativa e da emoción interior.

Un momento da mostra de Din Matamoro na Galería Trinta. Xoán Álvarez

O artista desenvolve un proxecto analítico que xoga co espazo e a cor, con todos os tránsitos e densidades, para pór de manifesto, desde a sutileza absoluta, unha vontade expansiva cunha opción que pon o acento na relación co espazo e na creación ambiental, cunha pintura moi interesada na investigación sobre a cor, a modulación, a percepción visual e a experimentación coa luz. O brillante traballo do artista mostra as posibilidades dunha plástica en expansión, unha pintura que vai alén dos límites do marco e dos soportes tradicionais, cos tránsitos, as veladuras e a análise da luz como algunhas das súas chaves formais.

No traballo de Din Matamoro percíbese a pintura como obxecto dunha translación, xa que nela se poden observar procedementos que a sitúan nun tránsito, mesmo físico, cara a outros soportes e mundos visuais. Mais a obra do pintor vigués sitúanos xa lonxe dos debates da vangarda histórica, como poderían ser os que se centraban na dicotomía abstracción-figuración; encádranos nun contexto distinto -o actual- no cal a arte é plenamente consciente da súa radical historicidade, mais tamén da súa carga de intensa cultura visual.

Diálogo interior/exterior

A idea que preside a obra do artista vigués é a de establecer un diálogo entre o exterior (natureza) e o interior (mente), do que xorden como resultado as obras. O extremo luminismo, o triunfo da luz, esa luz que pesa porque é materia, preside todo o traballo do pintor.

Simultaneamente, outra das chaves do seu traballo é o carácter ó mesmo tempo aberto e concentrado, que desde a pincelada e a veladura nos leva á amplitude espacial e á intensa sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, ao final, o que nos propón o artista son distintas maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente.

O resultado deste proceso de captación é intensamente poético e envolvente, froito dunha coidada proposta e dunha elaboración moi pensada, que o espectador pode percibir intensificando a mirada, como unha visión primixenia, o que me lembra a reflexión kantiana de que “é belo o que agrada universalmente e sen concepto”.

Título: "El peso de la luz"

Artista: Din Matamoro.

Espazo expositivo: Galería Trinta, Santiago de Compostela.

Até o 19 de outubro.


Compartir el artículo

stats