Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mudar o Camiño polo camiño

Parodias sobre un feito referencial

Detalle da portada do libro.

O Camiño de Santiago non deixa de ser tema recorrente na nosa literatura, tal como o demostra a última publicación de José G. Barral (Vigo, 1959), que nos ofrece a súa terceira novela, "Cruzados polo camiño". Conxecturas compostelás verbo dun papa atribulado, coa que acadou o II Premio de Novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a editorial Galaxia e o patrocinio de Aluminios Cortizo. Porén, malia a contundencia do título e da ilustración da portada, non estamos diante dun libro formal sobre o Camiño, nin dun manual canónico, nin dun estudo sobre o fenómeno do Xacobeo. Lonxe diso, a novela do escritor vigués pretende, e consegue, dar unha visión pouco convencional e moi particular do mesmo Camiño entre toda a corrente literaria histórico-relixiosa vixente.

Poderiamos dicir, daquela, sen lle quitar importancia, que o Camiño Francés é o escenario para montar unha novela que se pode considerar unha mestura entre un thriller, novela negra, épica clásica e libro de aventuras polo ritmo que marca ata a última páxina, e así situámonos en Logroño, Clavijo, Calahorra, Carrión de los Condes ou O Bierzo como espazos habituais da historia onde localizar igrexas, monumentos ou outros lugares destacados que, malia a súa presenza, non aparecen descritos polo miúdo.

Uns actos vandálicos acontecidos na igrexa de Santiago o Maior de Logroño poden poñer en interdito a seguridade da viaxe do Papa Bieito XVI a Galicia no ano santo 2010, localización cronolóxica na que nos sitúa a novela. Aquí entra en acción a personaxe principal, Evencio de Borbén, un crego moi particular, un experto en informática, un moteiro que se dirixirá na súa Harley aos lugares onde están a acontecer os atentados e intentar desmontar un posible complot contra a visita papal consciente de que non abonda con “encomendarse aos rezos e ás pregarias”. A forma de actuar pouco heterodoxa e as súas peculiaridades persoais chaman a atención das demais personaxes: “Ninguén diría que es un servidor de Deus o Noso Señor con eses atavíos”.

Cabo del, ademais dun coro numeroso de personaxes menores que enriquecen a historia, aparecen outras como o delegado episcopal Eutiquio Ibáñez, o suízo Markus Scheider ou Minerva, a bibliotecaria, que se cruza no camiño do crego e será para el unha provocación e loita constante.

Evencio, sen sabelo, comeza en Logroño dous camiños, o da presunta ameaza papal e un de carácter persoal que o leva a despexar a súa crise vocacional. Velaí o verdadeiro nó da novela, a mestura entre a propia investigación e a reflexión sobre os retos da relixión en tempos de tendencia secular.

Se a isto lle engadimos unha sutil dose de humor e parodia o resultado é unha novela trepidante que nos presenta un enfoque ben diferente sobre o Camiño.

CRUZADOS POLO CAMIÑO (2022): José G. Barral, Vigo, Galaxia, PVP. 21,28€

Compartir el artículo

stats