Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Javier Fraiz Xornalista e escritor

“A emoción é a materia prima máis importante dos escritores”

"Morte no espello" é a estrea como novelista do xornalista de FARO DE VIGO

O xornalista e escritor Javier Fraiz. Carlos Pardellas

– Morte no espello podería calificarse como unha novela negra .Porén, hai máis cousas nela. Entón, que quixo contar Vde., ademais da historia dun crime?

–Busquei escribir unha novela negra que rematase nada máis comezar, no primeiro capítulo, polo menos a ollos do lector. A partir dese instante, nace outra historia, unha crítica social. Con 250 páxinas por diante, xa se sabe quen é o asasino. O propósito fundamental deste libro non é tanto contar o que sucedeu no lugar menos pensado (un crime durante a noite no dormitorio dunha autoridade) senón dar resposta a outras cuestións: Por que? E agora que? A idea que me movía a intentar escribir esta historia. é ata onde se estenden os dominios do poder; é dicir, ata que punto se mantén a impunidade de quen considera que está por enriba da lei. Arredor deste tema inicial foron xurdindo outros no proceso de escrita (porque as historias vanse descubrindo a medida que se escriben), como a ética profesional e o compromiso coa verdade e a honestidade cos que determinados traballadores, a pesar dos atrancos que atopan no seu camiño, fan deste un mundo máis xusto.

– Constata, como adoitan afirmar escritores deste xénero, que a novela negra é o mellor xeito de describir a sociedade, e nomeadamente de destapar as miserias que agochan as persoas, eses lados escuros que levamos dentro?–

Ricardo Piglia escribiu que o crime tende ao silencio, mentres que a literatura fai que o que está oculto fale, revele os segredos e delate os culpables. É probable que este xénero sirva non só para coñecer os detalles máis exactos da personalidade escura de determinados personaxes, senón para exercer unha especie de xustiza. En ocasións, aínda que non prospere no terreo dos feitos, si o consegue no ámbito da moral. Moitas veces atopamos a verdade na ficción.

O xornalismo nutre de materiais dabondo para construír as historias

decoration

– Iso de desvelar xa no primeiro capítulo quen é o asasino, recórdame os episodios do tenente Colombo na TV. Ou é unha influencia da súa profesión xornalística no que a norma di que no primeiro párrafo deben respostarse xa os que, como, cando, onde, por que….?

– O xornalismo nutre de materiais dabondo para construír as historias. Como se cimenta sobre a base dos feitos, aporta verosimilitude, datos, contexto. A realidade é un ingrediente fundamental para facer literatura. Hai uns anos, lin unha entrevista ao escritor Rodrigo Rey Rosa na que explicaba esta relación tan especial entre o xornalismo e literatura. Dicía que a novela pode aproveitar todo, porque o xornalismo é a actualidade aínda sen dixerir, mentres que a literatura é a actualidade xa dixerida. Ao xornalismo débolle, polo tanto, a materia prima. Por contra, o traballo débeme tempo.

– Pasemos da literatura e a TV ao cine. En nome da intensidade, Billy Wilder sostiña que para contar unha historia había que comezar cun “terremoto”. E de aí para arriba e ata a fin. Hai algo diso en Morte no espello?

– O comezo intenta captar a atención do lector cun feito inesperado, e tamén descolocalo, como comentabamos antes. O libro está estruturado en varios capítulos de curta extensión, para que o ritmo sexa áxil. A vida é trepidante, ata cando a aborrecemos.

– Á hora de narrar, sexa un suceso real ou unha ficción, que diferenza existe entre cando narra como xornalista e cando narra como escritor?

– Nas dúas circunstancias intento ser preciso e cuidar tanto a forma como o fondo. A literatura permite construír os acontecementos, pero considero que, ao igual que a realidade, a ficción debe facer unha representación verosímil da condición humana.

– Ourense é o principal escenario da trama. Pensando en futuras novelas, vai seguir séndoo, como facía Domingo Villar con Vigo?

– Ourense é un escenario imaxinado, que non está identificado polo nome, en realidade. Presenza, a cidade da novela, garda algunhas semellanzas con Ourense porque é o meu entorno máis próximo, no que vivo e traballo. Hai determinadas prácticas do poder que son comúns en distintos lugares, de maneira que, en realidade, Presenza pasa a ser unha cidade compartida; esa era a verdadeira intención: que os lectores teñan a sensación de que habitan un mesmo lugar, que cada un poña o topónimo. É certo que o escenario político, social e mediático de Ourense é moi útil para escribir. Aquí teñen pasado algunhas cousas que parecen máis ficción que a propia literatura, e hai e ten habido personaxes reais que serían moi difíciles de levar ao papel.

A ficción debe facer unha representación verosímil da condición humana

decoration

– E esas novelas, van ser “negras” ou pensa practicar otros xéneros?

– Dicía John Cheever que rematar unha novela provoca un impacto psicolóxico no autor, e así ten sido. Morte no espello non é unha narración que nacera dun esquema, senón que. a partir da idea inicial e a intención de partida, que tiña claras, fun avanzando e foron aparecendo os personaxes dun xeito automático. Se é que iso é posible, porque probablemente cando máis se escribe é precisamente nos momentos nos que un non está escribindo. Por falta de tempo para facer literatura, a principal eiva que ten o xornalismo, o proceso prolongouse. Así que prognosticar como vai ser a seguinte novela, ou sequera se vai ser, aínda me resulta complicado. Teño unha idea e algunhas páxinas escritas dunha nova novela, si, e o xénero creo que cambia, pero sobre todo espero cambiar eu tamén, porque para escribir o mesmo é mellor non escribir nada.

– De que autores confesa influencias á hora de facer literatura?

– Todos somos o resultado dos libros que lemos, e tamén dos xornais que consultamos, así como da música que escoitamos e cantamos, das películas e series que vemos, e dos lugares nos que vivimos, aos que viaxamos e os que imaxinamos. Bebemos de varias fontes, e hai referencias que se interconectan: cancións que xeran emocións, lecturas que nos remiten a sabores, viaxes que recordamos cunha determinada cor. Ver a meu pai na horta creo que resulta máis decisivo para escribir que ler a Martín Gaite, aínda que nas vacacións teña disfrutado moito volvendo a Nubosidad variable, por exemplo. Pero o factor emocional é a materia prima más importante.

– Como fai para compatibilizar xornalismo con literatura e saír ileso?

– A gran dificultade para poder compaxinar xornalismo e literatura é, sen dúbida, a xestión do tempo. A urxencia ata senta ben ao traballo periodístico, é unha especie de catalizador de gasolina. O xornal sempre sae, non hai un día que non se cumpra co prazo de entrega, que é inmediato a gran maioría das veces. O produto caduca por regra xeral bastante rápido. Cada mañá hai que activar de novo a cadea, porque as noticias de onte xa non abondan. A literatura require pausa e paciencia. Apurar para ter un parágrafo pode condenar toda unha novela. Non hai a mesma présa por rematar, pero o proceso tampouco se pode eternizar. O equilibrio é complicado, porque as horas non duran o mesmo na literatura e no xornalismo.

Compartir el artículo

stats