Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A danza contemporánea en Galicia

Un estudo de Afonso Becerra

A compañía Nova Galega de Danza, no transcurso dun dos seus espectáculos. Álvaro Arribi

O magnífico volume que presentamos, "História da dança contemporânea na Galiza", do que é autor o profesor, crítico e investigador Afonso Becerra, editado por Através Editora, demanda algunha aclaración previa en relación a temáticas e contidos. Para os que somos filólogos, e para os filósofos, as palabras son fundamentais, xa que con elas damos sentido ao mundo, ao dicilo, pensalo, interrogalo ou explicalo. E o título do volume pode xerar certa confusión, pois non é o mesmo a historia da danza en Galicia que a historia da danza galega, e xusto é dicir que se trata dunha historia da danza contemporánea galega, é dicir a feita en Galicia, con esa denominación de orixe. A outra posibilidade, “na Galiza”, abre outras fiestras.

O título contén outro termo, “contemporánea”, que aconsella explicar o que poida significar. Segundo o dicionario da RAG, o termo designa “aquilo que é da mesma época”, ou o que é “do noso tempo, da época en que vivimos”, sentido que lle deu Carballo Calero na súa magna "Historia da Literatura Galega Contemporánea", que abrangue de 1808 a 1936. En Historiografía, certamente, a idade contemporánea adoita situarse entre a Revolución Francesa e a actualidade, en tanto quixo ser, sequera no plano ideal, época de ruptura con todo o anterior, co Antigo Réxime. Citamos o traballo do profesor Carballo para subliñar que se na historiografía literaria foi un fito incuestionable, no caso da danza estamos diante doutro fito indiscutible.

Ofrece un inventario moi preciso do capital humano que atesoura esta terra no eido das artes escénicas,

decoration

Ora ben, na historiografía propia das artes escénicas o sintagma “danza contemporánea” refire unha reacción contra o ballet e a danza clásica, na que emerxen figuras clave na ideación e articulación das primeiras rupturas desde finais do século dezanove, e despois coa irrupción das vangardas históricas e as post-vangardas. Por iso, o tal adxectivo ten un significado moi vinculado ao substantivo que acompaña. As escolas profesionais de danza adoitan diferenciar itinerarios formativos diferentes en danza clásica e danza contemporánea, ao ser os dous paradigmas dominantes en creación coreográfica, interpretación ou pedagoxía.

Secasí, malia que nos seus paratextos o libro do profesor Becerra semelle estar máis abeirado a ese tipo diferenciado de danza, ofrece unha síntese excelente do proceso de configuración en Galicia desta disciplina artística, sinalando a importancia de referentes fundamentais, como poidan ser Jesús Bal y Gay, e a súa proposta de renovación do baile tradicional, ou José Manuel Rey de Viana, que en boa medida a desenvolve. Queda fóra de foco o mundo da nosa danza tradicional que, pola súa relevancia e proxección, agarda unha investigación sistemática, e algún día chegará.

Logo da necesaria referencia a un pasado irrenunciable, o volume presenta, en cerca de trescentas páxinas, unha descrición sistemática da configuración do campo, e unha análise pormenorizada das traxectorias de academias e centros de formación, profesionais na docencia, creadores en interpretación e coreografía, compañías, festivais, mostras e outros eventos, sen esquecer institucións relevantes, do IGAEM ao Centro Coreográfico Galego. Un traballo inaugural e moi completo, asentado nunha procura documental encomiable, que suxire moitas liñas posibles para indagacións futuras en direccións diversas, como a que estudiaría os diálogos con outras escenas, promovidos desde festivais memorables, ou a que analizaría a forma en que as políticas culturais potencian ou minoran un determinado sector cultural. Finalmente, ofrece é un inventario moi preciso do capital humano que atesoura esta terra no eido das artes escénicas, que agarda un plan estratéxico para o seu desenvolvemento pleno, e para sermos europeos en todo e con todo. Agardan, e urxe.

Un camiño aberto

Na súa andaina o profesor Becerra métenos nun camiño que, aos poucos pasos, deixa ver vieiros novos, entre eles o que dá conta da necesidade urxente dunha investigación específica en danza, en toda a súa riqueza de manifestacións, estilos e tendencias, incluíndo a tradicional (e as súas rupturas). Pode facerse nas perspectivas histórica e teórica, ou na investigación aplicada á creación e á innovación, ámbito que ofrece posibilidades enormes de transferencia do saber facer ao campo da creación artística, e así acontece en países avanzados. Mais a investigación esixe medios, recursos, e sobre todo institucións que lle poidan dar corpo e sentido, e aquí bótase en falta unha Escola Superior de Danza, desde a que andar eses camiños. Tamén urxe.

Esta achega de Becerra, que aflora decenas de profesionais destacadas, acerta a mostrar as moitas oportunidades e posibilidades que a danza nos ofrece en tanto país de cultura, e non debemos esquecer que as artes escénicas teñen un potencial aínda por explorar, por explotar, na xeración de riqueza, emprego e benestar. Velaí o caso de Wüppertal, a cidade alemá coñecida mundialmente grazas ao labor da coreógrafa Pina Bausch. Exemplos para estudar, e seguir. Sen máis retóricas.

Compartir el artículo

stats