Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De casas,portas e porteiras

A tetraloxía de Leiro

Algunhas das obras da mostra "A filla da porteira", de Francisco Leiro, na Galería Marlborough. Cortesía da Galería

O artista Francisco Leiro vén de inaugurar a tempada de exposicións en Madrid cunha mostra monográfica na Galería Marlborough, na rúa de Orfila. Baixo o rótulo "A filla da porteira", presenta unha selección de monumentais esculturas antropomorfas, policromadas, construídas en madeira, con elementos metálicos nalgunhas delas, habitadas todas elas por unha alma surrealista que as sitúa alén do cotián.

Peza integrada na exposición. Cortesía da galería.

Leiro ten construído ao longo das décadas unha produción compacta e chea de referencias a un mundo mítico ideado polo propio escultor, que se articula a carón dunha lúcida mestura de mitos e lendas certos ou híbridos. A súa actividade creativa podería organizarse nunha tetraloxía onde atopamos teimas mitolóxicas, cuestións xeométricas, obxectos encontrados ou case que atopados cheos de personalidade, e tamén podemos mirar unha galería de persoeiros que adoitan ser sombra ou faciana de difusos reflexos en espellos imaxinarios de pedra, madeira, metal ou soportes sintéticos.Diríamos que na tetraloxía de Leiro hai xigantes que procuran manter a súa presenza absoluta e orixinaria avanzando cun leitmotiv rouco, grave, de percusión solemne. Grandes camiñantes, elevados seres mariños, individuos deitados, tan grandes coma una praza compostelá, aparecen nestas secuencias xerminais de incertos cabaleiros, donas, andróxinos e metamorfoseados.

Outra das obras da mostra. Cortesía da galería

Noutra das xornadas da tetraloxía de Leiro hai debates entre a materia e a forma cando xorden outros seres abraiados pola súa propia forza ao loitaren contra as toneladas de pedra, cando empuxan as centenarias madeiras para acadar abrir a porta cara á vida no mundo do escultor. Pezas que conversan entre elas ou ollan ou rematan por sentirse cómodas nos paralelepípedos que conforman a súa meirande parte de personalidade. Hai pezas pertencentes a un mobiliario ideal que, baixo unha utilidade imposible, agochan formas de cuadrícula e rombo. Hai outras que como comendadores, narcisos ou tancredos fican ancorados no seu propio relato. Algunhas tentan aquí ser narrativas, políticas, ecolóxicas, humanitarias ou polémicas. Ás veces preséntanse en grupo, espalladas polo chan e mais o espazo alardeando de teren fuxido do pedestal.

Na terceira das etapas, figurados barcos varados ou instrumentos de traballo, de viaxe, ou mesmo pezas de vestiario transformadas en baixo releves conforman fíos narrativos sempre evocadores de mitos ou metamorfose. Neste tránsito entre a figura humana e o abstracto ou o obxecto híbrido, aparece toda a vixilia surrealista do mundo de figuras de Leiro. Unha nocturnidade non exenta de iluminacións no sentido dun A. Rimbaud noivo perenne da cándida mocidade. E xa na cuarta destas figuradas xornadas de Leiro, que equivale a toda unha liña de produción de obras de arte, aparecen os pequenos seres que habitan baixo un río imaxinario. Aqueles que camiñan ou viaxan de a cabalo. Outros que presentan os pés ancorados no chan ou teñen mans en forma de garfo ou testa rematada cun peiteado evocador dun peixe ou dun paxaro. Son os pequenos exemplares dunhas dualidades que con moita frecuencia se repiten en formato de xigante.

Nas constantes metamorfoses dos persoeiros de Leiro atopamos sempre unha cita a un momento da antigüidade clásica, a un amor de Zeus ou un xogo cas grazas convertidas en grazosos; de parcas que axexan, ou Hércules mesturado coas bestas das súas probas. Atopamos asemade citas á literatura co Quixote, aos fitos da Biblia coma Xonás e mais a balea; referencias difusas ao elenco bárbaro das comedias de Valle-Inclán. Todos son mitos recoñecibles mais transformados pola concepción estética do surrealista Leiro que incorpora plumaxes no peixe e escamas no corpo dunha dona.

No longo percorrido de Leiro polo sistema da arte en Europa e América, tense sementado un canon de artista que, co sempre presente autorretrato do escultor en forma de testa sueva, olla cara ao visitante. Fai un convite a cruzar a porta do onírico e coñecermos outras realidades. Ese canon pódese visitar nesta mostra temporal e sempre no outeiro en Cambados onde atopamos o estudo do artista.

Compartir el artículo

stats