Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As viaxes extraordinarias

150 anos de "A volta ao mundo en 80 días"

Fotograma da serie televisiva "A volta ao mundo en 80 días" (2021), inspirada na célebre novela de Jules Verne (1828-1905). Arquivo

Cando Jules Verne (Nantes, 1828 – Amiens, 1905) deu comezo á serie de narracións "Viaxes extraordinarias", que tiña dous obxectivos fundamentais: crear un corpus editorial destinado aos mozos e, a través da súa lectura, acordar neles a paixón pola ciencia. Cabería situar tres etapas nesta colección. Unha primeira, que iría de 1862 a 1880, recollía o ideal de socialismo romántico do autor e presentaba unhas máquinas imaxinarias que facían máis doada a existencia humana. A segunda, entre 1880 e 1905, reflicte o pesimismo que Verne sentía pola unión entre os capitalismos industrial e financeiro, posta ao servizo da plutocracia que comezaba a dominar os países occidentais. E unha terceira, póstuma, xestionada polo seu fillo, non fixo senón continuar e ampliar esta visión ideolóxica que ao cabo, conducía á guerra.

Nesta serie de narracións cabe sinalar dous vectores narrativos: as viaxes exploratorias e a xeografía. Normalmente localizábanse en zonas concretas, incluso se ían máis alá da superficie do noso planeta cara ao interior (Viaxe ao centro da Terra), polo aire (Cinco semanas en globo), polo espazo (Da Terra á Lúa) ou polas profundidades marítimas (Vinte mil leguas de viaxe submarina). Outras novelas servían para explicar diversas rexións da Terra, incluso co pretexto da guerra, como Miguel Strogoff verbo das amplitudes do imperio tsarista.

Pero así como algunhas das novelas de Verne cabería situalas no xénero de ciencia ficción –incluso hoxe a narración segue a ser inviable-, outras como A illa misteriosa e A volta ao mundo en 80 días representan, desde a fantasía primixenia, a posibilidade empírica de facelas realidade. Esta segunda novela é, a día de hoxe, a máis traducida de Verne (o escritor bretón é o máis vertido a outros idiomas despois de Agatha Christie). Foi publicada en corenta e seis entregas no xornal parisiense Le Temps entre novembro e decembro de 1872.

A acción, ben coñecida, trata da aposta que Phileas Fogg, un membro do londiniense Reform Club, cruza cuns consocios desta entidade. Fogg, home de quen nada se sabía agás dunha vida sen problemas económicos e de rutina entre a súa casa e o club, desafía aos seus compañeiros a que o autor dun importante roubo no Banco de Inglaterra podería estar ben lonxe. E é nese reto cando el mesmo propón emprender, de maneira inmediata, o periplo arredor do noso planeta no prazo estudado de oitenta días. Os seus contrincantes de aposta acéptana decontado, convencidos da imposibilidade material de cumprir o prazo fixado.

Fogg chega á súa casa co tempo xusto de preparar unha bolsa de viaxe, coller cartos en abundancia e avisar ao seu criado Jean Passepartout, un rapaz francés que contratara aquel mesmo día, para ir coller un tren e iniciar a aventura. As etapas da viaxe cabería situalas do seguinte xeito: tren de Londres a París, onde seguirían por vía férrea ata Turín con destino a Brindisi. Neste porto italiano do Adriático collerían un vapor cara a Bombai, polo canal de Suez. Da cidade índica a Calcuta en tren, para poder coller outro vapor ata Hong Kong, onde enlazarían con outro barco ata Yokohama, no Xapón, para seguir navegación ata San Francisco. Seguir ata Nova York con tren para coller un vapor ata Liverpool e un tren a Londres.

Julio Verne, 150 años de embajador universal de Vigo

Julio Verne, 150 años de embajador universal de Vigo MARTA CLAVERO

Finalmente, e malia as previsións feitas por Phileas Fogg, algúns enlaces tórcense e ten que procurar alternativas, que sempre pode resolver dun xeito ou doutro grazas ao seu diñeiro. Verne engade á narración detalladas descricións das diversas rexións polas que os nosos viaxeiros pasan. O autor non agocha a súa orixe francesa e os tópicos que segundo o seu punto de vista, tiñan ingleses, indios, nativos e novos americanos, ou os españois como arquetipo de ladróns ao asalto. Malia as adversidades que os obriga a empregar outros medios, os tres viaxeiros chegan a Londres pero segundo os cálculos de Fogg, un día máis tarde do que previra. Pero cando Passpartout contacta cun pastor anglicano para fixar o día da voda entre Fogg e Adouina, o crego di que non era domingo senón sábado. O cabaleiro podía chegar ao club no prazo previsto e cobrar a aposta.

Compartir el artículo

stats