Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X.R. Mariño Ferro e a linguaxe simbólica

Chaves para a definitiva comprensión

Os pecados capitais (Castrelo de Miño, s.XVI). FDV

O antropólogo galego Xosé Ramón Mariño Ferro vén de publicar un volume especialmente importante para calquera interesado nos estudos humanísticos e nomeadamente para os ámbitos da mitoloxía, relixión e historia da arte; trátase do libro Las claves del lenguaje simbólico (UNO Editorial, 2022).

O ensaio desenvolve, desde alicerces teóricos semióticos e antropolóxicos, unha explicación sólida para a comprensión das propiedades e regras da linguaxe simbólica; elabora un vocabulario rigoroso e pormenorizado de símbolos e mostra como o simbolismo é parte da vida, quer das elites, quer da xente común, e que a súa comprensión é fundamental para calquera achegamento á arte, á mitoloxía e á relixión non soamente no noso pasado senón tamén no estrito presente. Este amplo proxecto elucidativo, que permite, a partir de sólidos alicerces, entender o universo simbólico cunha claridade e fondura nunca vistas, é froito dun coñecemento desenvolvido por Xosé Ramón Mariño Ferro nunha ben ampla produción ensaística que sempre tivo no simbolismo a cerna das súas preocupacións en calquera dos temas de análise, véxase como exemplo sobranceiro o seu El simbolismo animal. Creencias y significados en la cultura occidental (Encuentro, 1996), publicado en francés co título de Symboles animaux. Un dictionnaire des représentations et croyances en Occident (Editions Desclée de Brouwer, 1996) e reeditado en 2014 co título de Diccionario del simbolismo animal (Encuentro, 2014).

X.R. Mariño Ferro, premiado en Salamanca por un estudo sobre o cervo na cultura popular. Carlos L. Bernárdez

No seu novo traballo, o autor segue a pista de todos os símbolos e valores asociados a plantas, animais, pedras, metais e obxectos de diverso uso desde a cultura clásica, pasando pola Idade Media, até chegar á cultura popular, conseguindo interpretalos por medio dos estudos de etólogos, naturalistas e á luz da semiótica e antropoloxía, para descubrir de que calidades e comportamentos procedían moitas das crenzas aparentemente absurdas que despois dunha análise pormenorizada encontran a súa explicación. Fica claro que para os antigos o interese por obxectos e seres vivos non se concentraba na súa descrición, senón na comprensión das súas calidades e comportamentos, para despois utilizaren estas representacións como imaxes cunha determinada finalidade filosófica ou teolóxica. Neste contexto, o obxecto ou ser vivo interesa como portador de sentidos: literal e alegórico. A literalidade limítase á súa descrición ou á súa representación: literatura, debuxo, pintura, escultura; o sentido alegórico transpórtanos ao mundo das crenzas e mais dos símbolos.

Gárgola de Notre Dame (París). FDV

Para a explicación deste proceso, no primeiro capítulo de Las claves del lenguaje simbólico Mariño Ferro sitúa o símbolo entre os signos e entre os demais tropos que o ser humano crea e utiliza. O segundo desenvolve unha análise crítica das teorías dominantes sobre a linguaxe simbólica: as que dan primacía ao elemento inconsciente e as que, pola contra, enfatizan a compoñente aprendida e transmisíbel. O terceiro está centrado na natureza dos símbolos: se son ou non arbitrarios, universais e anónimos. O cuarto analiza as súas funcións máis destacadas: transmitir valores, comunicar con eficacia e, sobretodo, facer visíbel o invisíbel. O quinto capítulo, que é sen dúbida fundamental, é o que identifica a verdadeira unidade significante. O sexto desenvolve un achegamento aos casos de maior complexidade: polisemia, polivalencia, sinonimia e significados encadeados.

Da súa parte, o sétimo vénse centrar nos significados hiperbolizados e mais o seu contrario. En fin, o oitavo e derradeiro analiza as variadas combinacións de símbolos: repetidos, reforzados, fundidos, compostos e híbridos.

Catedral de Brasilia (Oscar Niemeyer). FDV


Vidros cargados de memoria

Neste intenso pero claro e didáctico percorrido, o libro demostra como o símbolo explica a nosa visión da natureza e da sociedade. Desde a máis remota antigüidade animais, plantas, pedras e obxectos poboaron as peredes de edificios civís e relixiosos, os manuscritos e libros impresos ou os capiteis das igrexas para ofreceren unha comprensión do mundo, para evidenciaren a sabedoría legada por tempos anteriores ou para ensinaren a doutrina moral, mais tamén para daren sentido, en forma de imaxes, aos soños e ambicións cotiás de xeracións de seres humanos.

En fermosa expresión, o filósofo italiano Giorgio Agamben definía as imaxes da nosa cultura figurativa como “vidros cargados de memoria que nos transmiten a historia de Occidente”. Certamente é a nosa capacidade para elaborarmos imaxes unha das facultades que mellor definen o ser humano, para producilas mais tamén para “lelas”, interpretalas no seu contexto xerador e tamén na súa variábel historicidade. Entender estes procesos, atendendo á súa orixe, evolución e valores, é o obxectivo e o logro do traballo que realiza Xosé Ramón Mariño Ferro, unha obra que nos ofrece unha sólida explicación das propiedades e regras da linguaxe simbólica e por medio dela devólvenos unha parte esencial dunha memoria ancestral que tamén se proxecta intensamente no noso presente.

Compartir el artículo

stats