Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Persoeiros singulares

No devir da nosa cultura literaria

Persoeiros singulares

Ter vivido de primeira man acontecementos que o tempo converteu en significativos é un privilexio; asistir a conversas ou charlas máis ou menos distendidas que supuxeron o xermolo de textos literarios relevantes para a literatura galega ha de ser un pracer; poder narrar os instersticios de determinados feitos que marcaron o devir da nosa cultura literaria, social, política, económica supón unha deleitación ao alcance duns poucos e, abofé, que, á luz do que escribe Xosé Manuel Del Caño, el foi unha destas persoas que, ás veces, no cumprimento do seu traballo, outras, levado pola curiosidade informativa atesorou coñecementos que, compartidos co público en xeral a través da publicación de Un tiro para Méndez Ferrín e otras historias en Edicións Embora, aínda fai o seu labor máis loable. Se a isto sumamos que a súa pluma acompaña o ton que en cada momento adquire o que expón e detalla, medran as posibilidades de coñecer desde unha perspectiva máis mundana a vida e a obra de persoeiros singulares da arte e da política do país.

Un total de vinte e seis historias remiten a outros tantos achegamentos a circunstancias, comentarios, anécdotas, lances ou eventos que rodearon ou protagonizaron escritores como Méndez Ferrín, Alonso Montero, Pura e Dora Vázquez, Antón Tovar, Alfredo Conde, Carlos Casares ou Carlos G. Reigosa; artistas como Isaac Díaz Pardo ou Chano Piñeiro, políticos como Manuel Fraga e outros relatos nos que a reflexión deita unha ollada peculiar sobre os libros para todo e para todos, os premios sen dotación económica, as noticias falsas ou o proceso de rehabilitación da casa natal de Curros en Celanova, agora Casa dos Poetas nun exercicio de concisión e de respecto abrumador.

UN TIRO PARA MÉNDEZ FERRÍN E OUTRAS HISTORIAS (2022): Xosé Manuel del Caño, Ferrol, Embora, PVP. 16€

Compartir el artículo

stats