Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Non me interesa o lado comercial da música”

Quico Comesaña - músico

O músico vigués Quico Comesaña. | FOTO: XIANA COMESAÑA OANES

–Na súa traxectoria musical, sempre pertenceu a grupos. Este é, pois, o seu primeiro traballo en solitario. Como se sentiu asumindo todas as responsabilidades?

–Por una banda, traballar ti só proporciónache total liberdade, xa que non tes que discutir ou perderte nun mar de explicacións con ninguén para materializar una idea; pero por outra, cando tes dúbidas, ou algún atranco, resolves con máis rapidez se traballas en grupo, aínda que ás veces quede distinto a como tiñas pensado. Son xeitos moi diferentes de traballar e ningún é mellor ou peor que o outro. Neste caso quería asumir todo o traballo eu só.

–A idea de facer este disco xa a tiña cando estaba en Berrogüetto ou ocorréuselle despois?

–Aínda que adoita ser laborioso, penso que a moita da xente que se dedica á música encantaríalle facer un traballo en solitario nalgún momento. A min, esa idea rondábame pola cabeza dende que era un adolescente, pero daquela non tiña nin medios nin capacidade. Tampouco mo plantexei demasiado en serio durante todos estes anos. Cando rematou Berrogüetto, decidín desconectar temporalmente da música de cara ao público, en parte por razóns de saúde que me impedían tocar con normalidade. Así que adiqueime máis ben á vida familiar, a estudar, a facer algún que outro encargo como compositor ou arranxista, a compoñer e a ir dándolle forma a este Mae e toda a idea que o rodea.

–En que se asemella Mae a un disco de Berrogüetto e en que se diferencia? –

Berrogüetto fixo discos conceptuais, e este tamén o é, pero cun estilo de construción moi distinto. A diferenza é que, no primeiro caso, a gran maioría dos temas eran independentes entre si e de diferentes autores, onde todos opinabamos. No caso de Mae os temas aparentan ser independentes, pero están conectados a través dunha serie de variacións melódicas presentes nas catro pezas que duran entre 9 e 11 minutos cada unha. E, por motivos máis que evidentes, pode que haxa detalles que lembren a Berrogüetto ou, máis ben, ao que eu aportei ao grupo no seu día.

–As primeiras críticas deste disco din que se notan nel as influencias de Mike Oldfield. Por que esa devoción?

–Tanto como devoción…, pero si que escoitei moito ao Oldfield dos anos 70, a Pink Floyd, a Camel… digamos que gostaba moito da música progresiva desa época e non tanto grupos ou solistas, senón certos discos en particular. Neste Mae quixen facer “pequenas chiscadelas” a esas influencias de cando era adolescente. Non só ao concepto progresivo, senón a outros estilos que escoitei moito no seu día, como a música antiga de diferentes épocas, a música da Bretaña ou a de Irlanda…, pero sempre con humildade e co maior dos respectos. Se tivese que nomear aquí as influencias que fun asimilando durante anos, levaríame bastante tempo.

–A estas alturas renunciar ás voces e presentar un disco instrumental, non é precisamente habitual. Por que o quixo facer totalmente instrumental?

Pois era una necesidade persoal facelo así (a música instrumental é para min unha vocación). Honestamente, non pensei en absoluto na comercialidade da música. Simplemente fixen o que me saíu, sabendo que era un disco anticomercial, antiradio, etc. Non hai cancións, e son temas longos, todo o contrario do que se fai hoxe habitualmente. A pesar diso, en principio o disco está tendo moi boa acollida por parte da crítica e de moita da xente que xa o ten na sua casa. Pensaba que ía resultar un pouco “coñazo”, pero estou comprobando que está gustando moito a través de mensaxes que me chegan e links que vexo polas redes sociais.

–Pola súa elaboración, este disco é moi difícil de levar ao directo. Renuncia a facelo ou ten previsto realizar algún concerto de presentación?–

Tecnicamente ten o seu aquel, pero dende o punto de vista artístico si é posible realizalo. Sería necesario formar una banda de polo menos sete persoas para semellarse o máis posible ao son do disco. Neste momento estamos a traballar cunha formación de cinco, máis estudando a posibilidade de ampliala. E aí está seguramente a maior dificultade para levar adiante o proxecto, que é a cuestión económica. Os cachés que en xeral se manexan hoxe en día apenas dan beneficios para una banda desas características. E non vexo nin sequera digno saír de xira nesas condicións. Probablemente a única opción sería o patrocinio dalgunha entidade pública ou incluso privada.

–Vde. participou na eclosión do Novo Folk Galego da década dos 90. Como ve o panorama actual da música galega?

–Levo tanto tempo case desconectado do mundiño folk que sería una ousadía pola miña parte facer valoracións ou comparacións sen un mínimo de coñecemento. De todos os xeitos, dáme a sensación de que a medida que aumenta a cantidade e a calidade artística e interpretativa, diminúe a cantidade de traballo e a calidade nas condicións laborais. Hoxe vense moitas formacións de dúos, trios, algún cuarteto… (que, por outra banda, sempre as houbo), que resultan economicamente viables, pero a partir dese número os presupostos comezan a estreitarse e, aparte de formacións xa consolidadas, resulta complexo iniciar un proxecto destas características.

–Cre que os músicos mozos de hoxe téñeno más difícil para vivir da música que naqueles anos?–

Se a pregunta se refire a se é posible vivir unicamente dos concertos hoxe, eu diría que moi poucos poden. Naqueles anos, non é que todo o mundo vivira de facer concertos, pero os soldos eran máis dignos, polo que vou coñecendo agora. Eu daquela fun un privilexiado porque, aínda que modestamente, podía vivir de facer xiras sen ter a necesidade de estar en mil cousas, como sucede agora coa maioría para poder vivir da música. Ou sexa: tocar en varias bandas, dar aulas de música, facer cursiños, algún que outro encargo puntual que che soliciten e non sei cantas cousas máis.

–Qué valoración fai do “fenómeno Tanxugueiras”?–

A min paréceme fantástico, que queres que che diga… Nunca antes a música tradicional galega chegara a tanta xente. Aínda que haxa moita electrónica na súa estética, o componente tradicional é brutal e indubidable. Teñen que aproveitar o momento que están a vivir. Deséxolles o mellor, sen a menor dúbida. Ademais alégrome moito por Isaac Palacín (ex Berro), que as acompaña coas percusións e que casualmente foi o que me axudou a mesturar este disco, involucrándose ao 100x100 co seu enorme talento, coñecemento e tamén paciencia.

Compartir el artículo

stats