Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A noi!

Cen anos da Marcha sobre Roma

Un momento da Marcha sobre Roma (1922).

Dúas das consecuencias da Primeira Guerra Mundial foron a Revolución soviética, e a súa conversión en modelo, e mais a redistribución territorial de Europa a conta das potencias perdedoras. Canto á primeira desas consecuencias, a desmobilización dos exércitos provocou importantes accións obreiras que en Alemaña e en Hungría colleron dimensión de revolución socialista. En Italia, disturbios promovidos polos consellos de fábrica (o chamado “bienio vermello”) por unha altísima inflación. O medo a un contaxio soviético pasou a dominar os sectores industrias e financeiros de Europa. E engadíase a todo isto aínda o reforzamento do sentimento nacional, relativamente novo despois de medio século da unificación. A vitoria de Italia na guerra mundial foi premiada coa incorporación de novos territorios (Trentino, Friul, Trieste, Gorizia) polo tratado de Saint-Germain-en-Laye pero non tantos como os aliados prometeran. Asemade, o país entrou en conflito co reino iugoslavo, malia o acordo de Rapallo que establecía as novas fronteiras.

Un dos puntos en litixio foi a cidade de Fiume, que entre setembro de 1920 e decembro de 1921 foi ocupada polo escritor Gabriele d’Annunzio e un importante grupo de arditi, o corpo de asalto de elite do Regio Esercito, que declararon a guerra a Italia. Promovían un sistema político de corte corporativista e a exaltación nacionalista de Italia por riba de todo, que inspirou a Benito Mussolini á hora de dotar de ideoloxía aos Fasci italiani di combattimento, grupos de matóns armados fundados en 1919, que comezaron a exercer a violencia contra as forzas de esquerda.

Pero estes fasci non partían de cero. Mussolini militara no PSI e pasou de estar no sector contrario á guerra a facelo a prol da intervención, con outros grupos ultranacionalistas que bebían das propostas do movemento futurista. Despois da contenda, estes grupos converxeron con arditi e antigos convictos, liderados por Marinetti, que anos atrás apelara á violencia como arma de transformación artística. Mussolini contaba en 1919 co xornal Il Popolo d’Italia, que dirixía. Á súa chamada, acudiron intervencionistas de dereita e de esquerdas. Constituíronse en movemento estable, contrario aos partidos e ao sistema parlamentario e en 1921, formaron o Partido Nacional Fascista.

Neste ano, foran incorporados no Blocchi Nazionali a proposta de Giovanni Giolitti, un político liberal especialmente hábil á hora de pactar alianzas interesadas, especialmente entre os sectores industriais e financeiros do norte coas forzas agrarias que no sur se organizaban arredor das diferentes mafias. Pero as mobilizacións obreiras e labregas, malia estar calmadas, non deixaban de seren unha ameaza latente, máis aínda cando un sector do PSI (o máis votado nas eleccións) pasou a discrepar da liña do partido e outro se escindira para formar o PCd’I.

Malia que os partidos de centro e de dereita formaban a maioría no novo parlamento, os sectores económicos dominantes pasaron a considerar que fronte a ameaza das esquerdas, os fasci (con 35 escanos) e a chamada de Mussolini a restablecer o orde poderían resultar o mal menor. O goberno do liberal Luigi Facta quixo frear as accións dos fascistas e invitou a D’Annunzio a encabezar unha marcha patriótica no cuarto aniversario da fin da guerra pero Mussolini manobrou de inmediato. Despois de dominar diversos concellos do norte de Italia, convocou aos seus seguidores a unha marcha sobre Roma nos días finais de outubro de 1922. Millares de camisas negras chegaron á capital italiana. Facta presentou a Vítor Manuel III unha petición para declarar o estado de sitio pero o monarca, coñecedor de que os fascistas tiñan do seu lado ao duque de Aosta, non asinou a petición. Uns días despois, e sen vulnerar o Statuto Albertino de 1848, propuxo a Mussolini que pasase a presidir o consello de ministros. Os fascistas mantiveron a faciana do sistema parlamentario un tempo pero o asasinato en 1924 do socialista Giacomo Matteotti, que ben axiña se opuxera á violencia fascista, deu paso á ditadura.

Un partido-milicia

Tal vez a orixinalidade do fascismo italiano estaba en que por primeira vez se constituía un partido político que á vez era unha milicia, en palabras de Emilio Gentile. Cunha visión autoritaria e militarizada, adoptaron o símbolo do feixe, que pertencera a uns revolucionarios sicilianos de finais do XIX.

Os Fasci italiani di combattimento non saíron da nada. Mussolini, desde o PSI, encabezara unha escisión favorable á intervención na guerra (financiaba Ansaldo) que chamou Fasci Autonomi d’Azione Rivoluzionaria. Converxeu ben axiña cos Fasci d’Azione Rivoluzionaria Internazionalista, escisión intervencionista do sindicato anarquista USI. Rematada a guerra, estes grupos adoptaron a forma de escuadras, que combatían as organizacións de esquerda.

Adoptaron unha ideoloxía corporativa que situaba a nación por riba de calquera disensión social, territorial, cultural e individual. Canto á uniformidade, a camisa negra –que era a roupa habitual dos obreiros da Emilia Romaña e do Lazio– comezou a ser adoptada por iniciativa de Italo Balbo en Ferrara, moitas veces cun fez da mesma cor. Dentro dos ornamentos propios da milicia, un slogan moi empregado foi “Me ne frego” (‘tanto me ten’), collida das inscricións que os arditi puñan nas vendas das súas feridas, o que indicaba unha forte dose de nihilismo vencellado á violencia.

Compartir el artículo

stats