Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os milenios da pedra

Ponte sobre o río Cabras, A Graña (Covelo)

Ponte sobre o río Cabras. FDV

Din que pode ser unha das pontes máis antigas que existen en Galicia e quizais en Europa. A Graña é unha das catorce parroquias do concello de Covelo, de amplos horizontes de granito. En plena Serra do Suído nace o río Cabras, sobre o que está apousentada unha laxe dunha soa peza de máis de seis metros de lonxitude, que fai a función de paso para salvar a corrente. O de Eido Gonzalo podería tratarse, segundo algunhas teorías, dun dos viadutos máis remotos coñecidos, que enlaza á súa vez cun camiño empedrado que puidera ser unha calzada secundaria romana que atravesaba a comarca.

Un dos etnógrafos que máis estudou a zona é Maximino Fernández Sendín, quen xa alude á antiquísima ponte na súa obra Poldras, pasos, pasaderas... Reminiscencias del Neolítico, libro no que reivindica o valor patrimonial e histórico dos pasos fluviais. O do río Cabras podería ser dese tempo arcaico. “Segundo a tradición, esta ponte foi feita por un ser mitolóxico, unha moura que levaba a laxe na cabeza e ía fiando mentres tanto, e así se transmitiu a narración oral de xeración en xeración”, di. Entre os poderes das mouras, que representarían a nai Natureza, estaría o de transportar enormes pedras coas que facer as maxestosas construcións megalíticas (mámoas, dolmens, pontes…).

Dolmen de Rebordechán. FDV

A tese de datación que sostén Sendín está reforzada por outros datos, á parte da lenda que a acompaña. “Moi próximos á ponte existen na Graña varios dolmen e mámoas, e existen igualmente as que están consideradas como as primeiras pontes do ser humano, utilizadas tamén desde o Neolítico, chamadas con nomes diversos como pasos, poldras, pasadeiras, pontóns... Todo iso reforza e dá consistencia a esta hipótese de que esta ponte de Eido Gonzalo é do Neolítico, xa que nestas montañas habitaba unha colectividade”. Asemade a erosión que ten a gran laxe que conforma a ponte podería supoñer unha idade de milenios. “A presenza humana nestas montañas da Serra do Suído queda testemuñada polos abundantes restos arqueolóxicos existentes, moi próximos á ponte”, continúa Fernandez Sendín, presidente do Centro de Estudos da Paradanta e O Condado. O viaduto reúne todos os méritos “para seguir sendo analizado e poder concluír que se trata dun dos máis antigos coñecidos”. En fin, a investigación está pendente da realización dunha proba de luminiscencia opticamente estimulada -OSL- “que permitirá datar con precisión cando foi construído”, sinala o investigador.

Ademais do viaduto, a zona encerra outros motivos de interese arqueolóxico e etnográfico. Moi próximo está o dolmen de Rebordechán, “o mellor conservado nesta parte da Serra do Suído, e é de corredor, segundo explica Fernández Sendín. A uns metros hai restos doutros dous e na parte máis alta da Graña existen dúas mámoas no lugar que conserva o topónimo Chan das Mesas.

Lareira da Casa Museo Leonides. FDV

A parroquia garda un espazo museístico moi especial, a Casa Museo Leonides, unha das máis antigas da comarca, varias veces centenaria, que reflicte como era a vida na zona. Ademais da vivenda, onde convivían animais e moradores, o lugar conta con eiras de pedra onde se mallaba o centeo, así como dous hórreos tamén de pedra, incluída a cuberta.

A vivenda responde á vella tipoloxía construtiva de casa terrea cunha porta principal e pequenos ventanucos. O interior está formado por un espazo único no que se atopa a lareira e o forno, ao redor dos que se despregan os elementos da vida cotiá: a gramalleira da que colga o pote, escanos, tallos, mesas e alzadeiras. A estancia conserva o chan empedrado e vigas de madeira. Unhas vellas escaleiras de pedra dan acceso ao piso superior, onde está a cama con colchón de follato e un berce. O museo ten un arquivo fotográfico da zona e documentos relativos á Graña.

Hórreo da Casa Museo Leonides. FDV

Patrimonio artístico e etnográfico

O concello de Covelo, ao que pertence A Graña, ademais de espazos naturais, alberga numerosos elementos que falan da súa importancia histórica. Neste territorio existen depósitos arqueolóxicos significativos, como o castro situado na parroquia de Santiago de Covelo, en cuxas proximidades se atopa un petróglifo que posiblemente estivo dedicado ao sol. Outra das súas xoias patrimoniais é o cruceiro do Santo Cristo dos Aflixidos, situado na praza principal da vila. Datado en 1899, é obra do escultor Cerviño, autor do coñecido cruceiro de Hío.

Un conxunto etnográfico de visita obrigada é a Casa Museo Pazo da Cruz –impulsada polo propio Maximino Fernández Sendín, do mesmo xeito que o museo Leonides– na Hermida, que encerra miles de pezas que responden a útiles de oficios, obxectos de mobiliario e utilitarios a través dos séculos e coleccións temáticas que van desde música a xoguetes ou á escola, entre outras. Varios dos seus elementos serviron para ambientar películas e crear escenografías, e o centro funciona como punto de información dos numerosos roteiros e visitas que se poden facer na zona. O Pazo da Cruz, que é de seu un museo vivo e sensorial, necesita máis espazo para as moitas pezas que alberga, por iso un dos proxectos máis inmediatos de Sendín –que xa ten en marcha- é abrir a Casa do Laranxal como núcleo etnográfico de apoio ao museo matriz.

Compartir el artículo

stats