O autor, Diego Giráldez é sobre todo xornalista de opinión en varias cabeceiras. Mais hai seis anos estreouse no xénero narrativo, con relatos curtos. Esta é a súa segunda incursión na ficción de longo percorrido. O meu sangue é un relato sobre a vida alegre, feliz, tráxica e vingativa, narrado nun longo monólogo interior polo principal protagonista, David Ledesma, con formación universitaria e aspirante a narrador de novela negra, pero que traballa na sección máis traumática dunha empresa de limpeza. Coñece a Belén coa que vive un intenso romance con data de caducidade, porque Belén, médico forense, cae de pronto vítima dunha enfermidade dexenerativa. Malia iso, ela será o seu centro de gravidade. A novela comeza, porén cunha longa prolepse, un salto cara ao futuro no tempo da historia, cando o protagonista e a súa parella teñen un fillo prematuro, e coñece a María, a veciña coa que casa, tras un ano da morte de Belén.

O nó da historia non é o protagonista narrador, senón Belén, romántica, agarimosa, previsora e intelixente. A súa morte deixa ao protagonista no desespero, e no intento de se suicidar, dáse un tiro nunha perna. No hospital coñece a María coa que ten unha relación beiravía, sobre todo porque rexeita o fillo de David.

Compositivamente o máis interesante desta boa novela é a súa arquitectura:desde o final anunciado en parte no primeiro capítulo, o lector percorre, de maneira aparentemente anárquica, os distintos momentos da trama. Unha estrutura que non empece porén o labor do lector. O autor ten a habilidade de expresar, mediante parágrafos, ateigados de imaxes moi suxestivas que reflicten o amor de Belén e o protagonista, mentres que da relación con María só coñecemos certas pingas moi frías.Xa que logo, unha boa novela, “efervescente e dura”, tamén amable a pacífica, posiblemente a mellor do autor que non debería pasar desapercibida.

O MEU SANGUE (2022): Diego Giráldez, Galaxia, Vigo, PVP. 14,25€