Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con vontade popular

Demasiadas evidencias

Con vontade popular

Un turista santiagués no seu último día en Tailandia repara nunha muller de trazos centroeuropeos que entra na auga e a continuación desaparece. Decide denuncialo á policía e acaba preso, sospeitoso de asasinato. Mais aclarado, supostamente, o malentendido, o turista, que é un anticuario a piques da ruína, decide investigar pola súa conta que ocorreu coa tal muller.Explica a editorial Galaxia na contra desta novela: “Con Unha cervexa Chang, Manuel Portas explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos, nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer”.

Mais en realidade a trama é exactamente o que parece. Un enredo sustentado unicamente na vontade dun personaxe que opta case sempre pola decisión menos acaída aos seus intereses, pero que máis lle convén á narración.En moitas ocasións utilízanse as ferramentas do xénero da intriga para explicar outros aspectos: facer un retrato crítico da sociedade ou construír personaxes tan poderosos que se impoñen á mecánica do argumento e converten o suspense por coñecermos que vai pasar unicamente nunha convención, nun lubricante para avanzar na lectura.Non é o caso. Unha cervexa Chang quere propor unha trama pechada, sofisticada, onde cada peza acaba casando no seu sitio, pero é tan evidente o xogo do crebacabezas que todo se fai bastante previsible.

As novelas de investigación precisan unha narración dinámica, mais neste caso o xeito de contar é lento, reiterativo, moitas veces soporífero. Dá a sensación de que a obra foi construída nun primeiro impulso, coas trabes do argumento aínda demasiado á vista, e que a novela gañaría cunha revisión profunda que a liberase dalgunhas das súas eivas. Sinal disto é como o autor muda o tempo verbal da narración ou como empeza introducindo os diálogos en estilo indirecto até que de repente aparecen todos mediante a disposición clásica con guións e acoutacións. Principalmente o exceso de texto e os diálogos.

É coma se o autor necesitase sempre unha frase de máis. Sóbranlle modismos e adxectivos. Os diálogos son insulsos e pouco naturais: apenas axudan a definir a personalidade dos personaxes e son demasiado elocuentes cando serven para explicar o argumento.

Aínda que o nivel lingüístico da novela é correcto e “navega nos mares” da narrativa estándar que se publica hoxe en día, por momentos hai certo abuso dun rexistro vulgar e bastante castelanizado: “non o ían meter no trullo” (p. 49). “…interesados e cutres coma eles sós” (p. 72).

En definitiva, Unha cervexa Chang é unha novela de vocación popular que se atragoa para unha lectura lixeira e non ten altura literaria para captar o interese por calquera outro motivo que non sexa saber como se resolve a trama.

PORTAS, Manuel, Unha cervexa Chang, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 18€

Compartir el artículo

stats