Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viñetas de A conta atrás

Unha novela gráfica sobre o Prestige

Viñeta de A conta atrás. Vol.II (2022). ECC EDICIONES

“Aquela persoa que non coñece a súa historia está condenada a repetila”. De certo que moitas e moitos estades cansas e cansos de escoitar esta frase, de atribución non de todo clara, en infinidade de series, libros e películas. Co final do verán reapareceu unha vella BD galega que ata agosto permaneceu inconclusa e que ten como protagonista un capítulo negro da nosa historia: A conta atrás é unha novela gráfica que narra o que (des)acontece un ano despois da catástrofe do petroleiro Prestige.

O cómic, guionizado por Carlos Portela (Vigo, 1967), con debuxo de Sergi San Julián (Barcelona, 1973) e apoio na cor de David Otálora e Marta Mesas, foi orixinariamente concibido como unha novela en dous volumes. O primeiro foi publicado en 2008 en galego e castelán pola editorial Faktoría K, pero o segundo tivo unha traxectoria moito máis difícil. No ano 2014 ambos autores tentaron reunir 27.000 € para completalo nun ‘crowdfunding’ da plataforma Verkami que non acadou o obxectivo. Foi en maio dese mesmo ano cando A conta atrás Vol. II obtivo o Premio de Novela Gráfica Social da Fundación Divina Pastora, outorgado por un xurado formado polos profesionais de diferentes ámbitos da BD Paco Roca, Antonio Ortiz, Álvaro Pons, Sento Llobell e a xerente da Fundación, grande apoio despois en todo o proceso de finalización da mesma, Rosa Laparra. O galardón incluía a publicación e difusión do segundo volume.

En agosto, despois de quince anos da súa concepción, a novela completa foi presentada, tanto na súa versión en galego como en castelán, na 24ª edición do festival Viñetas desde o Atlántico, da man da editorial ECC Cómics, coñecida no sector por ser a editora de gran parte de DC Cómics en España e Latinoamérica. Unha edición de tapa dura con duascentas páxinas a cor.

A novela inclúe un pequeno pero moi acertado prólogo de Manuel Rivas (A Coruña, 1957), epílogo de Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) e unha entrevista ao crítico de cómics Álvaro Pons (Barcelona, 1966). Como a aparición do segundo volume demorouse máis do esperado, durante o tempo de barbeito, fíxose pública a sentenza do caso Prestige, polo que inclúe tamén un “extra” máis: un bosquexo de cómo remataron os personaxes once anos despois dos sucesos narrados. Cun “debuxo limpo e eficaz”, como indica Miguelanxo Prado no epílogo, Sergi San Julián pon a súa arte ao servizo da historia, acompañándoa sen pisala.

A conta atrás é unha narración ficcionada inspirada en feitos reais contrastados que se sitúa na vila de Caldelas. Despois dunha catástrofe ecolóxica sen antecedentes e unha xestión pésima e enganosa por parte do goberno, que puxo en xaque a forma de vida da vila, o partido responsable sae novamente reelixido nas elección que suceden á crise, a base de branqueo baseado en indemnizacións e campañas publicitarias. O título fai referencia tanto ao nome da campaña, “A conta atrás rematou”, como ao estilo narrativo, que reconstrúe os feitos en retrospectiva, coma se tratásese dunha investigación. A historia confórmase como un híbrido entre o thriller e o drama e, sobre todo, unha reivindicación político-social. Tamén se pode ler como unha sorte de ensaio sociolóxico, como funciona a memoria colectiva despois dun acontecemento inflexivo e traumático. Unha BD sobre corrupción política, compra de vontades, control dos medios de comunicación e aceptación e derrota… pero tamén un exemplo de solidariedade e unha mostra de que non todo o mundo esquece. Citando o texto do prólogo de Manuel Rivas, “Ou mar como un Leviatán, Galicia, vítima dun meigallo histórico […]. Non era ou mar ou inimigo, senón ou desleixo e a inmoralidade dous que tingan para afrontar todo iso e non ou facían”.

Aínda que a espera foi longa, sen dúbida, vale a pena. Moitas cousas pasaron desde entón, pero quizais esta BD galega apareceu no momento necesario.

Nace Demo Pequeno

Demo Editorial tamén aproveitou a 24ª edición do festival coruñés de Viñetas desde o Atlántico para estrear a súa nova colección infantil, Demo Pequeno, que ten como público obxectivo as pequenas e pequenos lectores de entre seis e doce anos. Abre a colección coa presentación dun título de cara ao outono: Os escachapedras, un cómic recompilatorio das historias curtas da escritora e guionista Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) e o debuxante Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967) na revista Golfiño, a extinta revista mensual dedicada á BD infantil de Edicións Xerais, publicada entre os anos 2000 e 2004.

Demo Editorial é una iniciativa que nace en 2008 da man do artista Manel Cráneo (A Coruña, 1973) coa intención de ofrecer unha alternativa á autoedición e publicar autores galegos en lingua galega, potenciando a súa visibilidade. Ata agora contaba coas coleccións “Castelao”, formada por títulos relacionados coa figura do ilustre; “HäinöS”, historietas de ciencia ficción e fantasía; “Eumedievo”, historias e lendas da Galicia Medieval así como proxectos divulgativos; “Demográfica”, obras cun maior peso na parte gráfica; e “BDG13”, volumes recompilatorios de autores desta xeración.

Ademáis da nova colección para peques, Demo Editorial tamén presentou o cómic xuvenil Roxín Roxal. A daga do conde, de Manel Cráneo e Brais Fierro; e Arrepío, recompilación que pertenece á colección “BDG13.”

Compartir el artículo

stats