Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mestreque nos queda

No pasamento de Peter Brook

Un momento na posta en escena de Tempest Project (2021). Arquivo

Na película Meetings with Remarkable Men (1979), cun guión escrito coa colaboración de Jeanne-Marie Allemand (a.k.a. Madame de Salzmann), Peter Brook presenta una escena que tal vez sirva para reflectir a súa vida enteira. Falamos daquela na que, nun mundo de pedra e area, varios músicos, rodeados dunha comunidade expectante, acariñan con respecto inmenso os seus instrumentos tradicionais e compiten polo privilexio de lograr que as montañas, retorcidas arredor unha gorxa ben fonda, respondan á súa humilde ofrenda tonal. Na súa produción escrita, Brook mostrará unha e outra vez a súa preocupación por lograr esa comunicación co outro, pero tamén o fará en experiencias numerosas nas que explora no contacto directo co público os elementos básicos da comunicación teatral. Velaí a procura da emoción compartida, como a que persegue aquel fato de músicos dun val esquecido dunha área innominada que cabe situar nalgún lugar do sur da Asia Central, nun tempo no que as ensinanzas de Zoroastro aínda alentaban no vivir de millóns de persoas.

Peter Brook (1925-2022). Arquivo

Brook deixa unha manchea de espectáculos que forman parte do canon escénico do século XX e comparten un mesmo trazo: o de seren creacións únicas nas que se explora a forma en que actores e actrices se comunican co espectador, nunha acción entendida como relación viva, directa e íntima e situada nunha escena da que desaparece todo o superfluo, ata deixala núa, coma no teatro isabelino. Tamén lega algúns ensaios que figuran entre os máis relevantes do século, e que destacan por constituíren un magnífico exemplo do que pode ser a reflexión sobre a práctica, cunha dimensión crítica pero tamén exploratoria de novas necesidades e posibilidades.

Entre esas achegas temos The Empty Space, escrito en 1968, momento no que inicia unha etapa nova, logo de converterse nun dos directores máis importantes de Europa, con varias escenificacións na Royal Shakespeare Company, e unha xeira de experimentos dos que derivan espectáculos como Marat/Sade, ou US, indagación sobre a acción escénica, ou happening, tan popular naquela altura. Naquel ensaio, seguindo tal vez as propostas de Gurdjieff e Ouspensky sobre os camiños da ascese e da iluminación, proporá unha cuarta vía para a creación teatral logo de analizar as achegas dos teatros comercial, sagrado e popular. Na súa aposta por un teatro inmediato, mostraba que cada momento demanda o seu teatro, e que cada espectáculo é único, singular, e polo tanto require procesos e procedementos específicos, para o que non hai receitas. Cómpre comezar de novo, sempre, des-aprendendo o aprendido.

Nalgún lugar tense escrito que entre as moitas influencias que acolle Brook, sempre aberto a ideas alleas, está a da directora de escena Joan Littlewood, promotora dun Theatre Workshop que contra 1953 se instala no Theatre Royal Statford East. Alí desenvolve ela un método de traballo que en 1977 recolle Clive Barker nun libro dispoñible en galego, Xogos teatrais (2011). No seu traballo co actor e coa actriz Littlewoood renuncia ao enfoque psicoloxista dominante, e aposta por outro máis asentado no xogo, na improvisación, no traballo corporal, na experimentación sobre a dimensión física da conduta, poñendo en valor ideas de Meyerhold ou Brecht.

Outra das inquedanzas centrais de Brook foi o público, pois sempre entendeu o teatro como un servizo ao público, un proceso orientado a contar, a dicir, a provocar, a emocionar..., a esas outras persoas que escoitan e miran, e sen as que o teatro perde a súa razón de ser. Moitos dos seus experimentos realizados desde o Centre International de Recherche Théâtrale (París, 1970), toman esa dirección: analizar formas de establecer vínculos comunicativos entre elenco e audiencia. Alí tamén desenvolve unha proposta de teatro multicultural que plasma dun dos espectáculos máis vibrantes do século XX, o Mahabharata (1985), malia que un sector da crítica o acusase de orientalismo, e ao mellor algo diso había, aínda que teatralmente era incontestable.

O teatro como medio

Nunha longa entrevista con Denis Bablet feita en francés en 1973, e que publica a revista El Público en 1983, Brook dirá que para el o teatro nunca foi un fin de seu, senón parte da aprendizaxe da vida, pois ofrece unha maneira de confrontar e reconstruír a condición humana, na diversidade e na incerteza, desde perspectivas ben diversas, como acontece nas pezas de Shakespeare desde Rei Lear ata A tempestade. Un autor co que realiza espectáculos memorables que destacan pola mirada complexa a mundos feitos con palabras, e que por iso mesmo admiten interpretacións moi dispares.

Sendo así, e volvendo a aquela película na que recrea algúns acontecementos na vida primeira de Gurdjieff, cando o mestre de danzas quere atopar sentido á súa vida, ao mellor conviña considerar se todo o traballo teatral de Brook, marcado pola exploración das esencias e a renuncia a calquera forma de retórica escénica, non ilustra o seu propio camiño na busca do Reino das Terras Puras. Pois quizais ese traballo de reconstrución e contemplación da experiencia, como din que pode acontecer no teatro Noh xaponés, pode sinalar camiños para a meditación e a iluminación. Sexa como for a súa traxectoria si que nos ilumina en todos os sentidos. Grazas, por sempre, mestre

Compartir el artículo

stats