Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os libros da Raíña

Isabel II e a literatura

Telly Savalas e George Lazenby en 'No servizo secreto da Súa Maxestade' (1969).

Estes días medio mundo segue con atención o longo cerimonial das exequias dedicadas á raíña Isabel II, falecida o pasado xoves con noventa e seis anos tras reinar máis de setenta.Tan dilatado período de gobernanza fixo dela un dos persoeiros máis famosos do planeta e, como non podía ser doutra maneira, facilitou que abrollasen multitude de creacións artísticas das que, en maior ou menor medida, foi protagonista. Entre elas, xaora, un bo feixe de obras literarias, das que aquí escolmarei algúns títulos.

Alan Bennett.

Talvez a primeira serie novelesca na que a Raíña figuraba como un elemento emblemático que daba soporte ao escenario social e xeopolítico no que se desenvolvían as tramas sexa a do celebérrimo James Bond, o Axente 007 creado por Ian Fleming. Nas novelas por el protagonizadas cómpre non esquecer que aparecía caracterizado como un axente do Servizo Secreto de Intelixencia, o que logo foi o MI6, e que dende que comezara a saga en 1953 foi entroncando máis e máis con esa simbólica rexia de trasfondo, ata o punto de que dez anos máis tarde unha das súas máis afamadas entregas se titulou, precisamente, No servizo da Súa Maxestade (1963).

Roald Dahl.

Nunha liña semellante de thriller de espionaxe debe situarse Salvar a Raíña (1976), a novela de William F. Buckley ambientada nos primeiros anos cincuenta que protagonizou o axente da CIA Blackford Oakes e que tiña como un dos seus personaxes centrais a raíña Carolina, directamente inspirada en Isabel II. Nesta obra Oakes ten que viaxar ao Reino Unido e solucionar o grave problema xurdido por unha filtración de seguridade de alto nivel próxima á monarca británica.Xa nunha orde xa moi diferente, mais tamén con Isabel II como centro de atención, sitúase Un xigante amigable (1982), un texto infantoxuvenil de Roald Dahl no que a nena protagonista, xunto ao seu xigante amigo e coa axuda da monarca, terá que facer fronte aos témeros perigos que desatan outros xigantes malvados que os rodean.

W.F. Buckley. | FOTOS: ARQUIVO

Novamente no eido das intrigas con espías polo medio sitúase Un problema de atribución, peza de teatro escrita por Alan Bennet en 1988 na que se descobre que un asesor da Raíña experto en arte británica é, en realidade, un axente soviético, coa traizón e toda a problemática que iso supón para a Coroa. Unha obra, por certo, que logo foi levada ao cinema e recibiu premios da Academia Británica de Cine e Televisión.

De comezos dos noventa é A Raíña e mais eu (1992), novela distópica de Sue Townsend que presenta ao Reino Unido gobernado por uns parlamentarios que deciden abolir a monarquía e instaurar a República, o que leva a Isabel II e a toda a súa familia a converterse en simples cidadáns de a pé e aprender a sobrevivir coa escasa pensión de xubilación da ex-raíña. Esta interesante e crítica visión do fenómeno monárquico inglés continuouna Townsend noutra novela algo posterior, A raíña Camila, na que afondou nas turbulentas e, por veces, traxicómicas relacións do triángulo formado por Carlos, Camila e Diana.

Na década pasada triunfou sobre os escenarios londinienses a peza de teatro A audiencia (2013), dirixida por Peter Morgan, responsable logo da popularísima serie The Crown (2016). Nesta obra, Helen Mirren, que xa obtivera o Oscar polo seu papel da monarca no filme A Raíña (2006), volveu a encarnar con grande éxito á súa Maxestade. Nela dá vida a unha Isabel II que ten que manter reunións semanais ou audiencias cos seus primeiros ministros, cos que establece unha peculiar relación que vai máis alá da estrita xestión e que nos revela o seu perfil máis humano.

A última sensación novelística arredor do singular personaxe de Isabel II tróuxoa a publicación por parte de Sophia J. Bennet de O nó Windsor (2020), unha entretida narración na que a Raíña se converte nunha sorte de Miss Marple ou Jessica Fletcher que ten que resolver, como portentosa superdetective, os máis arrevesados casos, o que a obriga a manter unha dobre vida: a oficial e pública como monarca e a secreta como implacable investigadora que ten que descubrir quen acabou coa vida dun dos convidados ao seu noventa aniversario.

O éxito desta primeira entrega de Bennet animouna a proseguir e hai poucos meses apareceu Un caso de tres cans (2021), onde a sagaz detective ten que desvelar a relación entre un cadro desaparecido e a morte dun servente do seu palacio.

Galego rexio

Unha das máis ocorrentes e divertidas novelas que teñen a Isabel II como protagonista é Unha lectora fóra do común, publicada no 2007 polo xa amentado Alan Bennet. Esta obra, a única traducida ao galego que ten a Raíña como personaxe principal (verteuna Moisés Barcia para Rinoceronte), mergúllanos nunha amenísima trama na que a monarca, logo de bater un día por casualidade co furgón da biblioteca móbil do Concello de Westminster aparcado á porta da cociña de palacio, acaba por se converter nunha lectora voraz, o que a transforma como persoa ao tempo que lle provoca serios problemas de desatención das súas obrigas institucionais.Lonxe do vodevil caricaturesco, esta ácida comedia funciona como unha sutil parábola, que nos convida a reflexionar sobre o poder da Arte, as relacións entre clases sociais e, xaora, o particular sistema monárquico inglés, ese ao que agora terá que aprender a dar nova vida o herdeiro que xa reina como Carlos III.

Compartir el artículo

stats