Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Estampasxaponesasen Ribeira

Unha mostra no Museo de Artes do Gravado

Sen título, de Keisain Eisen.

O Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (Artes, Ribeira) presenta, desde mañá venres, unha atractiva e variada escolma de estampas xaponesas da colección de José Daniel Buján Núñez, datadas nos períodos Edo (1603-1868) e Meijí (1868-1912), ámbitos de conformación e esplendor do gravado nipón, que a partir de mediados do século XIX proxectaría o seu influxo na cultura occidental.

Toyohara Komichica: Onore Kikugoro V.

Porén, para a precisa comprensión da evolución deste fenómeno de contacto cultural cómpre termos en conta que o coñecemento, apropiación e definición do que en Occidente denominamos “oriental” en todas as súas formas sociais, e nomeadamente nas artísticas, foi extremadamente subxectivo e abondo ateigado de prexuízos. Un proceso obxecto de estudo pormenorizado polo intelectual palestino Edward W. Said, que no seu libro Orientalism (1978) demostrou como a nosa visión histórica do Oriente está alicerzada en clixés etnocentristas.

Odawara, de Ando Hiroshige.

No mundo da historia da arte e da museoloxía, as manifestacións artísticas do Extremo Oriente figuraban (e figuran aínda en moitos lugares e publicacións) como un apéndice da historia xeral da arte –que é desde esta óptica, naturalmente, a nosa– e as referencias máis frecuentes á arte desta procedencia facíanse (e fanse) en función de variábeis interpretativas ou reflexións xeradas no noso contexto cultural: a pegada que a arte oriental deixou na occidental, como é o caso da estampa xaponesa; a relación con fenómenos históricos vividos polos pobos europeos, velaí a arte Nambán do Xapón do século XVI ligado á presenza comercial e/ou misioneira portuguesa ou holandesa; ou o consumo de obxectos orientais que se pon de moda a partir do século XVIII, as chinoiseries que se impoñen no ámbito do gusto rococó e que manterán a súa vixencia a medida que os contactos comerciais e a presenza colonial occidental se acentúan no século XIX. Non debemos esquecer que no século XVIII en toda Europa se vivía un gusto polo exotismo de xeito que as residencias nobiliarias se ven enriquecidas con porcelanas orientais, móbeis de ébano, lacas, figuras de marfil e nácara, vaixelas, tapizarías e biombos... todo froito da atracción pola idea dun Oriente que nas relacións dos viaxeiros adoptaba un perfil utópico.

Neste cadro é onde xorde o interese europeo pola estampa xaponesa, que chega a Europa nun momento, mediados do século XIX, de forte mudanza nos fundamentos estéticos da arte occidental e vai ter unha influencia decisiva na configuración da arte da segunda metade do século e de comezos do XX, cunha pegada central no postimpresionismo, no modernismo e na Art Déco. A inicial influencia desta arte no París desta altura (Manet, Toulouse Lautrec, Van Gogh, Monet...) vai dar lugar ao chamado xaponismo, que no contexto galego se detecta a inicios do XX en artistas como Carlos Sobrino, Álvaro Cebreiro ou Castelao, velaí o álbum Nós como exemplo senlleiro.

Mais, tornando á mostra do Museo do Gravado, a estampa xaponesa ofrece variados formatos e temáticas diferentes: desde a paisaxe, o retrato de actores kabuki, o mundo feminino e os guerreiros até as imaxes de fantasmas, espíritos ou seres míticos. A calidade notabilísima dos diferentes autores atinxe as máis altas realizacións en artistas como Kitagawa Utamaro (1753-1806), Katshushika Hokusai (1760-1849) ou Ando Hiroshige (1797-1858), mestres indiscutíbeis do ukiyo-e (que literalmente significa “imaxes do mundo flotante”). Estamos perante un tipo de traballos que fan uso dun vocabulario ornamental que potencia unha gramática expresiva da liña, proceso que se trasladará á arte europea pouco despois. Mesmo certas estilizacións e sutilezas, ben evidentes nas obras xaponesas, fanse, pouco máis tarde, asimilábeis ao espírito sofisticado e elegante da art déco xa en pleno século XX.

Título: Ukiyo-e. A beleza e a cor do efémero.

Comisariado: José Daniel Buján Núñez e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.

Local: Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Lugar de Outeiro, Artes, Concello de Ribeira. Do 16 de setembro ao 16 de novembro de 2022

Ukiyo-E

A mostra do Museo de Artes (Ribeira) permite un completo achegamento ás estampas do ukiyo-e, un tipo de gravado que vai aparecer en cidades como Kioto, Osaka e, sobre todo, Edo ou Tokio, co seu rueiro Yoshiwara e as súas manifestacións culturais: a música, a poesía, o teatro Kabuki, monicreques, a loita coñecida como sumo. Estas manifestacións culturais van ligadas a unha forma de vivir, de gozar do lecer dunha maneira sinxela a través do efémero dos praceres cotiáns.

Desde a perspectiva formal, a exposición permite enxergar como a estampa xaponesa inicia xa no século XVII a independizarse da ilustración de libros mercé ao labor de artistas como Okamura Masanobu (1686-1764) e Torii Kiyonobu (1664-1729), que desenvolven a súa arte por medio do gravado en branco e negro, ao que se podía acrecentar logo a cor á man. Nun segundo momento vemos como a estampación a cor se asenta e vai transformándose devagar ao longo do século XVIII, unha técnica que chega ao seu cume de perfección no século XIX, aspecto ben perceptíbel nunha atenta visita á mostra que nos ofrece o museo de Ribeira.

Compartir el artículo

stats