Aristocracia crepuscular
O mal sangue e mais as escopetas nacionais

Mónica Randall e José Sazatornil en La escopeta nacional (1978). / Arquivo.
Niklas Natt och Dag, autor sueco de novelas históricas, reivindicaba hai pouco, e desde a súa condición de nobre, a aplicación dunha lei non anulada pola que, en caso de improbable execución, fose morto a espada en troques de con machado. É talvez o único privilexio que lle queda á aristocracia sueca, hoxe un sector sen importancia, arruinada e sen posibilidade de manter os seus palacios, desde que -en palabras do escritor escandinavo- xa non pode explotar os pobres de maneira salvaxe e ten que pagar impostos. Isto é, unha situación ben diferente -e xa non falemos dos países republicanos- á que, porén, aínda padecemos no Estado español, especialmente desde que o réxime monárquico foi plenamente restaurado xa nos primeiros anos da ditadura.
Non hai, posiblemente, mellor retrato das miserias da aristocracia hispana que La escopeta nacional (1978), de Luis G. Berlanga. Pero se aquel esperpento sobre a familia do marqués de Leguineche estaba articulado desde a ficción, agora é un nobre con título -sen exercicio- quen axusta contas co mundo no que medrou e coa súa familia. Íñigo Ramírez de Haro, con La mala sangre (Ediciones B), repasa a traxectoria da casa de Bornos desde o seu establecemento a finais do século XV cando o xefe de artillaría da guerra de Granada casou con Beatriz Galindo “a Latina” (profesora de Isabel de Castela) logo de que esta ficase embarazada do rei católico.
Esta traxectoria de seis séculos é un continuo por preservar -ao prezo que fose- esta liñaxe vinculada desde os seus comezos a Madrid e evitar calquera traballo manual ou intelectual, agás dalgunha honrosa excepción como foi a escritura por Diego Ramírez de Haro no século XVI do primeiro tratado sobre tauromaquia. Foi a casa de Bornos durante moitos anos a terceira fortuna española, con moitos títulos de nobreza, tres deles con Grandeza de España. Non foi ata 1944 cando un Ramírez de Haro tivo que traballar asalariado (coma militar) e como el mesmo confesaba “non é doado afacerse”.
Para o noso diplomático e escritor (e tamén enxeñeiro aeronáutico), a inmobilidade atávica da aristocracia -ou da súa maioría- levou a que pensase unicamente no pasado, como se o futuro tivese que resultar unha simple reprodución, xeración tras xeración. Unha inmobilidade que impide decatarse da ruína exterior, cuxa consecuencia máis salientable vén resultar esoutra interior e que levou secularmente a menosprezar o valor do mérito e de acadar un nivel de riqueza desde apenas nada. Menosprezo cara á burguesía e á pequena nobreza e, xa non digamos, cara ás clases populares. Unha actitude de orgullo e continuada arrogancia pola pretensión de que o sangue os fai superiores, esquecendo que foi o iniciador o único que tivo méritos (confesables ou non). Mais o Íñigo Ramírez de Haro non afasta a reflexión desta traxectoria desoutra na que se insire: o fracaso de España coma Estado, incapaz de integrar a diversidade de identidades territoriais, apodrecidas baixo unha saba que tamén tapa unha aristocracia incapaz de aportar nada (chégase á ruína sen responsabilidade da liñaxe). En fin, unha aristocracia, esta española dos tempos recentes, que, malia o seu xene monárquico, viviu cómoda co réxime franquista a pesar da rémora daquel “socialismo falanxista” que non tiñan máis remedio que aturar.
E no caso da familia Ramírez de Haro e a casa de Bornos, o detonante foi a venda dun cadro de Goya por parte do titular da liñaxe e a súa muller, a ex presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre. Unha actuación -aínda sometida ao ditado dos xulgados- que deixa en evidencia que o pretendido respecto polo pasado e polo patrimonio familiar remata cando se quere manter unha vida privilexiada: avareza cos cartos propios e xenerosidade cos alleos.
Mais con todo, Íñigo Ramírez de Haro non entra aínda naquilo que veu resultar o gran negocio levado a termo pola familia: a estación do AVE de Guadalaxara -por acordo do goberno Aznar- foi situada no concello de Yebes, canda uns terreos propiedade dunha tía dos Ramírez de Haro, Teresa M. Valdés, recalificados para construír unha urbanización, operación pola que obtivo 200 millóns de euros segundo informacións de prensa.
Suscríbete para seguir leyendo
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Se entrega en la Guardia Civil tras 20 días fugado el conductor que embistió a un coche de la Policía Local en Salceda
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina
- Restaurantes y hoteles vigueses ya cuentan con una lista negra de clientes conflictivos
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»

