Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Pardo Bazán xa definiu Galicia como unha nacionalidade”

José María Paz Gago - catedrático de teoría da literatura

José María Paz Gago VICTOR ECHAVE

José María Paz Gago (Celanova, 1966), catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é autor de numerosos libros e traballos sobre escritores galegos como Valle-Inclán, Cela, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro. Fundou e dirixiu a revista La Tribuna. Cuadernos de Estudios de la Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da que foi presidente do seu Comité Científico. Impulsor do Instituto de Estudios Emilia Pardo Bazán, en 2021 sacou á luz unha novela policial inédita da escritora coruñesa, baixo o título de Los misterios de Selva (Santiago, Ézaro, 2021) e a obra ilustrada La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro (A Coruña, Hércules de Ediciones, 2021).

–Postos a comparar, que lle resulta máis apaixonante de dona Emilia Pardo Bazán: a súa obra ou a sua vida?

–Pois, sinceramente, a súa vida. Poida que non fose guapa, segundo os canons de beleza que se estilan agora; porén, foi unha gran sedutora porque, en realidade, o que seduce de veras é a intelixencia. Ela, que se separou moi cedo do seu marido, tivo unha manchea de amantes. No só estivo liada con Benito Pérez Galdós, que era a grande figura entre os escritores españois naqueles anos, senón tamén con Lázaro Galedeano, Vicente Blasco Ibáñez e até un príncipe ruso, entre outros varios máis. Era unha muller liberada, empoderada, e sen complexo ningún. Todo un modelo de muller, vaia, que ademais viaxaba moito e sempre estaba ao tanto das novas tendencias na arte, na moda, na cultura...e, por suposto, na literatura.

–Coida que a celebración do centenario conseguiu poñer a Emilia Pardo Bazán no lugar que se merece na historia da literatura española ou aínda queda un longo camiño por percorrer?

–Para min, a celebración do centenario foi todo un éxito. Volveuse ler a Pardo Bazán coma nunca antes se lera. Pero o que de verdade sería máis interesante é que a xente continuase a ler as súas obras, porque a mellor homenaxe que se lle pode facer a un escritor, neste caso escritora, é o de lelo. Por outra banda, curiosamente eu mesmo descubrín que onde se está a estudar máis a súa obra é en universidades de Estados Unidos

–Cales son as principais virtudes que Vde. sinalaría da obra literaria de Pardo Bazán?

–En primeiro lugar, o naturalismo. Cando en España parecía un pecado seguir a pista dun realismo tan selvaxe, tan a flor de pel, como o que se estilaba noutros países de Europa, ela foi quen de escribir naturalismo puro e duro sobre a realidade galega tanto urbana como rural, algo ao que non se atrevía case ninguén neste país. Pero, outro dos grandes méritos seus, foi que non se quedou estancada nese naturalismo, senón que sempre estivo atenta ás novas tendencias: ao simbolismo, ao modernismo, e iso reflectiuse nunhas novelas maravillosas como La sirena negra e, sobre todo, La quimera.

–Quen foron os autores que máis a influíron e en que escritores de épocas posteriores influíu ela?

–Nela influíu moitísimo Benito Pérez Galdós, que foi quen lle descubriu o realismo. E, despois, Emile Zola, da man de cuxa obra foi introducire no naturalismo. Eses foron os seus principais influxos. Que sobre que autores influíu ela? Eu citaría, por exemplo, moi claramente, a Gonzalo Torrente Ballester; estou certo de que a triloxía Los gozos y las sombras non se tivera escrito sen que Torrente fose antes un grande lector de Pardo Bazán. Menos, aínda que influído sen dúbida, tamén estivo Camilo José Cela, sobre todo en La colmena. Pero eu aínda diría que o seu influxo chega á novelística actual, na que vexo pegadas de dona Emilia en determinadas novelas de Arturo Pérez Reverte. De feito, un alumno meu ata se atreveu a escribir nunha tese que “Arturo Pérez Reverte é a Emilia Pardo Bazán dos nosos tempos”, e sen ir máis lonxe o propio Arturo ten recoñecido ser lector dela.

–Los pazos de Ulloa está considerada a súa obra cumio. Por que?

–Hai moitas e variadas razóns pero, visto coa perspectiva que dá o paso tempo, eu son dos que coido que nunca ninguén reflectiu tan ben o agro galego como o fixo dona Emilia nesa novela.

–É indiscutible o seu amor por Galicia pero. en que liña política habería que situar a Pardo Bazán?

–Certos sectores do nacionalismo galego aproveitaron a celebración do centenario para dicir moitas mentiras sobre Pardo Bazán, utilizando como fonte a Manuel Murguía, que nunca se levou ben con ela. É mais, eu atreveríame a dicir que a odiaba. Pero o certo é que dona Emilia amaba apaixonadamente a Galicia, a toda Galicia, de feito viviu por tempadas en todo o país galego. Eu dedico un capítulo do libro a este tema, onde coido que podemos chegar á conclusión de que ela era galeguista. De feito, no discurso inaugural do Centro Galego de Madrid, Emilia Pardo Bazán chega a dicir que Galicia é unha nacionalidade; isto é, que recoñece o valor de Galicia. Evidentemente, na súa época non existía o nacionalismo tal e coma hoxe o entendemos, pero si o rexionalismo, e esa era a corrente coa que ela se identificaba. Non obstante, iso si, ela criticou moito o nacionalismo racista de Manuel Murguía e mais as súas presuntas raíces celtas, e está máis no lado dun rexionalismo de dereitas, como viña resultar esoutro de Alfredo Brañas, ata que a este “se lle foi a cabeza”, como no seu día o foi criticar. Volvendo a ese discurso, velaí é onde ela recoñece o feito diferencial galego, que Galicia ten unha identidade propia.

Compartir el artículo

stats