Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“O primeiro e o mellor”

200 anos de Antolín Faraldo

Monumento a Antolín Faraldo (1822-1853) na rúa do Alfolí, no barrio da Ribeira de Betanzos, a súa cidade nativa. Arquivo

A zona da rúa Carral, en Vigo, sempre me foi familiar. Ao subir por ela, e voltearse no alto para sentir o frescor da brisa mareira, véñenseme os recordos infantís: os barcos de marquetería postos sobre repisas ou voando entre galernas dun local angular; a vitrina dunha armería que me fascinaba; “O Tabique”, bar onde entregariamos boa parte da nosa saúde xuvenil. Ao chegar á cima, coa inocencia do pícaro, empampanábame ante o Hotel Moderno, sobre todo coa lámpada do vestíbulo barrocamente adornada. O sereo a nadar entre nubes, o olor a café en Marqués de Valladares, o queridísimo comercio de “Encajes Mari Carmen desde 1951”, Bonilla, Tobaris… Nós parabamos na perruquería Minguela, sita nesta rúa Carral. Alí cortabamos o pelo o meu avó Morgan (mariñeiro do Berbés), o meu pai, irmáns e mais eu. Entón non había teles na sala nin móbiles nas mans. Ou tebeos ou ouvir os vellos. Incluso, por certa sincronización sensorial, ambas á vez.

Non lembro preguntalo. Nin sei se saberían responderme. Mais o nome desta céntrica rúa viguesa recorda os mandos militares executados na vila de Carral o 26 de abril de 1846. Os Mártires de Carral pagaron coa vida o soño da liberdade cincelado coa revolta de signo protonacionalista. En total trece fusilados, e un sarxento en Betanzos. Aínda menos mal, porque solicitaran igual sorte para oitenta e oito almas máis. Ao ano do triunfo da revolución de 1868, antesala da I República, bautizaron con Carral esta costeira. Restauración, ditaduras e monarquía non mudaron nada. Seguramente por incultura.

Moitos clientes de Minguela descoñecerían o porqué do nome da rúa, coido que tantos como descoñecen o verdadeiro líder daquela rebelión do 46, que se facía chamar Antolín Faraldo. E, porén, a el debemos simbolicamente o autogoberno galego. E é que Faraldo sinalou o horizonte de liberdade. Atraveso de artigos, falounos da historia con acento patriótico, da república como cultura e sistema, do feminismo, da tolerancia relixiosa, da liberdade de opinión, do concepto de nación. El soubo detectar as feridas da terra, que se desangra deica hoxe, con perspicaz ollo e mellor entendemento: a cuestión das comunicacións internas ou as diferenzas socioeconómicas entre a costa e o interior. E esa faísca metalúrxica brillou de entre a multitude. Non se torceu ante a censura e represión. Ao contrario: repoñíase con máis contundencia grazas ao estilo rectilíneo da palabra, á vibración eléctrica da oratoria e a unha incorruptible ética. Faraldo foi alma e intelixencia da revolución do 46.

Betanzos, antiga provincia de destacadísimo pasado, tomouno do claustro da súa nai hai 200 anos. Pero a febre amarela matouno en Granada cando non chegaba ás trinta primaveras. E nunca retornou.

O pensamento de Faraldo vive entre nós pero nós desterramos da memoria civil e política a Faraldo. O fundador e precursor, “ primeiro e o mellor” (Murguía dixit), o mozo sen mácula, adiantado ao tempo, solidario até a morte, comprometido coas causas xustas, mantense hoxe coma unha negra sombra na conciencia colectiva do noso pobo. El, quen no derradeiro acto público bramou contra o abandono das familias galegas mortas de inanición por mor da Gran Fame de 1853.

Avenidas, prazas, alamedas… cantas teñen por nome a Faraldo? Excluíuse até do Panteón de Galegos Ilustres (todos debedores comezando por Rosalía e Castelao). Nin un mísero recordo pra el. Mais se hoxe temos autonomía, fraca ou suficiente, débese a quen un día sinalou o camiño. Ese é o maior legado de Faraldo. Esa é razón pola cal a súa vida tivo tamaña transcendencia. Ese é o motivo da urxente rehabilitación da figura. De rapaz tomei entre as mans os volumes da Gran Enciclopedia Gallega. Nela descubrín que Galiza era un mundo construído ao longo dos séculos, man con man, mente con corazón. A través das fotografías coñecín a anatomía da extensa xeografía galega e puxen rostro aos fundadores da conciencia nacional. Velaí Faraldo.

Escribo isto, en xullo do 22, no sentir das cinsas do Courel. Sinto a voz de Novoneyra, puro como o val e resistente como os cumes: “Galicia, será a miña xeración a que te salve?”. Dende Faraldo e con Faraldo sostemos o mesmo desexo. Mentres, o país arde.

Compartir el artículo

stats