Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cadaleitos e bebés

Un paseo entre festas senlleiras

Procesión dos cadaleitos en Santa Marta de Ribarteme (As Neves). FOTO: MARTA G. BREA / ARQUIVO

“Galicia, terra meiga”: as crenzas aférranse forte ao seu entorno penetrante e, por máis que pase o tempo, seguen a latexar en forma de lendas e tradicións. Os costumes máis peculiares, as danzas e voces que as acompañan, e mesmo as súas festividades, son o eco do pasado, orixe dun folclore tan característico como intrigante. O xornal británico The Guardian calificou a romaría de Santa Marta de Ribarteme, no municipio pontevedrés de As Neves, como a segunda festa máis singular do mundo: un evento que contaba cunha tradición ancestral e que cada ano atraía moitos visitantes grazas á procesión dos cadaleitos, tamén coñecida como “a procesión dos mortos vivos.” Porén, este 29 de xullo non houbo persoas vivas nos cadaleitos e tampouco ataúdes. O párroco, Don Francisco Javier de Romero, tomou a decisión de acabar coa efémeride, nun intento de afastarse da superstición que vira arredor da santa ou do espectáculo que, a fin de costas, supón a festa. Unha decisión que, por suposto, tornouse rapidamente en polémica.

El Colacho en Castrillo de Murcia (Burgos)

É moi común dicir “eu non creo nas meigas”, pero en Galicia “habelas, hainas”. A romaría de Santa Marta de Ribarteme non é a única que abriga as características máis inusuais. As festas forman parte do noso repertorio cultural e existen celebracións do máis variopintas. Algunhas seguen procesións ou rituais nos que, contan as tradicións, se procura curar os enfermos, escorrentar as meigas, afastar os males, acabar coa soltaría ou mesmo solucionar problemas cutáneos. Unha das máis coñecidas é a de San Benitiño de Lérez, en honor a San Benito “o Santo máis milagreiro”, segundo os cantares populares. Festexada o 21 de marzo e o 11 de xullo nos arrabaldes de Pontevedra, os devotos acoden a ela, entre outras cousas, para desfacerse das verrugas. Por iso, é frecuente ofrecer velas e figuras que representan partes do corpo que se desexa curar ou protexer, e un dos seus ritos máis especiais é a unción do dedo na lámpada de aceite, á que se atribúen propiedades milagrosas.

A lenda acompaña sempre o Santo André de Teixido, moi próximo a Cedeira (A Coruña), onde todos debemos ir polo menos unha vez na vida. Así o recomenda o refrán popular que di “Ao Santo André de Teixido tres veces vai de morto o que non foi unha de vivo”; no peor dos caso,s terá que facelo na pel dun animal. Cada 8 de setembro festéxase a romaría na súa honra, momento no que os fieis teñen ocasión de pedir un desexo e saberen se lles será concedido. O ritual para facelo consiste en beber da fonte dos Tres Canos, botar unha miga de pan á auga e, se esta flota, a petición será escoitada.

En Galicia temos todo tipo de festas. Desde romarías como as dos Caneiros, celebradas en Betanzos o 18 e 25 de agosto e nas que barcas engalanadas transportan os asistentes adeica o alto do río Mandeo, ata multitude de festexos arredor do entroido, como o de Laza (Ourense), onde choven fariña e formigas. Tamén é característica a romaría da Nosa Señora da Barca, en Muxía, o 11 de setembro. A santa non protexe contra ningún mal en concreto, pero atende aqueles desexos que lle son solicitados con fe. Nos arredores do santuario, preto do mar, atópanse uns penedos que forman parte dun rito pagán. O culto ás pedras é moi habitual en Galicia e, neste caso, preséntanse como “A Pedra dos Cadrís”, pola que deberán pasar nove veces por debaixo os que padezan problemas reumáticos; “A pedra de abalar” que produce un curioso son cando hai indicios de inocencia fronte a unha acusación; e “A Pedra dos namorados”, allea á lenda, pero onde as parellas se prometen o seu amor e fidelidade.

Ao longo da península existe tamén unha multitude de festas curiosas como a Fin de Ano en agosto de Bérchules (Granada), que ten a súa orixe no apagón que sufriu a vila durante a Noitevella de 1993; e El Colacho, festexada en Castrillo de Murcia (Burgos) desde 1621. É unha celebración relixiosa que simboliza o triunfo do ben sobre o mal e na que un personaxe burlesco que representa ao demo tenta impedir a festa a toda costa. O momento máis esperado e cando salta por enriba dos bebés nacidos ese ano na localidade e despois un sacerdote bendice os infantes. O ben triunfou así sobre o mal e a festa... a festa continúa.

Onde procesaban os “mortos-vivos”

En 2020, a romaría de Santa Marta de Ribarteme foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, precisamente o primeiro ano en que non se festexou pola crise da COVID-19. A súa orixe é incerta, aínda que algúns expertos a sitúan na Idade Media. Con todo, acadou un importante impulso no último século.

Antes de que fose cancelada, cada 29 de xullo, os vivos ofrecíanse no interior dos cadaleitos á santa, procesando a carón de seu, a ombros de amigos e familiares. Eran mortos-vivos que pedían a súa intercesión, un milagre que lles curase dalgunha grave enfermidade ou facían o percorrido en nome de algún ser querido. Isto débese a que, segundo o Novo Testamento, Marta solicitou a intervención de Xesús para que o seu irmán Lázaro, que levaba catro días morto, retornara á vida. Ao concederlle esta resurrección, ela converteuse na intercesora á que pedir pola saúde nos momentos críticos.

Co tempo, a romaría volveuse un grande espectáculo atractivo para o turismo e, certamente, que festa en España non o é? Os fregueses nos cadaleitos ían acompañados por un auténtico repertorio literario, pois contaban con mensaxeiros das súas súplicas. Tratábase de cantores que, en forma de dous tríos formados por dous mulleres e un home, entoaban as pregarías en estilo “alalá” ata chegaren ao santuario.

Compartir el artículo

stats