Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un relato plural

Intensa, fluída, engaiolante

Moncha Fuentes vén de tirar do prelo en Xerais O tradutor de sombras, a súa segunda novela, despois de que hai catro anos publicase O mar que nos leva, merecidamente Premio da Crítica 2019. Coa mesma lingua fluída, intensa, precisa e engaiolante, cun ritmo amable e con sustrato e transfondo literario, por veces mesmo poético, a autora trasládanos desde os tempos da República á actualidade e por moi diversos lugares de Galicia, e mesmo Portugal, en secuencias temporais moi distintas. Deste xeito, e a través de Roque Corbal, o protagonista narrador masculino, asistimos á exposición dunhas pseudofalsas memorias que nos relatan segredos familiares ocultos polo silencio e un tecido de veos intraspasables; entre eles, as razóns ocultas do suicidio do seu pai. Corbal vén ser, entón, o tradutor desas sombras que permanecen na memoria. Ademais, repásase -tamén desde a historia familiar- durante ese longo período de tempo, o devir do nacionalismo galego a carón dos acontecementos políticos e sociais máis destacables, tanto desde a perspectiva da resistencia antifranquista como da evolución da psiquiatría no noso contexto.

Con todo, cabería a impresión de que o proxecto novelístico podería ser moito máis ambicioso, pois as 176 páxinas dos 26 capítulos do libro non fornecen maiores emprendementos; con todo, dá a impresión de que foi a vontade da autora poñer eses límites que ao final nos deixan con expectativas e ganas de máis, polo que en moitas ocasións nos vemos obrigados a reler algúns episodios na procura de explicacións de non doada interpretación. E é que, ademais das conversas entre avó e neto, existe unha serie de personaxes con diferentes perspectivas dos acontecementos, o que obriga o lector a un labor de harmonización interpretativa.

Roque Corbal, profesor e tradutor, devén un verdadeiro alter ego da nosa autora, a través do cal, como dixemos, se introducen secuencias autobiográficas, ás veces de forma moi diluída e noutras ocasións marcadamente verosímiles, realistas ou reais, nunha especie de tradución alterna entre autora e personaxe/personaxes, que fan tamén de tradutores noutras voces, mesmo de distintas xeracións e extraccións. Por veces, os tales personaxes están ao límite, do lado perdedor, desamparados, no bordo do abismo, e polo mesmo resultan tamén entrañables. Néstor, o avó, con quen o protagonista ten unha estreita relación, vello galeguista, revélase profundamente humano e cargado de luces e sombras. Outras valoracións merecerán personaxes históricas e reais que aparecen na novela, e que deixaron fonda pegada. Entre todos, constrúen este relato plural do que poderán gozar Vdes. nalgúns días deste verán.

Portada do libro

FUENTES, Moncha, O tradutor de sombras, Xerais, Vigo, 2022, PVP. 16,62€

Compartir el artículo

stats