Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A madureza dun artista

Das obras inéditas de Laxeiro

19

Inauguración da exposición Laxeiro descoñecido II. Obas inéditas da segunda época. Alba Villar

A Fundación Laxeiro, na súa sede viguesa na rúa Policarpo Sanz, presenta unha exposición de debuxos e pinturas do pintor de Lalín con traballos inéditos da etapa de madureza do artista, todos procedentes de distintas coleccións privadas. Estas vinte e catro obras de Laxeiro, realizadas na súa totalidade entre finais dos anos cincuenta e o ano noventa, conforman unha coidada escolma do pintor e son froito do traballo de catalogación que a Fundación Laxeiro vén realizando para dar continuidade ao labor desenvolvido co catálogo universal, obra que foi publicada en 2009. O proxecto dá continuidade ao presentado hai poucos meses: Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas de primeira época, exposición onde se puideron enxergar pinturas e debuxos sobre todo dos anos trinta e corenta. Polo demais, a nova mostra testemuña o mundo ecléctico do Laxeiro maduro, xa instalado en Buenos Aires desde comezos da década dos cincuenta, onde o artista vai vivir e traballar mergullado nunha nova realidade xeográfica e cultural que fai que se mova nun ambiente ao mesmo tempo cosmopolita e galego, aberto a todo tipo de influencias e contactos, mais cunha fidelidade intensa cos temas de tradición galega que o noso pintor nunca vai abandonar.

A evolución que manifesta a pintura de Laxeiro mantén a expresividade da etapa anterior, que podemos recoñecer nas figuras deformadas e na paleta escura e traballada que por momentos se fai menos rugosa e adopta certo onirismo. Simultaneamente ábrese a influencias do informalismo e da nova figuracion, aspecto que destaca durante durante todo o período dos cincuenta, sesenta e setenta.

Desde os cincuenta, os traballos de Laxeiro conectan co ambiente estético internacional do seu tempo e, nunha parte relevante da súa produción, cunha linguaxe de esgrevio informalismo disolve a realidade en cor e xesto por medio de estruturas rítmicas, de trazo enérxico mais que conservan o seu mundo peculiar, con Galicia ao fondo. A principios dos anos sesenta a obra de Laxeiro volve a sufrir unha mudanza significativa; experimenta continuamente e adéntrase en terreos moi achegados a unha abstracción orgánica e colorista en que a liña do debuxo, tan importante para el, ás veces desaparece. Faise evidente unha especie de retroalimentación entre Laxeiro e a realidade que estaba a vivir no Buenos Aires dos anos sesenta e que traerá como linguaxe conformada ao seu regreso a Galicia, a partir de 1970.

A obras da mostra O Laxeiro descoñecido II confirman a percepción dun Laxeiro que como creador que pertence ao que o coñecido artista expresionista Oskar Kokoschka denominaba “pintores lexítimos”, os que non teñen máis remedio que ser expresionistas; para os que a pintura é unha respiración fonda, para os que a arte é confesión, porque parten dunha tensión íntima, dun conflito que está na cerna da súa identidade.

Título: Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época.

Autor: Laxeiro.

Comisario: Javier Pérez Buján.

Local: Fundación Laxeiro, Rúa Policarpo Sanz 15, 3º, Vigo.

Trazo sensual, xesto espontáneo

 A pintura de Laxeiro segue a moverse nestes anos no territorio do grotesco, no amplo sentido que o termo abrangue, unhas veces esaxerado, noutras ocasións asimilado ao deforme, outras achegado ao satírico ou mesmo ao onírico. De todas estas lecturas do grotesco participa a arte de noso pintor, co seu gusto polo esperpento e as carautas, o entroido e o caricaturesco. É o seu un “grotesco” popular que afunde as súas raíces no mundo social das camadas máis baixas da sociedade que comezara a ser representado na grande arte no século XIX (Courbet, Daumier...) e que en Laxeiro é tamén unha forma de pintar Galicia, o seu país, só entendible desde os fundamentos ligados ao pobo, por medio desa imaxinaría popular espallada en disfraces, carautas, cabezudos, trasnos, etc. Con todo e con iso, estas características que se poden percibir na totalidade da produción do artista serán moduladas na súa etapa madura. Como sinala atinadamente o comisario da mostra Javier Pérez Buján, a súa narrativa segue a procurar a inspiración na cultura popular, ás veces cunha tenrura inédita con respecto á súa primeira época. Mesmo cando revista a súa característica estética granítica -o que fai con moita frecueencia-, semella facelo sen o tenebrismo que caracterizara as súas obras dos anos trinta e corenta. Noutros casos, leva esa narrativa a unha especie de surrealismo onírico que sorprende pola súa pegada inconfundíbelmente laxeiriana e, desde aí, mergúllase nos camiños da abstracción, en que o misterio articula todo o relato, quer no ámbito da xeometría, sempre levada á sensualidade do seu trazo, quer no ámbito do xesto máis espontáneo.

Desde estas coordenadas Laxeiro Descoñecido II. Obras inéditas de segunda época pode ser visto como unha pequena mostra que sintetiza os variados e ricaces vieiros que fan da obra de Laxeiro unha das máis valiosas da pintura galega do pasado século.

Compartir el artículo

stats