Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia mineira

Museo do Ferro, Torre de Moncorvo

Vista dos xardíns do museo. Arquivo / Tere Gradín

En 1993, a Câmara Municipal de Torre de Moncorvo –concello do nordeste transmontano, no distrito de Bragança– asinaba co Projecto Arqueológico da Região de Moncorvo un protocolo de colaboración que daría orixe ao novo Museu do Ferro e da Região (MFRM). Desde entón todo ese pasado está rexistrado e ilustrado no solar do Barão de Palme, un edificio do século XVII, antigo cuartel xeral da GNR. As diferentes salas do espazo museístico, ademais da memoria da mineiría, recollen pezas de arqueoloxía, etnografía e historia.

Entre as coleccións destacan as ferramentas e equipos utilizados pola empresa Ferrominas, que explotou a zona, e que se complementan con outros elementos relevantes da arqueoloxía industrial portuguesa. O espazo expositivo acolle así mesmo obxectos etnográficos de interese rescatados de antigas forxas e un interesante acervo xeolóxico constituído por mostras de rocas e minerais da rexión. Así mesmo o museo conta cun numeroso conxunto de fotografías, libros, rexistros e outros documentos que mostran ao visitante como era Moncorvo hai un século e a súa paulatina evolución.

Vista do museo desde os xardíns. Fotos: Tere Gradín

O espazo conforma o relato da industria mineira en Torre de Moncorvo, que abarca unha ampla zona na Serra de Reboredo, onde se calcula que existían uns 670 millóns de toneladas de mineral de ferro. O museo ilustra tamén o período de maior auxe da extracción, que vai desde a Segunda Guerra Mundial ata o peche das minas nos anos noventa, onde chegaron a traballar ata dous mil persoas. Ademais proxéctase un documental da década dos 50 que mostra como se extraía o mineral, un traballo entón case todo manual e esforzado. Tamén se poden coñecer os obxectos cos que se sacaba o ferro na época romana. Na zona atopouse un ronsel de granito con catro mil anos de antigüidade ao que chaman “Menina dos Olhos”.

Sala con ferramentas.

O edificio conta cun amplo xardín poboado con árbores e plantas da rexión. Tamén cun grande auditorio semicircular onde se realizan numerosos eventos seguindo a programación cultural do museo: exposicións de pintura, de fotografía, conferencias ou outras actividades. Sempre que é posible, a institución organiza visitas ao antigo barrio mineiro de Carvalhal, onde se asentou un importante poboado con casas e igrexa e que atraeu numerosos traballadores. Co peche de Ferrominas algúns regresaron ás súas localidades natais pero outros permaneceron en Moncorvo, o que propiciou o crecemento do municipio e o mantemento dunha poboación nova e dinámica. Outros motivos de interese nesta zona son o forno romano de Carvalhal, as escorias de ferro de Salgueireda ou os vestixios da explotación mineira de Cabeço da Mua e Carvalhosa.

Unha da salas do espacio expositivo.

O solar do Barão de Palme, sede do museo, está á beira da igrexa principal de Torre de Moncorvo, dedicada á Virxe da Asunción e patroa da vila, de grandes dimensións. Empezou a ser construída en 1544, pero foi soamente un século despois cando se remataron as obras. Considerada unha das igrexas parroquiais máis grandes do país, trátase dun impoñente edificio de granito cuxa verticalidade se ve acentuada pola gran torre que sobresae do corpo da construción. Xa no exterior destacan como elementos decorativos as gárgolas con formas zoomórficas, antropomórficas e de seres híbridos en curiosas posturas. O interior, tamén de grandes dimensións, está dividido en tres naves da mesma altura, enriquecidas pola presenza de varios altares barrocos. Destaca o valioso retablo do altar maior, executado polo escultor de Braga Jacinto da Silva en 1752.

Esta igrexa é coñecida popularmente como “de figos e de mel” porque conta a lenda que naceu unha figueira no medio da fachada e na parede exterior ao lado dereito asentous unha colmea que, tras varios intentos de limpeza, se manten no lugar.

“Coisas para ter no coração”

Moncorvo, ademais de adegas e amendoeiras, ten outros museos que exhiben a historia e mais os costumes desta zona viñateira. O Museu de Arte Sacra é un dos máis visitados, á vez do Museu do Ferro e do Núcleo da Fotografia. Do antigo castelo que dá nome á vila quedan os muros que delimitan o centro histórico, con edificios notables e elementos de interese. Ao patrimonio súmase unha tradición artesá que tivo expresión nos ferreiros, oleiros, cereiros, latoeiros, cesteiros e tecedeiras.

En Felgueiras ubícase un antigo lagar de cera hoxe musealizado e a 15 quilómetros da vila; en Adeganha atópase unha aldea máxica chea de lendas. Ao seu encanto rural engade a historia da igrexa de Santiago, monumento tardorrománico coas figuras das “Tres Marías” esculpidas nun dos perpiaños da fachada. Durante os séculos XX e XXI foron executados traballos de conservación no interior que puxeron ao descuberto varias pinturas murais, descoñecidas ata entón. Esta profusa representación iconográfica do templo, esculpida e pintada, non estaría apenas consagrada á predicación do Evanxeo e as vidas dos santos, senón tamén a desvelar outras historias, máis profanas, cuxa evocación aínda sobrevive nas lendas e tradicións locais. Saramago na súa obra Viagem a Portugal deixou escrito que “a igreja de Adeganha é coisa para ter non coração, como a pedra amarela de Miranda”.

Compartir el artículo

stats