Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Armar a memoria do mar

Museo da carpintaría de ribeira, Bueu

Perspectiva do estaleiro musuelizado, na actualidade. Arturo Sánchez Cidrás

A carpintaría de ribeira é, segundo o tesauro do Ministerio de Cultura, “a técnica de carpintaría de armar empregada na construción de barcos de madeira, desde pequenas embarcacións (dedicadas, maioritariamente, á pesca, transporte, deporte ou recreo) ata buques (barco con cuberta que, polo seu tamaño, solidez e forza, é adecuado para navegacións ou empresas marítimas de importancia”.

A cultura marítima e fluvial ten unha enorme importancia na historia das civilizacións clásicas, desde Exipto a Grecia, pasando por Roma, Fenicia e os pobos nórdicos, que desenvolveron as súas técnicas de cabotaxe polo norte de Europa e o mar Mediterráneo cunha finalidade mercantil ou militar. En Galicia, as primeiras referencias escritas relativas á construción naval datan do século XII, cando o arcebispo Xelmírez creou unha flota de galeras para defender a nosa costa das razias de viquingos e normandos. Isto aconteceu no tempo no que a nosa armada estaba composta maioritariamente por embarcacións construídas nas carpintarías de ribeira especializadas na pesca de baixura, así como no comercio de cabotaxe.

As bondades de conservar a cultura marítima tradicional de noso asentaron recentemente na Consellería de Cultura que, en 2019, declarou Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira. Esta manifestación tecnolóxica e cultural é, en palabras de Covadonga López, directora do Museo Massó, “un elemento identitario de Galicia de primeira orde, xa que as sociedades marítimas non poderían facer do mar o seu medio de vida senón fose polos carpinteiros de ribeira”.No Morrazo estas carpintarías tradicionais sufriron nas últimas décadas un alarmante proceso de deterioro ou perda definitiva. Velaí os exemplos do estaleiro de Lemos ou o das Laxes (Domaio, Moaña), do estaleiro de Calrago e Casqueiro (Moaña) ou do estaleiro de Acuña (Vilaboa). Non é, felizmente, este o caso da carpintaría de Purro en Bueu, que goza de protección legal desde o ano 2011 e segue o ronsel de estaleiros como o de Mendieta, en Lekeitio, que vén sendo recuperado desde o ano 2010 polo concello e mais o goberno vasco.

Inauguración

Este mes de xullo o Concello de Bueu vai inaugurar a musealización do antigo estaleiro de Purro na Banda do Río, un obradoiro tradicional fundado por José del Río Casal no primeiro terzo do século XX. Este obradoiro artesanal foi logo adquirido pola súa avoa para que puidera traballar o seu fillo, José González Cortizo -Purro-, onde manufacturou, entre outras, a lancha xeiteira que se exhibe no Museo do Pobo Galego. O último artesán en traballar nel foi Manuel González Ferradás, fillo de Purro, do que herdou alcume e oficio. Así, no estaleiro de Bueu poderanse contemplar en breve, grazas a un proxecto museográfico diáfano que deixa á vista a súa arquitectura efémera e adaptativa, a maquinaria, as ferramentas e unha serie de pequenas embarcacións tradicionais entre as que destaca o bote polbeiro de Bueu. As técnicas de construción de embarcacións tradicionais centran o discurso expositivo do primeiro museo de Galicia dedicado, monograficamente, á carpintaría de ribeira.

O edificio que acolle o museo está composto por unha pequena oficina, unha zona para trazado de proxectos, outra para a elaboración das pezas de madeira onde se sitúan o banco e as ferramentas, un grande alboio para a construción dos cascos baixo teito, unha área descuberta para almacenamento e secado da madeira e o varadoiro con vías, orientado sempre en perpendicular á beiramar.

O novo museo nace coa vontade de enriquecer e complementar a oferta de coñecemento da cultura marítima tradicional de Galicia que xa ofrece na mesma vila o Museo Massó, así como o Museo do Mar en Vigo e o Museo do Mar de Rianxo. Parabéns ao Concello de Bueu por apostar por este proxecto de rescate da memoria mariñeira e do orgullo do saber artesanal que confirma que Galicia non é só a fin da terra, senón tamén o lugar no que principia o mar.

Estaleiro de Purro, en Banda do Río, Bueu, no 1986. Arturo Sánchez Cidrás

Asociación Os Galos

O futuro do estaleiro de Purro vai da man da asociación de amigos das embarcacións tradicionais Os Galos, que traballa sen descanso pola conservación da cultura marítima desde hai dúas décadas. Os encontros de embarcacións tradicionais que se celebran anualmente en Bueu coa colaboración da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e mais o concello, xunto cos traballos de construción e reparación de barcos históricos son unha mostra dun labor impagable que cada ano enche as velas do saber mariñeiro de Bueu.

Se os estudos e a memoria documental das embarcacións tradicionais figuran no haber de estudosos como Staffan Mörling, José Mª Massó, Suso Cubeiro ou Fidel Simes, a recuperación material destes barcos é debedora da vontade e o empeño de asociacións como Os Galos, que presidiu o recordado activista Víctor Domínguez, pioneiro na demanda de conservación do estaleiro bueués.

A Os Galos debémoslle a construción e reparación de varios botes xeiteiros e polbeiros, lanchas, chalanas, dornas, traíñas, gamelas e choupáns. Sen o seu saber e coñecementos a carpintaría de Purro sería un espazo museístico pasivo e convencional, polo que a súa vinculación á xestión do proxecto sería unha garantía de viveza pedagóxica e dinamismo para este novo espazo dedicado armar a memoria do mar de Galicia.

Compartir el artículo

stats