Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Volumes misteriosos

Códices da vertixe hipnótica

Biblioteca Beinecke (Universidade de Yale). Arquivo

Dende que o ser humano foi quen de plasmar por escrito os seus soños e imaxinacións, as súas elucubracións e avesos pensamentos, as súas visións e intuicións foi xerándose todo un caudal literario que acabou por alimentar as máis enigmáticas e insólitas obras. Estes libros misteriosos, libros raros, sono por moi diversas causas, mais sempre espertan un fascinio e insaciable curiosidade que nos arrastra a fantasiar sobre eles.

Un destes libros de vertixe hipnótica é o Manuscrito Voynich, un códice ilustrado escrito por un autor anónimo nun idioma incomprensible a principios do século XIV. Desta obra tense dito de todo: que era un libro criptografado, que en realidade se trataba dunha obra escrita nunha lingua precolombina hoxe perdida, que era un texto mestura de linguas asiáticas, que respondía a un idioma políglota ou, directamente, unha lingua inventada. En fin, que nada seguro se coñece sobre a lingua na que foi redactado. E tampouco axuda o seu contido, pois se en parte dá a impresión de ser un herbario medieval, hai moitas ilustracións que recordan o astrolóxico, polo que ben podería ser que tivese que ver cos grimorios tan adoitos no Medievo, cos libros dos alquimistas ou mesmo das seitas e comunidades relixiosas alcumadas de heréticas. Mais, quen sabe, talvez só se trate dun delirio inzado de ilustracións absurdas e abraiantes acompañado dunha cativadora escrita sen sentido.

Como o Voynich existen outros códices ou manuscritos por descifrar: o Libro de Soyga, tamén chamado Aldaraia, ao que parece un tratado máxico escrito no XVI, aínda non desencriptado, do que se sospeita puido ser artífice Edward Kelley, astrólogo e ocultista; ou os Pergamiños Ripley, poida que obra dun alquimista do XV do que se fantasea atopou a Pedra Filosofal e que encerran vinte e tres manuscritos iluminados, cheos de símbolos e emblemas que fixeron perder o tino ao mesmísimo Isaac Newton.

Páxina do Manuscrito Voynich. Arquivo

Outros volumes que de sempre imantaron a atención dos eruditos foron o Musaeum Clausum (catálogo de obxectos imaxinarios inventado en 1684 por Thomas Browne); o Codex Rohonczi (escrito a mediados do XVIII e atopado na cidade húngara de Rohonc, que moitos cren unha impostura do anticuario transilvano Sámuel Literáti Nemes, obra que reúne escenas relixiosas, laicas e militares nun híbrido lingüístico que pode ir do sumerio ao hindí); ou o Liber Linteus (un escrito, parece que en etrusco, do III a. C., logo transcrito a papiro de liño exipcio, que permaneceu oculto ata o XIX, cando o descubriu un militar croata como envoltorio dunha momia). E por un motivo ben diferente non deixa de abraiar tampouco o coñecido como Codex Gigas, por moitos chamado ‘Código do Demo’, pergameo latino do XIII escrito polo monxe checo de Podlazice, Herman o Recluso, que realizou un dos libros máis asombrosos polo seu tamaño e peso (75kg que responden a 22 centímetros de grosor e unhas medidas de 89 por 49cm) antes de morrer emparedado vivo.

Tamén existen moitas obras que mantiveron en vilo a través dos séculos aos interesados no ocultismo e nos cultos relixiosos máis transgresores. Aquí cumpriría lembrar o Libro dos Conxuros de Honorio (obra mestra da maxia negra, que ensina como inverter as oracións cristiás para invocar demos e que se lle apón ao Papa Honorio III); ou o Lemegeton Clavicula Salomonis ou Chave menor de Salomón (grimorio do XVII que é un completo compendio para invocar espíritos).

Ben curiosas tamén, tanto polo soporte no que foron escritas coma polo misterioso contido que encerran, son as Kohau rongo rongo, taboíñas de madeira con xeroglíficos dun sistema de escritura descoñecido dos rapa nui da Illa de Pascua, realizados probablemente no século XVIII e que non se ten a certeza do que comunican. Estas madeiriñas están cheas de símbolos ou glifos tallados e parecen representar seres antropomórficos e criaturas fantásticas vagamente parecidas a aves, plantas e animais terrestres e acuáticos, ademais de contar con obxectos celestes, formas xeométricas e ata pequenos anzois.

Edward Kelly, posible autor do Libro de Soyga. Arquivo

A casa dos libros raros

Todo este mundo de pergameos, papiros, incunables e antigos libros de rareza extrema teñen o seu templo na Biblioteca Beinecke de Manuscritos e Libros Raros, pertencente á Universidade de Yale. Nela custódianse non poucos destes textos exóticos, como o célebre Manuscrito Voynich, un exemplar do Alchimia opuscula complura veterum philosophorum (un libro sobre alquimia escrito en latín a mediados do XVI) ou un exemplar da primeira biblia impresa por Gutenberg.

O propio edificio da biblioteca tamén é, en si, un portento de singularidades. Deseñado polo arquitecto estadounidense Gordon Bunshaft nos anos sesenta do pasado século, ten seis pisos de altura mais un andar escavado a quince metros. O exterior é unha fachada sen ventás, construída en paneis de mármore que filtran unha luz de baixa intensidade que crea no interior unha máxica atmosfera ambarizada. Estes paneis marmóreos son cadrados perfectos, deseñados con proporcións platónicas de 1, 2 e 3 (alto, ancho e longo) e ten sido alcumado de ‘caixa de alfaias’ ou ‘laboratorio de Humanidades’. No seu interior descóbrese un espazo acristalado e pechado hermeticamente ao baleiro, que protexe os 180.000 volumes da torre central e o máis dun millón dos andeis subterráneos, que converten esta casa dos libros raros nun dos edificios bibliotecarios máis grandes e espectaculares do mundo.

Compartir el artículo

stats