Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

Memoria de Velo

Na travesía do 'Santa Liberdade'

Aspecto da portada de "Xosé Velo. Textos escollidos".

Da man da Deputación de Pontevedra e cunha edición ao coidado de Aser Álvarez e Lois Codias visibilízase unha das figuras significativas do exilio galego como é Xosé Velo, incluído recentemente no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos e que ao abeiro do Consello da Cultura Galega tentan recobrar a importancia de diferentes persoeiros que na actualidade revélanse descoñecidos. Por iso, é de xustiza salientar nestas páxinas o esforzo de expertos e estudosos que dedican o seu tempo e talento a rescatar do esquenzo o legado do celanovés que nos ocupa “porque poucas voces alertaron tan a berros sobre a indignidade que supuña ser cómplice, por acción ou omisión, das ditaduras ibéricas”.

Tras unha Introdución na que se recolle unha síntese biográfica de Xosé Velo e unhas notas acerca da sorte que correron os seus escritos, contamos cun apartado de Textos nos que de forma cronolóxica dan conta dos acontecementos históricos que en forma de reflexión deu a pluma deste exiliado dende que se iniciou na escrita ata a súa morte. A República, a Guerra Civil e posguerra, o primeiro exilio en Venezuela e o segundo exilio en Brasil son os momentos referenciados e poetizados con palabras doces, amargas, sanguentas, alentadoras, feridas, nostálxicas, amables nas que recolle o pasado –os tempos son chegados–, analiza o presente e nas que fala dun futuro que desexa próspero para Iberia.

Para finalizar o Anexo conta cun texto de Víctor Velo, fillo de Xosé que coma el formou parte dos comandos do DRIL e sabe dos preparativos da operación “Dulcinea” e un Réquiem para un revolucionario de Miguel Urbano Rodrigues no que o portugués deita unhas pinceladas sobre o pensamento e activismo ideolóxico de Velo que poñen un broche de ouro á presente edición.

  • VVAA, Xosé Velo. Textos escollidos, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2022, PVP. 20€

Compartir el artículo

stats