Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teatro

Escenas de Sophie

Da explotación sexual de mulleres

O dramaturgo Roberto Pascual Rodríguez. Arquivo

Sophie non é o meu nome de guerra foi o texto gañador do Premio Rafael Dieste de textos dramáticos en 2021, concedido pola Deputación Provincial da Coruña, que tamén o edita, e por un xurado integrado por Xosé X. Couto, Paula Carballeira, J. F. Castro Paredes, Cristina Domínguez, Marta Pérez, Iria Piñeiro e Manuela Muñiz. O seu autor, Roberto Pascual Rodríguez, ademais de profesor de Teoría e Historia do Teatro na ESAD de Galicia, tamén é director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, e con este texto, ata onde sabemos, inicia andaina de dramaturgo. O volume vai acompañado dun limiar de Cristina Domínguez onde se ofrece unha reflexión sobre a maneira en que emigran moitas veces as mulleres, especialmente as que chegan de países derruídos por barbaries diversas na procura dunha vida digna. Tamén leva na capa unha ilustración de Natasha Lelenco que serve para vincular de forma expresa esas maneiras de emigrar coa trata de escravas. Unha trata que amais da laboral tamén implica explotación sexual, que sempre comeza con formas diversas de violentar e destruír a identidade, de laminar a conciencia persoal. E así as persoas pasan a ser simples obxectos.

O texto dá conta dalgunha desas formas, e así decorre a historia dunha muller, de nome Sophie, que chega á Coruña despois de pasar todos os calvarios posibles desde a súa partida de Yaoundé, Camerún. En realidade é ela quen a vai mostrando, nun conxunto de doce escenas nas que se mesturan diálogos e monólogos, para ofrecer cadros nesa vida longa en infortunios, enorme en padecementos, utilizando a técnica do drama en estacións, que tantas potencialidades ten para facer colaxes. Estamos ante un drama confesional, no sentido en que o reconto de vida é unha maneira de reconstrución e reconfiguración da identidade, mediante un proceso de recuperación de lembranzas, mesmo traumáticas, coa finalidade de exorcizalas e superar a dor, a vergoña, o medo, a frustración, a negrume. Unha técnica que se adoita utilizar en procesos orientados á re-socialización dos suxeitos e recompoñer persoas, espertando e fortalecendo unha consciencia que, como defendía Paulo Freire, debe ser transitiva e crítica, camiño da emancipación. Hai na confesión unha sorte de tentativa de distanciamento, de situar as experiencias nun outro tempo e nun outro espazo, para facilitar que a persoa se sitúe nunha outra perspectiva, desde a que comezar a fechar portas, por moito que sempre sexa difícil esquecer tanta ignominia.

Ilustración da man de Natasha Lelenco. Arquivo

Tras desa historia que Sophie vai tecendo, cos recordos máis agres e acedos, están as historias de moitas nenas e mulleres que fan que a prostitución sexa un dos máis lucrativos negocios, ao ser un universo rexido por relacións de submisión, dependencia, abuso, violencia, posibles grazas á conversión da máis débil en simple obxecto. O deseño da portada, que reproduce a efixie dunha muller africana, é un bo exemplo de como a cultura occidental escribe e reescribe as identidades o que tamén implica un proceso de borrado, pero tamén de conversión en mercadoría.

No drama confesional, a confesión adoita ser un chanzo básico e fundamental na reconstitución da persoa, camiño da redención. Ora ben, a etimoloxía do vocábulo ensina que redimir ou redención, na súa dimensión literal e para alén dos usos relixiosos, ten que ver coa liberación, coa compra da liberdade, para abandonar un estado de dependencia ou escravitude. E por aí vai esta peza, que ao mellor mesmo está asentada nunha historia verdadeira, tanto porque a tal Sophie, criada na aldea de Bamo, pode existir con outro nome, como polo feito de sabermos que en diferentes puntos do planeta nenas e mulleres son obrigadas a entrar no mercado da carne para satisfacción dos que compran sexo e dos que se lucran co negocio. Un texto ben interesante, que propón unha reflexión moi pertinente e actual.

Historias de vida

Entre as moitas lecturas que admite o texto de Habermas, Coñecemento e interese (1968), está a de considerar como os tres grandes paradigmas científicos que contempla se vinculan coa creación literaria, que tamén é unha maneira de explicar ou recrear o mundo. Se reparamos nas propostas de Kuhn ao considerar o ir e vir de paradigmas científicos, formas cambiantes de ver o mundo, as posibilidades de ler as mudanzas literarias, ao abeiro da ciencia e da filosofía, aumentan. Hauser tamén mostrou ideas substantivas para ler a arte e a literatura, fenómenos sociais e culturais inscritos nun contexto histórico, político ou económico. Hai textos, coma este, que incitan esa lectura, complexa, esixente pero moi necesaria.

Despois de Zola e a súa aposta positivista, chegou Maeterlinck cun programa simbolista que alentaba a pulsión hermenéutica, e aínda despois Brecht coa súa posición sociocrítica. Pero a pesar das diferenzas no alcance e finalidades das miradas, as ferramentas a miúdo son comúns, como as historias de vida, relatos mínimos que tanto din de todos e todas nós. E aquí foi a ciencia a que moito aprendeu da literatura, pois xa a Iliada de Homero está chea desas historias, como as das mulleres de Troia, botín de guerra, ou como esta de Sophie, carne de barra. “Old pirates, they rob I”, cantaban Johnny Cash e Joe Strummer nunha versión suprema da canción de Marley, 'Redemption Song'. E así seguimos, de Troia a Camerún, con parada na Coruña.

Compartir el artículo

stats