Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte: exposicións

Do espolio nazi

O díptico flamengo do Museo de Pontevedra

Detalle do 'Ecce Homo' custodiado polo Museo de Pontevedra. Arquivo

O Museo de Pontevedra vén de activar o procedemento de devolución dos cadros de orixe polaca que forman o Díptico da Dolorosa e o Ecce Homo espoliados polo réxime nazi. En consecuencia, e en cumprimento dos tratados internacionais, a institución galega vai facer entrega ao goberno polaco das obras. Unha vez clarificados os aspectos legais, as táboas regresarán a Polonia, en atención á xusta demanda, aspecto que desde a nosa perspectiva nacional contrasta coa situación en que vivimos a respecto do espolio do franqusimo, unha realidade que non pode ser máis elocuente e frustrante. A obra pertenceu en Polonia á colección Czartoryski e reapareceu no mercado español a principios dos anos setenta. Froito da confirmación dos datos e da orixe no espolio nazi en Polonia, o museo galego, de acordo coas normas internacionais, vai proceder á devolución da obra aos lexítimos propietarios, aínda non totalmente acreditados xa que o estado polaco reclama as pinturas mais tamén o fai a familia Czartoryski e previsibelmente serán os tribunais polacos os que clarifiquen a definitiva propiedade das táboas. En canto esta devolución non sexa efectiva de vez, no Edificio Castelao do museo segue a poder enxergarse unha montaxe especial dedicada aos dous cadros flamengos. Estamos perante un díptico que foi comprado no mercado de arte por José Fernández López, fundador das empresas Zeltia e Pescanova, e que ingresou no museo en 1981 como depósito para ser despois adquirido en 1994 pola Deputación de Pontevedra, propietaria do inmoble.

Nada se coñecía nas datas en que foron adquiridas as pezas desta orixe das obras, pensábase que podían ser unhas táboas facilmente existentes no ambiente do coleccionismo peninsular xa que entre nós circularon este tipo de traballos nos séculos XV e XVI.

Desde o punto de vista puramente artístico estamos perante un díptico que representa a Dolorosa e un Cristo coroado de espiñas coas mans entrelazadas. Trátase dun traballo plenamente inserido dentro da tradición flamenga do século XV, aínda que xa realizado no XVI, que foi inicialmente atribuído á contorna do famoso pintor Dirk Bouts, (1410/20-1475), artista nado en Haarlem, nos Países Baixos do Norte e que se sabe que traballou en Lovaina inicialmente influído polo estilo de Jan van Eyck e Petrus Chistus e despois máis afín ás fórmulas de Roger van de Weyden. Na actualidade crese que o díptico de Pontevedra é obra dun seguidor de Albert Bouts (1451/55-1549), fillo de Dirk, e realizado cara a metade do século XVI, como semella testemuñar o marco orixinal con representación de tenantes e anxos meniño de ar manierista, que contrastan fortemente coa Dolorosa e mais o Cristo. Como se pode tirar desta tan diferente cronoloxía, estamos perante unha pintura que responde con fidelidade aos prototipos de Dirk Bouts, recorrentemente reproducidos, que hai que ligar a un amplo mercado internacional que demandaba obras de formatos reducidos relacionados cos novos hábitos relixiosos e de consumo doméstico ou de pequenas capelas familiares.

Cadros da Dolorosa e o Ecce Homo que se atopan depositados no Museo de Pontevedra.

TÍTULO

Díptico da Dolorosa e o Cristo coroado de espiñas

(óleo sobre táboa, mediados do séc. XVI)

AUTOR

Seguidor flamengo de Albert Bouts

LOCAL

Edificio Castelao, Museo de Pontevedra, Pontevedra

Os pintores e escultores flamengos dos séculos XV e XVI pintaban e tallaban imaxes destinadas ao culto e á oración, que se adecuaban ás novas tendencias espirituais de finais da Idade Media, con proliferación de oratorios e capelas privados, e cunha devoción virada para a contemplación dos obxectos sagrados e para unha unión persoal da alma con Deus, algo que o díptico de Pontevedra recolle con claridade.

Botus e a representación de Cristo

Este tipo de pintura facía pública a imaxe mística e transportaba o devoto espectador á escena evocada, en sintonía coas prácticas de devoción íntima que se impoñen nas últimas décadas do medievo, como reforza o texto do himno Stabat Mater Speciosa que se le no marco que rodea a imaxe de Cristo: “Quis Est Homo Qui Non/ Fleret, Iesumcristum/ Si Videret/ In Tanto Suplitio?” [Que home non choraría ao ver a Cristo en tanto suplicio?] e o que acompaña a Dolorosa: “Quis Posset Non/ Contristari Piam Matrem/ Contemplari/ Dolentem Cum Filio?” [Quen non entristecería coa Nai contemplando tanta dor do seu doliente fillo?].

En concreto, Dirk Bouts foi creador dun modelo de Cristos, o chamado Salvator coronatus en que Xesús se presenta en tamaño busto coa testa cinxida pola coroa de espiñas. Este modelo tivo unha grande fortuna non só en Flandres senón tamén no mundo xermánico e na Península Ibérica, onde foi moi imitado. Cristo coa ollada frontal viste túnica púrpura, unha imaxe do Fillo a sufrir con regueiros de sangue que responden á devoción contemporánea pola Paixón, evocada apenas co rostro de Xesús. É evidente que a efixie de Cristo así elaborada ten un carácter icónico e devocional, potenciado, alén diso, polo fondo neutro e os tons dourados, algo que se pode trasladar á imaxe da Dolorosa, que reza e mostra as bágoas.

Compartir el artículo

stats